Xoves 28 Marzo 2024

Carmen Albo: “O uso de plasma podería evitar o ingreso do paciente na UCI”

A xefa do servizo de Hematoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro explica que xa están contactando con posibles doadores que superaron a doenza

O coronavirus SARS-CoV-2 propágase a velocidade de vertixe polo planeta, pero a ciencia está disposta a aguantar o pulso na carreira. Hai un traballo de longo percorrido para buscar a vacina, mais ao mesmo tempo nos hospitais é esencial actuar rápido e ben para salvar o maior número de vidas posibles. Desde o comezo da crise, os científicos da rama sanitaria nos países máis afectados pola epidemia están a analizar con detalle cada un dos tratamentos que se aplican ao paciente, e comunicándoos ao resto da comunidade investigadora para orientar as presentes e futuras actuacións.

Ademais de tratamentos con fármacos contra a malaria ou o mieloma, unha das esperanzas está posta no uso de plasma sanguíneo de persoas que superaran a Covid-19. E en Galicia xa se está a traballar nesta liña. O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) é un dos centros que está preparando as xestións para aplicar este tratamento aos pacientes hospitalizados. Carmen Albo é a xefa de Hematoloxía do Chuvi.

Publicidade

– Que vantaxes ten o uso do plasma?

É un tratamento que xa se usou noutras pandemias producidas por virus, como o do ébola ou o MERS (Síndrome Respiratoria de Oriente Medio). No momento no que o paciente aínda non pode desenvolver anticorpos contra o virus que lle está a causar a infección, o seu prognóstico pode mellorar se recibe plasma de convalecente, é dicir, de persoas que xa superaron dita enfermidade, e que teñen estes anticorpos no seu organismo e poden xerar, por tanto, unha mellor resposta do sistema inmunitario.

No caso do SARS-CoV-2, nas últimas semanas publicáronse os resultados de ensaios feitos na China nos que se constatou que boa parte dos pacientes tratados con plasma melloraban a súa situación.

Os hospitais galegos recollen plasma de curados como posible terapia

– Como se vai acometer isto no Chuvi?

– En España, o Ministerio de Ciencia deu o visto bo a un ensaio clínico liderado polo hospital de Puerta de Hierro, en Madrid. Nós solicitamos autorización para formar parte deste ensaio. Ademais, en Estados Unidos a FDA (Food and Drug Administration) tamén deu permiso para iniciar tratamentos sen precisar de ensaios clínicos, polo que tamén pensamos en explorar esa vía. Dependemos do que decida o Ministerio, pero é posible que, se todo vai segundo o previsto, dentro de 15 días poidamos ter xa plasma dispoñible para administrar aos pacientes que o precisen.

A idea que temos é probar, por unha banda, cun grupo de pacientes aos que se lle administre plasma e o tratamento convencional e, por outra banda, pacientes aos que só se lle administra o tratamento habitual na actualidade, para comprobar como evoluciona cada grupo.

– A que tipo de paciente se aplicaría?

Nos pensamos en usar o tratamento en persoas que estean hospitalizadas para intentar impedir unha evolución desfavorable da enfermidade que os poida levar á UCI. É dicir, o uso de plasma podería evitar, se o tratamento funciona, o ingreso do paciente na UCI, algo moi importante na situación actual na que nos atopamos.

– Xa se contactou con posibles doadores?

Estamos na fase de seleccións de posibles doadores. Xa temos unha lista de persoas que foron positivos por SARS-CoV-2, que agora están recuperados e que poderían achegar plasma. Por suposto, ninguén está obrigado, é unha doazón voluntaria e por tanto a última decisión vai ser de cada persoa. Ademais temos que analizar con detalle cada caso para ver se cumpre as condicións que precisamos, como por exemplo, ter unha alta taxa de anticorpos fronte ao virus.

Nisto estanos axudando moito a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Nós temos a capacidade de seleccionar ao doador, pero eles teñen a autorización e os medios para recoller o plasma, e a súa colaboración é total.

Tratamento con plasma: unha esperanza para os casos graves de Covid-19

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.