Xoves 28 Marzo 2024

O brote de Covid-19 na Mariña é xa un dos maiores activos en España

A Consellería de Sanidade confirma xa 59 positivos e "insta aos concellos" da comarca a "velar polo cumprimento das medidas de prevención

A transmisión comunitaria do SARS-CoV-2 na Mariña de Lugo segue facendo aflorar novos casos. Este venres, a Consellería de Sanidade confirmaba 12 positivos máis respecto a onte, o que elevan o total de infeccións detectadas ata 59 despois dos centos de probas PCR realizadas nos últimos 10 días, desde que o 23 de xuño se confirmara o primeiro caso. Con todo, fontes recollidas por El Progreso elevan xa a máis de 60 os contaxios confirmados, o que convertería ao brote da Mariña, concentrado sobre todo nos municipios de Burela, Xove e Foz, nun dos cinco con máis casos activos en España nos últimos días. Só os brotes de Huesca (con ramificacións a Lleida), que está xa preto de 400 casos, e o de Málaga, con máis de 100 positivos nun centro da Cruz Vermella, suman un maior número de infeccións, segundo datos recollidos por diferentes medios a partir das informacións que reportan as comunidades autónomas, xa que o Ministerio de Sanidad non ofrece a actualización de cada un dos focos activos.

Na actualización diaria que ofrece o Ministerio de Sanidad, infórmase de que Galicia diagnosticou 11 novos casos durante o xoves, o que supón a meirande cifra de diagnósticos diarios desde a volta á chamada “nova normalidade”. A cifra ascende a 58 na última semana (18 deles con síntomas) e a 86 nos últimos 14 días (30 con síntomas). Outro dos indicadores que tamén amosa o repunte de casos é o número reprodutivo básico instantáneo (Rt), que segundo os últimos datos do Instituto Carlos III está de novo por riba de 1. Así, ademais do foco da Mariña, principal fonte dos novos casos, detectáronse arredor doutros 20 nas últimas dúas semanas, relacionados co brote xa controlado na comarca do Barbanza (9 afectados, algún xa de alta) e algún caso illado importado, como o que se está a investigar na área de Santiago.

Publicidade

Ante isto, ademais da corentena obrigada para as decenas de positivos confirmados ata o momento, as autoridades sanitarias manteñen baixo seguimento nos seus domicilios a centos de persoas de varios municipios da comarca que estiveron en contacto con persoas que se infectaron co SARS-CoV-2, ao tempo que se continúan investigando os contactos dos novos positivos que van xurdindo cada día.

O rebrote está incrementando tamén a realización de probas PCR nos últimos días, que en toda Galicia suman máis de 3.000 diarias desde comezos de semana. Ademais dos contactos, a Consellería de Sanidade está facendo de novo cribados nas residencias de maiores da Mariña para previr as infeccións nestes centros.

Os concellos piden recursos e información

Ante o aumento de casos e a inquedanza na comarca, a Consellería de Sanidade mantivo esta mañá unha reunión telemática con alcaldes dalgúns dos concellos afectados para “solicitarlle novamente a súa colaboración, que xa están prestando, á hora de velar polo cumprimento das medidas de control e vixilancia establecidas por mor da Covid-19″, expuxo a Consellería nunha nota de prensa.

Tal e como se contempla no resto da comunidade, Sanidade lembrou aos rexedores de Foz, Burela, Xove, Ribadeo, Cervo e Viveiro “a necesidade de cumprir unha serie de medidas de hixiene e prevención no conxunto das actividades que teñan carácter público, ademais doutras normas como poden ser as vencelladas ao control do aforo dos establecementos ou outras actividades que se desenvolvan abertas ao público”.

Algúns dos alcaldes, como o de Foz, Francisco Cajoto, pediron á Xunta de Galicia información e recursos, segundo informou Europa Press. Fontes deste municipio, consultadas por GCiencia, expuxeron que o Sergas non facilitou por canles oficiais, como xa aconteceu noutros momentos da crise, o número de casos confirmados no concello. O resto de alcaldes convocados á reunión tamén pediron “información puntual e frecuente” para poder actuar desde a administración local.

Ata o de agora, Sanidade non anunciou novas restricións na comarca, despois de que unha orde publicada o 30 de xuño no Diario Oficial de Galicia demorase o restablecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras. Pola súa banda, tres partidos políticos (PSdeG, BNG e Galicia en Común) anunciaron a suspensión dos actos electorais na comarca ante esta situación.

Debido á situación do brote, o departamento sanitario da Xunta de Galicia puxo tamén sobre a mesa a posibilidade de que os propios concellos puideran iniciar expedientes sancionadores, no caso de incumprirse as normas de prevención establecidas.

Casos activos

Como fai diariamente, a Consellería de Sanidade informou dos casos activos en Galicia este venres: 317. Son 318, un máis có xoves. Deles, 63 son da área da Coruña, 77 da de Lugo, 18 da de Ourense, 5 da de Pontevedra, 122 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 10 da de Ferrol. Así foi a evolución nas últimas semanas:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'