José Brea e Mabel Loza, investigadores do grupo Biofarma da USC.
José Brea e Mabel Loza, investigadores do grupo Biofarma da USC.

Un equipo da USC identifica unha nova diana farmacolóxica contra o alzhéimer

O grupo Biofarma participa nunha investigación onde se describe a validación dun novo método para intentar frear a doenza

A pesar do seu enorme impacto na saúde pública, sobre todo nas sociedades avellentadas, os fármacos cos que se intenta tratar o alzhéimer seguen tendo unha eficacia moi limitada, que se cingue aos estadios leves da enfermidade. Esta premisa foi o punto de partida para unha investigación internacional na que participa Mabel Loza e José Brea, científicos do grupo Biofarma, da Universidade de Santiago de Compostela, que publicou recentemente a revista Neurotherapeutics, e que valida unha nova diana farmacolóxica contra esta doenza neurodexenerativa.

Os resultados da investigación amosan que a inhibición do encima epóxido hidrolasa soluble (sEH) en modelos de rato coa enfermidade diminúe o proceso neuroinflamatorio, polo que mellora a resposta endóxena do organismo e reduce o deterioro e morte das neuronas causantes deste tipo de demencia. Este achado reafirma o papel deste encima na evolución do alzhéimer e sinala a súa inhibición como potencial estratexia terapéutica para esta patoloxía, e tamén para outras que cursen con neuroinflamación.

O enzima sEH está presente en todo o organismo e é relativamente abundante no cerebro murino (unha subfamilia de roedores) e humano, explican as autoras e autores do traballo. Fai que os ácidos epoxieicosatrienoicos (EET) —moléculas que reducen a resposta inflamatoria en condicións patolóxicas como a hipertensión ou a diabetes— perdan a súa actividade antiinflamatoria, e incluso sexan responsables da inflamación.

A investigación demostrou que o proceso neuroinflamatorio diminúe ao inhibir o encima sEH

A partir destes antecedentes, os investigadores analizaron os efectos da inhibición do sEH en dous modelos animais con alzhéimer, un considerado de alzhéimer familiar e outro ligado á progresión da enfermidade con idade avanzada. A primeira parte do traballo amosou que a expresión deste encima aumentara nos dous modelos animais en comparación co grupo de control, e tamén en mostras cerebrais de pacientes con alzhéimer. “Este achado indica que o sEH está relacionado coa progresión do alzhéimer e fai que poda considerarse coma unha nova diana farmacolóxica”, salientan.

Tras determinar que o encima sEH pode ser unha nova diana terapéutica, os investigadores procederon á súa validación empregando tres inhibidores do sEH estruturalmente distintos. Os resultados amosaron que todos os compostos empregados, independentemente da súa estrutura química, foron capaces de evitar o deterioro cognitivo nos dous modelos animais.

Nos últimos anos, as estratexias diríxense especificamente a contrarrestar vías moleculares, como a acumulación de beta amiloide e a formación de placas no cerebro propias desta patoloxía. Nesta liña, no novo estudo, os investigadores empregaron un novo enfoque relacionado cos procesos inflamatorios que contribúen a desencadear esta enfermidade e modular a súa patoxénese.

Así, os científicos que toman parte empregaron un novo enfoque relacionado cos procesos inflamatorios que contribúen a desencadear esta enfermidade e modular a súa patoxénese. “É de vital importancia ampliar a investigación na terapia para o alzhéimer cara novas dianas farmacolóxicas, preferentemente relacionadas coas vías fisiopatolóxicas da enfermidade. Neste caso, o noso interese dirixiuse cara ao sEH, posto que a súa inhibición xa amosara efectos antiinflamatorios moi potentes e algún dos seus inhibidores estaba ou tiña estado en fases clínicas para o tratamento da hipertensión, de procesos inflamatorios ou, recentemente, da dor neuropática”, explica Mercè Pallàs, investigadora do Instituto de Neurociencias.

A estratexia, destacan os científicos, a pode ter implicacións no tratamento doutras patoloxías. “O feito de que a inhibición do sEH conduza a un incremento das defensas antiinflamatorias endóxenas en todo o organismo supón que os inhibidores deste encima poderían ser unha terapia axeitada, eficaz e segura en patoloxías que cursen con inflamación”, conclúe o investigador Santiago Vázquez, do IBUB. Vázquez avanza que xa están a avaliar novos inhibidores do sEH non só en modelos de alzhéimer, senón tamén en modelos de enfermidades cun compoñente inflamatorio importante, como a de Niemann-Pick de tipo C, a dor neuropática ou a pancreatite aguda.


Referencia: Pharmacological Inhibition of Soluble Epoxide Hydrolase as a New Therapy for Alzheimer’s Disease (Publicado en Neurotherapeutics).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.