Publicidade

“En Galicia hai alto risco por cancro de próstata, pero non temos explicación”

A investigadora Beatriz Pérez, do Instituto de Salud Carlos III, é unha das autoras do estudo que analiza a distribución do risco de padecer a doenza

O estudo encabezado polos científicos Pablo Fernández Navarro, Beatriz Pérez Gómez e Lara Rodríguez sobre o risco de mortalidade por cancro de próstata amosa que tanto nos maiores de 65 anos (a poboación máis afectada por este tumor) como nos homes máis novos, Galicia, xunto a Asturias e o suroeste de Andalucía, é unha das zonas con maiores taxas de mortalidade en toda España. Hai hipóteses, como as maiores taxas de obesidade, a exposición a determinados elementos, como arsénico, selenio, ou algúns pesticidas, pero non hai datos suficientes para confirmar a relación.

Beatriz Pérez, investigadora do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Salud Carlos III, e unha das primeiras autoras do artigo publicado na revista PlosONE, conta a GCiencia que a pouca información que existe sobre as causas do cancro de próstata fai difícil establecer pautas de prevención e afondar nas causas. “Non temos unha boa explicación que xustifique”, di.

Publicidade

– Como xorde a idea do estudo, e con que obxectivos?

– O cancro de próstata, que é o segundo tumor máis común entre os homes no mundo, afecta sobre todo a persoas de avanzada idade. A maioría son tumores indolentes e con moi bo prognóstico. Con todo, outros enfermos presentan tumores máis agresivos que chegan a causarlles a morte. Unha pequena parte destes cancros letais danse en homes relativamente novos, e algúns investigadores pensan que os factores de risco nestes casos poden ser algo diferentes aos dos homes máis maiores. Se isto fose así, é posible que a distribución do risco de morrer por este tumor tivera diferenzas por idade, e iso foi o que buscamos.

Publicidade

– Cales son os achados máis relevantes, e que implican?

– Cando estudamos a mortalidade nos homes maiores de 65 anos, observamos que era superior á media en tres zonas: o noroeste do país (Galicia, Asturias e País Vasco), o suroeste de Andalucía e Granada e nunha longa franxa que se estende desde os Pireneos ata o norte de Valencia. Ademais vimos que Madrid, a zona costeira de Tarragona, Barcelona, Alicante e Murcia tiñan riscos por baixo da media de España. Con todo, cando nos centramos nas mortes en homes de menos de 65 anos,  que supoñen o 6% destes falecementos, o patrón xeográfico foi diferente, xa que o exceso de risco observouse só en noroeste de España e no suroeste de Andalucía.

O feito de que a localización xeográfica das defuncións por cancro de próstata en homes con menos de 65 anos sexa distinta que a dos homes de máis idade suxire que pode haber factores de risco diferentes entre ambos os grupos.

Algo pasa co cancro de próstata: Galicia lidera a mortalidade en España

 – Sábese que a idade é un factor clave neste cancro. Que se sabe del cando aparece nos homes novos?

– Pensamos que os casos agresivos en homes novos poden ter un maior compoñente xenético

 – A que se debe o “comentario específico” do que se fala no artigo respecto a Galicia e Asturias? Que hipóteses poderían abrirse con estes datos?

– Estas zonas teñen risco alto en todos os mapas. Iso fainos pensar que son áreas nas que hai máis casos deste tumor. Con todo, non temos unha boa explicación que o xustifique.

 – Existen estudos parecidos e previos que xa achegasen datos neste mesmo sentido?

O noso grupo xa estudou en períodos anteriores o patrón espacial da mortalidade por este tumor, pero non fixeramos esta comparación por idade.

 – Que recomendacións poden darse á poboación para previr este alto risco de cancro de próstata en Galicia?

– Hai moi pouca información sobre as causas do cancro de próstata, o que fai moi difícil facer recomendacións preventivas. Outros traballos nosos suxerían que a dieta mediterránea podería axudar a diminuír este risco.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Mauro, o neno galego cunha doenza ultrarrara e mortal: “Non hai nada máis difícil que ver o teu fillo deteriorarse”

O cativo de dous anos e medio foi diagnosticado en outubro de 2024 da enfermidade de Alexander, unha patoloxía neurodexenerativa sen tratamento

Que é a renaturalización? A alternativa a unha paisaxe galega dominada polo eucalipto

A aprobación do informe de impacto ambiental da macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei reabre o debate sobre o modelo forestal que queremos en Galicia

As asombrosas imaxes de falsos percebes adheridos a unha lámpada e á coiraza dunha tartaruga

A Coordinadora para os Estudos dos Mamíferos Mariños retirou 59 cirrípedos do animal, que apareceu nunha praia de Fisterra

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica