As estatísticas anuais de precipitacións corroboran o Efecto Rías nestas zonas de Galicia. Fonte: MeteoGalicia.
As estatísticas anuais de precipitacións corroboran o Efecto Rías nestas zonas de Galicia. Fonte: MeteoGalicia.

Efecto Rías: por que chove case sempre nos mesmos lugares en Galicia?

 Hai varios nomes que  ano tras ano, estación tras estación, aparecen sempre á cabeza dos lugares con maior volume de precipitacións en Galicia. Cotobade, Lousame, Fornelos de Montes, ou Campo Lameiro lideran as estatísticas, con máis de 3.000 litros por metro cadrado ao cabo do ano. E por que é precisamente aquí onde cae tanta auga?

A razón está na interacción de varios factores: o réxime de ventos, a orografía e a xeografía das rías galegas, que crean as condicións idóneas para que a auga caia con máis frecuencia nos lugares citados. É o chamado “Efecto Rías”, ou “Rías Effect” bautizado así por expertos en meteoroloxía que analizan polo miúdo a evolución do tempo en Galicia. En poucos quilómetros pásase das zonas máis húmidas a outras con niveis de precipitacións moito menores.

Por que se produce o Efecto Rías?

David Domínguez, de Campo Lameiro, un dos lugares nos que máis se nota este efecto, é o creador de Redmeteo, unha plataforma de divulgación meteorolóxica en galego que conta con milleiros de seguidores. Con apenas 22 anos e de maneira autodidacta, David difunde todas as semanas contidos sobre meteoroloxía en Galicia que xeran moito interese nas redes. Un dos seus últimos artigos, publicado este mes, é acerca do Efecto Rías. “Véxoo por experiencia propia cando veño desde Pontevedra, ou viceversa; saio de alí case sen nubes, e ao chegar a Campo Lameiro está nubrado, e mesmo chovendo”, expón David, que explicou no seu blog o fenómeno con esta infografía:

“O Efecto Rías aparece cando temos borrascas preto, e tamén con suroestes anticiclónicos. Neste último caso, o vento do suroeste, con aire temperado e cargado de humidade, atópase cos montes de 500-600 metros que se elevan a carón das rías. O aire vese obrigado a ascender, arrefría e xera nubes con forma de ‘rías nubosas’ que se adentran 20 ou 25 quilómetros cara ao interior, sempre nas mesmas zonas”, explica David Domínguez.

Xérase entón unha situación de precipitacións persistentes, non moi intensas, pero que descargan auga durante moitas horas nestes corredores de humidade. Nas borrascas as precipitacións repártense máis, pero cando hai un anticiclón preto que bloquea a chegada da chuvia, a situación é moito máis particular e o Efecto Rías aparece de forma moito máis clara. Así, “uns quilómetros ao norte ou ao sur destes lugares apenas chega a chuvia”, subliña o divulgador. Ao cabo do ano, as diferenzas destes chuvascos nótanse: “Son unha especie de ‘penicos’ onde cae moita máis auga: mentres que alí se superan amplamente os 2.000 litros/metro cúbico ao ano, a tres ou cinco quilómetros a media cae ata os 1.500.

As nubes do norte de Lugo

En Redmeteo, David Domínguez compara esta situación co que adoita acontecer no norte de Lugo, debido á serra do Xistral, cando o vento chega do nordés. “A todos nos vén á cabeza a imaxe de satélite de Galicia en verán, con todo despexado agás a Mariña de Lugo. Aquí, o vento chega cargado da humidade do mar, e forma nubes baixas que quedan retidas na parte norte do Xistral”. A frecuencia coa que se produce o nordés ao longo do ano provoca que, como certifican as medicións meteorolóxicas e estudos sobre o número de horas de Sol en diferentes partes de Galicia, o norte de Lugo sexa un dos lugares da península Ibérica onde menos ven o Sol.

Podes ler aquí o blog de RedMeteo, ou seguir as súas publicacións en Facebook e Twitter.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.