A comarca da Mariña pasa a unha nova fase do peche decretado o pasado domingo a raíz do brote de Covid-19, que este venres superou os 200 casos confirmados. Nunha comparecencia que tivo lugar este mediodía, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, anunciaron que o brote se daba por “controlado“. Porén, elévanse as restricións no termo municipal de Burela, onde se concentran a gran maioría dos casos e se constatou a transmisión comunitaria do SARS-CoV-2. O concello quedará no primeiro dos niveis, e non se poderá saír nin entrar agás para asistencia sanitaria ou por traballo.
No segundo dos niveis quedan os seis concellos situados na costa, agás O Vicedo. Así, queda permitida a mobilidade entre Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros e Ribadeo, pero sen poder ir a Burela (agás en tránsito) ou saír e entrar, á súa vez, desta área de costa. O terceiro nivel, que abranguen O Vicedo, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Lourenzá e Trabada, terán, segundo Sanidade, liberdade total na mobilidade, pero sen poder acceder, como o resto de cidadáns. Con todo, as medidas definitivas quedarán establecidas nunha orde que publicará ao longo da tarde no Diario Oficial de Galicia.
O xerente do Sergas actualizou na comparecencia os últimos datos da crise. Expuxo que desde a detección do primeiro caso ata a noite do xoves se fixeron 3.201 probas PCR, e 193 delas durante o último día. As últimas probas fixeron aflorar 19 novos casos, que elevan a 207 o número de positivos desde o 23 de xuño, cando se constatou o primeiro positivo. Permanecen activos 182, e 27 persoas recibiron xa a alta epidemiolóxica ao superar a infección. Con todo, a maioría dos positivos afectados ao brote, na súa maior parte xente nova, son asintomáticos ou teñen síntomas de carácter leve. Alén disto, hai máis de 700 persoas que permanecen en corentena debido a ser considerados como contactos dos positivos, aínda que deran negativo na proba PCR. Nos últimos días, ao superar o período de 14 días recomendado, son xa máis de 300 persoas as que puideron volver á “vida normal”.
Análise dos contactos
Os indicadores que levaron a consellería de Sanidade a reformular as medidas vén dada, segundo expuxo Vázquez Almuíña, por “dous aspectos moi importantes”. Por unha banda, “os positivos proceden de contactos que xa estaban illados” polo que “o risco de diseminación é menor”. E por outro lado, referiuse o conselleiro ao “moi pequeno” número de hospitalizados. Avanzou que ao longo do día poderían ser dadas de alta dúas das cinco persoas que están ingresadas no hospital de Burela.
Casos activos
O outro indicador que facilita a consellería de Sanidade, o de casos activos de Covid-19, medrou lixeiramente este venres en Galicia. A meirande parte deles deles correspóndense coa provincia de Lugo (196, dos que 182 son da Mariña), mentres que na área de Vigo hai 16, 25 na Coruña-Cee, 14 na de Santiago-Barbanza, 4 en Pontevedra-Salnés, 2 en Ferrol e 2 en Ourense.
Despois dun mes volve haber unha persoa na UCI por mor da doenza. É un home ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois de chegar gravemente afectado nun autocar desde Madrid. Outras sete persoas seguen hospitalizadas e o resto, 251, están no domicilio. Galicia está a piques de cumprir un mes sen falecementos, despois de chegar a 619. E 10.898 persoas, 18 máis có xoves, superaron a infección.