Martes 3 Decembro 2024

A situación “anómala” de Galicia: entre a borrasca Julia e con verán en febreiro

O bloqueo do anticiclón ao forte temporal formado no Atlántico provoca tempo seco e soleado, pero con aviso amarelo por ondas e vento no mar

É unha situación “anómala”, recoñece Juan Taboada desde MeteoGalicia. Varias cousas chaman a atención da situación meteorolóxica que estamos a vivir estes días: as máximas superan os 20º en boa parte do país en pleno mes de febreiro, que á súa vez está sendo un mes seco para o habitual; e ao tempo, hoxe e mañá está activado o aviso amarelo no mar e mesmo en concellos do oeste da provincia da Coruña, debido a ondas de máis de catro metros de altura e ventos que poderían superar os 80 km/h. É o resultado, segundo explica Taboada, de estar “no límite” entre o anticiclón instalado no sur de Europa e a forte borrasca Julia, situada preto das Azores.

“A corrente en chorro que percorre o planeta está tendo uns meandros moi grandes, o que fai que se achegue máis ao sur, e noutros sitios circule máis ao norte do habitual”, conta Juan Taboada. Así, un destes meandros, con aire frío en altura, caeu no Atlántico, mentres que Europa quedou nunha parte na que a corrente en chorro se move ao norte. E Galicia está nese límite do meando.

Publicidade

O que fixo que se formara a borrasca Julia, bautizada polo IPMA portugués debido ao impacto que está tendo no arquipélago dos Azores, é que neste punto confluíron dúas masas de aire, unha moi fría e outra cálida: “A mestura, con moita enerxía dispoñible, provocou que se formara unha borrasca cun desenvolvemento explosivo, que chegou a 940 milibares”.

Julia trae vento e ondas, pero non auga

E neste límite, explica Taboada, “temos a barreira anticiclónica, que impide a Julia moverse cara ao leste, que sería o habitual, así que se vai ir desgastando pouco a pouco cara ao norte”. Con este panorama, segundo o experto de MeteoGalicia, “todo conspira para deixarnos este tempo cálido e seco”. Porque ao confluír a borrasca co anticiclón, na zona intermedia fórmase un corredor de aire do sur que trae valores notablemente altos de temperatura na Europa continental, mesmo ata Escandinavia.

Publicidade

Non en tanto, explica Taboada, “o océano non ten fronteiras, e as borrascas como Julia provocan un vento que levanta olas e chegan á costa galega como mar de fondo. E mesmo chegará tamén vento, de aí o aviso amarelo que está activado”.

Subliña Taboada que, aínda que Julia estea lonxe, podemos ver un pequeno sinal dela se miramos cara ao ceo: “En altura, a borrasca consegue meter algo de humidade e fórmanse estas nubes de tipo alto que vemos estes días”, conclúe.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha profunda borrasca desprázase cara a Galicia con refachos de máis de 80 km/h

A AEMET pide manter a precaución durante o mércores e o xoves polas ramas ou obxectos que se poidan desprender das zonas altas

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación

Ventos furacanados e ondas de sete metros: así será o impacto do exfuracán Kirk en Galicia

A borrasca atrasará a súa chegada ao litoral galego ata a madrugada do mércores, activando alertas amarelas e laranxa en toda a comunidade

Galicia enteira activa a alerta laranxa ante chegada do exfuracán Kirk: como afectará?

A potente borrasca atravesará a comunidade activando avisos nas catro provincias; agárdanse importantes acumulacións de auga e fortes temporais no litoral con olas de ata sete metros