Sábado 12 Outubro 2024

O risco da Covid-19 en Galicia, moi presente: así están os brotes

Os casos detectados nos últimos días no Porriño, Barbadás, A Coruña e Lugo elevan a 10 as persoas ingresadas e confinan a máis de 100

Hai pouco máis de dúas semanas, o brote de coronavirus da Mariña xerou unha importante inquedanza en Galicia, xa que chegou a ser un dos maiores activos en España. O peche de boa parte da comarca lucense durante 10 días, e a prórroga das medidas de contención en Burela, levantadas este xoves, co obxectivo de frear a transmisión comunitaria, impediron un agravamento ante as posibles infeccións fóra do foco das autoridades sanitarias. Porén, os novos brotes (aínda que de menor tamaño, por agora) detectados en distintos puntos en Galicia, unidos á crecente incidencia da pandemia noutras rexións de España, manteñen en alerta ás autoridades sanitarias.

Despois duns días de relativa ‘calma’ tras o brote de Lugo, son varios os motivos que preocupan en Galicia, por mor da maior afluencia de visitantes e a aparición de focos. Estes son algúns deles:

Publicidade

Os brotes

Aínda que o brote da Mariña está baixo control, segundo a Consellería de Sanidade, entre o xoves e o venres detectáronse oito novos positivos nas 60 PCR realizadas. Deste xeito, permanecen como activos 56 casos (4 deles ingresados no hospital de Burela), e outras 350 persoas seguen baixo seguimento domiciliario por contacto estreito con algún dos positivos.

O brote detectado no equipo de fútbol do Fuenlabrada, cuxos membros están confinados nun hotel da Coruña, suma 16 casos, sendo deste xeito o segundo meirande en Galicia (aínda que está case descartado o risco de transmisión local debido á detección dos positivos nas horas previas e inmediatamente posteriores á chegada do club a Galicia).

Publicidade

O Sergas está seguindo os contactos dos focos detectados no Porriño, Vigo, A Coruña, Barbadás, Betanzos, Melide, Xermade, ou Beariz, ademais do brote da Mariña

Hai que engadir tamén un brote nunha familia do Porriño, con casos vinculados en Vigo e Baiona, outras infeccións detectadas tamén en Vigo que preocupan porque se localizaron en celebracións cunha importante afluencia de persoas, e dous positivos vinculados co País Vasco en BarbadásEn días anteriores tamén se detectaron pequenas agrupacións de casos en Betanzos, Melide, Xermade ou Beariz, que polo de agora parecen estar baixo control ao non confirmarse novos positivos.

Con todo, o elevado número de contactos dalgúns dos focos produciu que varias decenas de persoas estean confinadas nas súas vivendas ante a posibilidade de que transmitan o SARS-CoV-2 a máis xente.

Por outra banda, o brote do Barbanza, un dos primeiros da “desescalada” deuse por finalizado despois de recibir a alta as últimas persoas que seguían baixo vixilancia.

A pesar de que diversos medios seguen informando destes focos,  a Consellería de Sanidade non está a informar de cada un dos brotes, agás o brote da Mariña, e só da conta dos casos activos diariamente, sen dar detalles cantas novas infeccións hai.

A esta cifra pode accederse a través dos datos do Ministerio de Sanidad. Desde o pasado venres detectáronse en Galicia 87 casos, dos que 11 tiñan síntomas. No día previo, é dicir, o xoves, a Consellería notificou ao Ministerio 20 novos casos. Cinguíndose ás últimas dúas semanas, as cifras soben a 147 positivos detectados, dos que 29 amosaron síntomas. A incidencia dos últimos 14 días en Galicia (5,45 casos por 100.000 habitantes) volve ser bastante menor cá do conxunto de España (37,94), toda vez que os brotes en Cataluña, Aragón ou Navarra están disparando a incidencia nestas rexións.

11 ingresos nos hospitais na última semana

A diferenza da primeira gran onda da pandemia da Covid-19, os casos detectados son, na súa maioría, asintomáticos ou con síntomas leves. A adaptación dos sistemas de vixilancia e a menor saturación (por agora) do sistema sanitario permite facer un rastrexo que, na maior parte dos brotes, resulta efectivo. É dicir, estanse detectando moitos máis casos en proporción ao total (algunhas estimacións falan de preto do 40%, fronte ao 10% de marzo e abril).

Con todo, os datos do Ministerio de Sanidade deste venres 24 achegan unha preocupación crecente, aínda que en Galicia sexa, nestas datas, menor que en áreas como Aragón ou Cataluña. É a referente aos ingresos hospitalarios na última semana, que en Galicia foron 11, fronte aos 6 de hai 14 días. No conxunto de España, as cifras case se triplicaron neste tempo (de 137 a 327 ingresos en hospital, e de 8 a 14 na UCI). Este venres, segundo informa a Consellería de Sanidade, permanecían ingresadas 10 persoas por mor da Covid-19, ningunha delas na UCI.

Neste sentido, tal e como apuntou o xoves a directora adxunta do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES), María José Sierra, está a aumentar a idade media dos novos casos detectados, ao tempo que se triplicaba a incidencia no conxunto de España. Un dos factores de risco para o agravamento da Covid-19 é a idade e as súas patoloxías asociadas, o que pode desencadear un maior número de hospitalizacións de seguir a tendencia.

Recomendación sobre reunións e festas

Ante o risco crecente dos brotes da Covid-19 en España, o Consello da Xunta tomou onte varias decisións para intentar reducir os riscos de novos contaxios no país. Debido á vinculación dos focos a espazos de ocio nocturno e reunións familiares, estableceuse a recomendación de “limitar o número de asistentes ata un máximo de 25 persoas nas reunións privadas de persoas non convivintes“. A Administración autonómica non pode prohibilas, xa que invadiría os dereitos fundamentais da cidadanía sen o estado de alarma en vigor.

Do mesmo xeito, apuntouse que “todas as persoas que cheguen a Galicia procedentes de territorios con alta incidencia epidemiolóxica pola Covid-19 deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na Comunidade ou non”. A listaxe destes territorios será actualizada quincenalmente pola Consellería de Sanidade.

Casos activos

Como todos os días, Sanidade deu tamén conta da cifra de casos activos en Galicia. Son 180, dos que 43 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 4 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 31 da área de Vigo, 11 da de Santiago, e ningún da de Ferrol. Os brotes das áreas da Coruña e Vigo están a incrementar esta cifra nos últimos días. Así evolucionou a situación diaria neste indicador desde o paso de Galicia á nova normalidade, o pasado 15 de xuño:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación