Seis gráficos sobre o inverno “cálido e seco” que remata

O calor de finais de febreiro fronte ao frío de xaneiro, cunha ausencia xeral de precipitacións, destaca no informe de MeteoGalicia

Foron tres meses de grandes contrastes, e que terminan este mércores ás 22.58 horas. No seu informe estacional, MeteoGalicia presenta que o inverno que remata conxugou temperaturas que mesmo chegaron a bater rexistros históricos de calor en febreiro; mentres en xaneiro as mínimas deixaron xeadas as chairas do interior. Para debullar o inverno co que despedimos 2018 e comezamos 2019, aquí van seis gráficos que che poden interesar:

De 27,9º a -9,8º

Os termómetros rexistraron en Galicia, en apenas un mes, unha variación térmica de case 40ºC en zonas relativamente próximas. Os 27,9ºC de Leiro, os 27,5ºC da Arnoia e os 26,8ºC de Ourense a finais de febreiro contrastan cos -9.8 de Calvos de Randín, os -9,3º de Vilalba e os -9,2ºC de Verín a comezos de xaneiro.

3ºC máis na montaña de Lugo e Ourense

O inverno foi ata 3ºC máis cálido na montaña de Lugo e Ourense. Fonte: MeteoGalicia.
O inverno foi ata 3ºC máis cálido na montaña de Lugo e Ourense. Fonte: MeteoGalicia.

Sobre estas liñas está o mapa das desviacións da temperatura respecto do valor medio (1981-2010) para este inverno. Foi unha estación cálida, xa que a anomalía foi de +1.3 ºC considerando os valores do mapa, con cifras que nas zonas de montaña de Lugo e Ourense mesmo superan os +3 ºC. Pola contra, os valores máis baixos, próximos aos 0ºC (normalidade), déronse na comarca de Terra de Lemos, que xa presentara as anomalías máis baixas nos distintos meses deste inverno.

Os contrastes da chuvia

Fonte: MeteoGalicia.
Fonte: MeteoGalicia.

Aínda que é un fenómeno habitual, o inverno que acaba tamén se caracterizou porque os contrastes foron significativos respecto ao nivel de precipitacións. O impacto dalgunha borrasca e río atmosférico bañou o litoral atlántico e algunhas zonas altas en xaneiro, mais isto non se notou en comarcas como Valdeorras, con precipitacións baixo mínimos.

O mapa sobre estas liñas amosa as anomalías de precipitación en forma de porcentaxe con respecto aos valores normais (1981-2010), sendo 100% a porcentaxe que representa a
normalidade. Así, mentres Valdeorras estivo por debaixo do 20% das chuvias habituais da estación, comarcas como A Fonsagrada ou Ancares presentaron ata un 68% máis de precipitación para o normal nesa zona. Considerando os valores medios, a anomalía de chuvia para o inverno en Galicia foi un 29 % por debaixo do normal.

De novo o “Efecto Rías”

En xaneiro, David Domínguez, de RedMeteo, explicaba o fenómeno do Efecto Rías: “Cando temos borrascas preto, e/ou con suroestes anticiclónicos, o vento con aire temperado e cargado de humidade, atópase cos montes de 500-600 metros que se elevan a carón das rías. O aire vese obrigado a ascender, arrefría e xera nubes con forma de ‘rías nubosas’ que se adentran 20 ou 25 quilómetros cara ao interior, sempre nas mesmas zonas”. Xérase así unha situación de precipitacións persistentes, que descargan auga durante horas. E así se pode ver de novo no mapa de MeteoGalicia sobre as precipitacións do inverno:

O inverno e o "Efecto Rías". Fonte: MeteoGalicia.
O inverno e o “Efecto Rías”. Fonte: MeteoGalicia.

O 2º inverno máis cálido do século

Segundo os datos da AEMET (cuxas estacións rexistraron valores de récord a finais de febreiro), o inverno que remata foi o 2º máis cálido do século, só superado polo de 2008.

Fonte: Aemet.
Fonte: Aemet.

O contraste: calor en decembro e febreiro, frío en xaneiro

O inverno foi cálido en xeral debido aos contrastes entre os meses. Así, mentres decembro e febreiro foron “moi cálidos” para os estándares de MeteoGalicia, xaneiro foi “moi frío” debido ás mínimas acadadas durante os primeiros días do mes. O resultado é esta gráfica, coa temperatura media de cada un dos tres meses:

Podes consultar o informe estacional de MeteoGalicia (PDF) nesta ligazón.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.