Venres 29 Marzo 2024

O control do brote de Covid-19 na Mariña reduce as restricións a Burela

A Xunta levanta as restricións en case toda a comarca, ao tempo que o Sergas rastrexa contactos de positivos en Betanzos e Vigo

Tal e como se establecera o pasado venres, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, anunciou este mércores as decisións tomadas en base á evolución do brote de Covid-19 na comarca da Mariña. A evolución do rastrexo, que reduciu ao mínimo os casos detectados nos últimos días, correspondentes ademais a persoas que xa estaban baixo vixilancia, levou ao levantamento das restricións de mobilidade que seguían vixentes nos municipios de Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove. Así, só Burela, onde se concentran boa parte dos 151 casos activos este xoves, permanecerá pechado, salvo causas de forza maior, durante sete días máis.

Entre o martes e o mércores, segundo Sanidade, concedéronse 13 altas que, fronte a un novo positivo detectado, provocou a baixada de casos activos de 163 a 151. Das 80 PCR realizadas, só unha deu resultado positivo, o que contrasta, segundo Sanidade, no momento no que se tomaron as medidas de contención do brote, cando un 20% das probas eran positivas. Dúas das 151 persoas aínda consideradas como casos activos están ingresadas no hospital de Burela, con evolución favorable.

Publicidade

A Xunta informou tamén de que o número de altas está arredor das 60, o que situaría o total de casos detectados en arredor de 220 desde o primeiro, confirmado o pasado 23 de xuño. Ademais, segue descendendo o número de persoas en seguimento domiciliario que, aínda que deron negativo na PCR, permanecen en corentena por precaución. Unha vez superado o período de 14 días, son agora unhas 530 as persoas que fican nesta situación na Mariña. Desde o comezo da crise na Mariña realizáronse, segundo o Sergas, máis de 3.650 probas PCR para rastrexar posibles infeccións.

Medidas

Unha vez entren en vigor na medianoite do día 15 ao 16 as actualizacións das medidas na comarca, que se publican este mércores no Diario Oficial de Galicia, só o municipio de Burela quedará pechado, agás razóns sanitarias, de mobilidade laboral, atención a dependentes, retorno á residencia habitual ou outras causas de forza maior ou necesidade.

A decisión arguméntase, segundo Sanidade, en que “a pesar dos datos positivos dos últimos días, resulta preciso manter as medidas de prevención existentes en todos os concellos da Mariña, agás as relativas á mobilidade, que se deben manter no concello de Burela, dado que concentra a maior parte dos casos do abrocho”.

Neste municipio, explica a consellería “segue a haber unha importante prevalencia da infección”, polo que “debe terse en conta que existen casos que non poden asociarse ao resto dos casos coñecidos“, e “existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta e de que, de reducir as medidas, repunte o abrocho”. Por este motivo, a Administración apunta a que “debe esperarse á evolución dos próximos días, o que permitirá dispoñer de máis datos procedentes das probas que se están realizando”.

Ademais, mantendo a precaución, todos os concellos do distrito sanitario da comarca manterán limitacións, como a redución de capacidade nos bares e centros de ocio ao 50%, o cumprimento dos horarios de apertura e peche de forma escrupulosa, e os límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, e un máximo para reunións de persoas non convivintes de 10.

Casos en Betanzos

O conselleiro de Sanidade tamén se referiu aos casos detectados en Betanzos, onde se confirmaron seis infeccións, catro deles con relación familiar e outros dous que non. Segundo informa La Voz de Galicia, a detección deste pequeno foco levou a realizar arredor dunha docena de probas entre os contactos estreitos destas persoas, que poderían estar relacionadas co brote detectado na comarca ilerdense do Segrià.

Por outra banda, as autoridades sanitarias tamén están vixilando a algunhas persoas en Vigo debido a que compartiron tren desde Barcelona cunha persoa que deu positivo pola infección do SARS-CoV-2, segundo Faro de Vigo e, por outra banda, a 12 pasaxeorps dun voo desde Madrid onde tamén viaxaba unha persoa infectada.

Neste sentido, o Ministerio de Sanidad confirmaba este mércores que Galicia diagnosticara no día previo sete casos de Covid-19, aínda que a incidencia nos últimos días baixa unha vez se controlou o brote da Mariña. Na última semana confirmáronse 77 positivos, que ascenden a 237 mirando dúas semanas cara a atrás, boa parte deles vinculados ao foco da comarca lucense. Destas persoas, só 18 e 81, respectivamente, iniciaron síntomas nos últimos sete e 14 días.

Casos activos

No conxunto de Galicia, os casos activos baixan respecto ao martes debido, en boa parte, ás curacións rexistradas na Mariña. Así, son en total 238, dos que 171 están na área de Lugo (165 na Mariña), 26 na Coruña, 15 en Santiago, 14 en Vigo, 7 en Pontevedra, 4 en Ourense e 1 en Ferrol.

Destas persoas, unha está na UCI, seis en unidades de hospitalización e o resto, 231, no domicilio. Un día máis, desde o 11 de xuño, seguen sen rexistrarse falecidos por mor do coronavirus en Galicia. Son, desde o comezo da crise, 619 mortes. Por outra banda, 10.979 persoas superaron a infección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes