Venres 19 Abril 2024

Galicia, con tanta calor coma Canarias e novos récords de temperatura

Ourense, Sobrado, Lugo, Monforte e Ribadavia, entre as 10 localidades máis calorosas deste luns xunto a cinco estacións das Canarias

Parecía que os valores do domingo 24 ían tocar teito, con máximas superiores a 26º C en varios puntos de Galicia, pero as temperaturas acadadas este luns foron aínda máis elevadas. Isto, unido a un lixeiro descenso dos termómetros nas Illas Canarias, fixo que Galicia situase hoxe cinco localidades entre as 10 máis cálidas do país segundo recolleu a rede da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

Adeje (26,6ºC), La Aldea de San Nicolás (26,2ºC) e Tinajo (25,6ºC) superaron a temperatura máxima acadada este luns en Ourense (25,4ºC) que supón ademais un novo récord absoluto de temperatura en febreiro, que xa fora superado onte. Ademais, os rexistros en Sobrado dos Monxes (25,2ºC), Lugo (25,1ºC), e Monforte de Lemos e Ribadavia (24,9ºC) situaron a Galicia con valores semellantes ás Canarias. Algo que poucas veces se viu, sen dúbida.

Publicidade

Ademais, outra estación, a do aeroporto da Coruña, neste caso de MeteoGalicia, bateu o récord absoluto de febreiro. Con 23,7ºC, marcou un novo máximo neste mes por riba dos 23,4ºC do 22 de febreiro de 1990.

Récords na rede de MeteoGalicia

Na rede de MeteoGalicia as cifras foron aínda maiores: Pontevedra-Campolongo marcou a máxima con 26,8ºC, seguida de O Viso-Redondela (26,4ºC), Remuíño-A Arnoia, 26,3ºC, Ourense e Lourenzá (26ºC) estiveron no ‘top 5’ de puntos máis cálidos. Posiblemente, por tanto, acadaron tamén cifras semellantes ás Canarias.

Deste xeito, segundo a rede de MeteoGalicia, batiuse o récord absoluto en Ourense, que databa do mesmo día de hai 19 anos, o 25 de febreiro de 2000, con 24,8ºC. En Santiago igualouse o rexistro de 23ºC que se marcou o 27 de febreiro de 2009.

Mapa de temperaturas máximas do luns en Galicia. Fonte; MeteoGalicia.
Mapa de temperaturas máximas do luns en Galicia. Fonte; MeteoGalicia.

Segundo explica desde a axencia autonómica Ana Lage, “para falar de valores absolutos temos que ter en conta, segundo a Organización Meteorolóxica Mundial, de series de alomenos 30 anos”, e as maioría de estacións de MeteoGalicia non levan tanto tempo activas. Só as cinco de referencia (Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra e Santiago) poden dar conta destes récords. Polo tanto, a temperatura máxima deste luns en Ourense foi a máis alta de febreiro desde polo menos o ano 1972, e o dato de Santiago igualou ao máximo desde 1982.

Por que tanta calor?

Lage afonda tamén nas causas desta situación anómala. “Se tiveramos as mesmas condicións en xaneiro, non se ía chegar a estes valores, pero ao medraren os días, a calor permanece máis tempo”. A causa hai que buscala tamén no meandro da corrente en chorro, que cae na súa parte máis fría cara as Azores, pero que se eleva na lonxitude de Galicia ata os países nórdicos, “bastante por riba de Escocia”, e trae a Galicia ventos do sur.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña