Unha cochinilla, posible arma biolóxica contra a uña de gato

A tese da investigadora Cristina Vieites expón bos resultados en laboratorio no uso da P. mesembryanthemi contra esta especie invasora

uña de gato (Carpobrotus edulis) forma xa parte da paisaxe galega, mesmo dos terreos particulares de moitos cidadáns, desde que apareceu a finais do século XIX na costa de Pontevedra. Esta planta de reprodución clonal (un trazo que fai máis difícil atallar o seu avance) despraza ás especies nativas en ecosistemas fráxiles, como os costeiros, nalgúns casos con endemismos que están en serio perigo. A ciencia busca camiños para freala, alén da retirada mecánica e o uso de herbicidas. E unha tese realizada pola investigadora Cristina Vieites Blanco no Instituto de Investigacións  Agrobiolóxicas de Galicia-CSIC achega novos datos sobre o control biolóxico da uña de gato a través dunha especie de cochinilla, a Pulvinariella mesembryanthemi.

A investigación de Cristina Vieites, iniciada en 2014, expón que, segundo os resultados de ensaios en laboratorio, o uso da cochinilla sería a mellor estratexia nestes momentos para o control biolóxico desta especie invasora. Esta é unha das dúas liñas mestras da tese, dirixida por Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións  Agrobiológicas de Galicia, e Margarita Lema Márquez, investigadora contratada na Facultade de Bioloxía da USC.

Publicidade

Nos ensaios de laboratorio, segundo explican desde o CSIC, probouse o efecto individual e combinado da cochinilla P. mesembryanthemi e do fungo S. sclerotiorum (podremia branca) na planta a curto e medio prazo. “As plantas infectadas polo insecto mostraron descensos transitorios que non comportaron efectos significativos na supervivencia ou crecemento, mentres que o uso combinado do fungo e o insecto produciu soamente efectos  sinérgicos a curto prazo”, destaca a autora, quen apunta como liña de investigación futura “a realización de experimentos en condicións de campo para coñecer posibles interaccións  bióticas e abióticas deste insecto en condicións naturais”. Unha liña que leva tempo explorando Margarita Lema, e que cos resultados obtidos por Cristina Vieites podería reforzarse.

Efectos no solo e nos nutrientes

Traballo de campo na tese de Cristina Vieites. Foto: CSIC.
Traballo de campo na tese de Cristina Vieites. Foto: CSIC.

Por outra banda, a tese de Vieites explorou os efectos da uña de gato no solo en distintos hábitats invadidos, con especial fincapé nos seus efectos na dispoñibilidade de  micronutrientes ou no ciclo do nitróxeno. Para determinar o efecto da planta en solos de distintos tipos de hábitat (dunas ou zonas rochosas do noroeste Ibérico) e en distintas profundidades comparáronse propiedades físico-químicas e químicas en solos de áreas invadidas e non invadidas pola planta en zonas da costa atlántica de Galicia.

Publicidade

“Observouse que os efectos son máis intensos nas zonas rochosas que nas dunares, e na capa máis superficial do solo, o que indica que a invasora afecta principalmente as características do chan a través da acumulación de  necromasa. Esta diferenza no seu efecto en solos dunares e rochosos ten, á súa vez, consecuencia na dispoñibilidade de nutrientes en cada caso”, destaca a autora da tese.

Ante estes resultados, os científicos apostan por “restaurar os ecosistemas invadidos pola planta nos primeiros estadios da invasión, co fin de evitar que os efectos no chan se intensifiquen” e recomendan tamén “eliminar a necromasa exótica para evitar efectos herdados no chan”.

A tese, co título de Effects on soil and alternatives for biological control of the invasive plant Carpobrotus edulis recibiu o sobresaínte cum laude, e os seus resultados xa foron publicados en revistas de impacto, como Science of the Total Environment ou Plant and Soil. Cristina Vieites Blanco (Santiago de Compostela, 1990) é licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela (2013) e Máster no medio Ambiente e Recursos Naturais (Universidade de Santiago de Compostela, 2013-2014), e na actualidade é xestora de proxectos de investigación europeos no CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies