Describen catro tipos de cefaleas asociadas á Covid-19 en persoal sanitario

Científicos españois analizan as dores de cabeza que experimentaron durante a infección, que poden gardar relación co uso dos equipos de protección

Un equipo de investigadores da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e dos Hospitais Clínico San Carlos de Madrid e Clínico de Valladolid identifican nun artigo publicado na revista Headache varios tipos de cefaleas que cursan coa infección provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 no caso de traballadores sanitarios. O artigo describe catro tipos distintos de dores de cabeza: as cefaleas propias da Covid-19, o agravamento de dores primarios e previos, as cefaleas causadas polo uso de equipos de protección individual (EPI) e outro tipo relacionado co estrés emocional ao que se viron expostos os profesionais.

“A cefalea que predomina co coronavirus é de gran intensidade, que empeora coa actividade física e os movementos da cabeza, e pode afectar a toda a parte superior ou a un dos lados. Pode chegar a espertar ao paciente pola noite e habitualmente manifesta molestias ante os ruídos e, en ocasións, a luz”, explica Jesús Porta, xefe de Neuroloxía do Hospital Clínico San Carlos e profesor da Complutense.

Publicidade

No estudo, os expertos delimitaron clinicamente os tipos de dores de cabeza grazas a enquisas realizadas a máis dun centenar de profesionais sanitarios, principalmente de Madrid. A maioría deles (73,2 %) non tiña antecedentes de dor de cabeza.

Ata o 15% dos pacientes (aínda que outros estudos apuntan a unha porcentaxe maior) presentan dores de cabeza, moitos sen presenza de febre. “Cada un ten unha explicación fisiopatolóxica diferente e, por tanto, a xestión de cada caso debe ser distinta”, destaca Porta.

Publicidade

Tratamento das cefaleas

O investigador explica que, no caso da cefalea propia da Covid-19, procédese ao bloqueo anestésico e aos esteroides, aínda que “non hai evidencias suficientes ao ser un cadro recente”. Se hai un agravamento da cefalea primaria do paciente, aplícanse os tratamentos habituais dependendo se é unha hemicrania ou a coñecida como cefalea en forma de acio.

A incorporación dos equipos de protección para evitar a transmisión do virus tamén pode ocasionar estas dores de cabeza. Modificar a maneira de levar as máscaras e as pantallas protectoras podería axudar a que non aparecesen estas cefaleas. E, por último, para tratar a cefalea provocada polo estrés da situación, a resposta está, de momento, nos neuromoduladores.

“A maioría ceden entre as primeiras 24 horas e unha semana, pero unha pequena porcentaxe non responderá os tratamentos habituais. Temos xa varios pacientes que desenvolveron unha cefalea crónica“, recoñece o neurólogo.


Referencia: Spectrum of Headaches Associated With SARS‐CoV‐2 Infection: Study of Healthcare Professionals (Publicado en Headache).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos

Cando o sistema inmune ataca por erro o cerebro e sementa o caos na mente

As encefalites autoinmunes son un un grupo de patoloxías que cursan con inflamación cerebral

Novas claves para entender por que os cerebros dos ‘superanciáns’ non envellecen

Un recente descubrimento engade novos detalles sobre a natureza excepcional dos cerebros dos superdotados sénior

As claves neurolóxicas do Nadal: que lle pasa ao noso cerebro durante as festas

O investigador da UVigo Juan Pérez explica como o sistema límbico integra tradicións, memorias e estímulos para provocar sentimentos intensos nesta época