As Cíes, laboratorio para a xestión sostible de áreas mariñas

O proxecto Alganat 2000, no que colaboran UVigo e Parque Nacional das Illas Atlánticas, abordará a investigación desde o arquipélago

Once investigadoras e investigadores do Grupo de Ecoloxía Costeira do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, xunto a persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas,  traballarán ata xaneiro do ano 2020 no proxecto Alganat2000 (Mellora da xestión, seguimento e mantemento da biodiversidade en áreas mariñas protexidas mediante técnicas xeoespaciais automatizadas de baixo custo para a monitorización e cartografiado de hábitats intermareais).

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e máis concretamente as Illas Cíes, será o escenario no que se desenvolverá o traballo experimental de campo e tamén onde se organizarán as actividades de transferencia do proxecto, que cos obxectivos de contribuír á xestión sostible de áreas mariñas protexidas con actividade pesqueira e de manter a biodiversidade mariña, desenvolverá unha metodoloxía automatizada e innovadora baseada en técnicas xeoespaciais, que combine a análise de imaxes satélite e das obtidas desde vehículos aéreos non tripulados para a cuantificación in situ da abundancia e estado fisiolóxico das macroalgas. “Aínda que só se desenvolve no Parque Nacional das Illas Atlánticas, Alganat2000 sería aplicable a outra área mariña protexida e non protexida, posto que se trata do deseño e desenvolvemento dunha plataforma informática para detectar a abundancia e o rango térmico de macroalgas intermareais”, explica a ecóloga da Universidade de Vigo e investigadora principal (IP) do proxecto Celia Olabarria.

Publicidade

Celia Olabarria é a investigadora principal do proxecto. Fonte: Duvi.
Celia Olabarria é a investigadora principal do proxecto. Fonte: Duvi.

Cunha duración dun ano e un importe total próximo aos 200.000 euros, Alganat2000 conta cun financiamento público do 75%, coa colaboración da Fundación Biodiversidad e do Ministerio para la Transición Ecológica, a través do Programa pleamar, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Ademais do desenvolvemento dunha plataforma informática, o proxecto permitirá incrementar o coñecemento científico e técnico para a xestión, recuperación e seguimento das áreas mariñas protexidas e a transferencia de resultados ao sector pesqueiro e organismos de administración pública, encargados da xestión, potenciando unha pesca sostible.

Áreas mariñas e seguemento de especies

Mentres as e os investigadores da Universidade de Vigo se encargarán de desenvolver a parte técnica da ferramenta xeoespacial e a súa validación in situ, ademais da divulgación e o coordinación do proxecto, o persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia ocuparase da loxística e de apoiar o traballo experimental de campo dos científicos, así como de organizar as actividades de transferencia, que inclúen un obradoiro formativo de concienciación co sector pesqueiro e xestores administrativos e outro demostrativo de presentación da ferramenta.

Publicidade

Sobre as motivacións para poñer en marcha Alganat2000, Olabarria refírese, por unha banda, “á necesidade de afondar no coñecemento dos hábitats mariños e a biodiversidade asociada, e polo outra, pola conveniencia de realizar un seguimento espacio-temporal do estado ecolóxico de hábitats e especies protexidas, así como de especies invasoras mariñas, que supoñen unha grave ameaza para o funcionamento dos servizos ecosistémicos”, explica a docente e investigadora da Universidade de Vigo.

Innovacións e fases do proxecto

Técnicas e tamén sociais, son segundo Olabarria, as innovacións que achega Alganat2000. No caso das novidades técnicas, a investigadora da Universidade de Vigo sinala catro: que a nova ferramenta permite diminuír o custo das mostraxes de campo, “posto que pasamos dunha operativa de campo, que precisa moito persoal, a unha operativa remota baseada na teledetección”; unha xestión global do espazo natural, posto que nunha soa imaxe de satélite pode abarcar zonas de estudo en diferentes illas; unha melloría na frecuencia temporal das mostraxes, xa que as imaxes de satélite teñen períodos de revista de poucos días, así como a integración dos datos resultantes en sistemas de información xeográfica, que a súa vez poden achegar outro tipo de datos xeoespaciais.

“Por outra banda, a nivel ecofisiolóxico, conseguimos relacionar en tempo real e en múltiples áreas de xeito simultáneo, o rango térmico da especie en período de emersión, cando é máis vulnerable, co seu grao de estrés fisiolóxico”, destaca a ecóloga, que tamén sinala que o proxecto presenta un modelo de innovación social de cuádrupla hélice no que se implican universidade, sector pesqueiro, administración pública, sociedade e público en xeral.

O proxecto, que arranca este mes coa análise e avaliación da información de partida e o deseño de casos piloto para a realización do traballo de campo, continuará coa cuantificación e avaliación do estado fisiolóxico de cinco especies de macroalgas in situ, en cuadrículas de 50X50 cm, dispostas nunha área de 10X10 m2. Mediante o emprego de drones, o estudo estenderase a áreas maiores e nunha fase posterior, procederase á adquisición, calibración e procesamento de imaxes satelitais e desenvolvemento de técnicas de procesamento de imaxe, que permitan analizar de xeito automático os datos das macroalgas. “Unha vez desenvolvida a algorítmica de procesamento de imaxe, analizarase a robustez do resultado, desenvolvendo procedementos que permitan sistematizar a metodoloxía”, explica Celia Olabarria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Tiburón a vista de dron: un achado inesperado nas illas Cíes

Investigadores da Universidade de Valencia captaron en agosto as imaxes dunha quenlla que nadaba nas augas costeiras do parque nacional
00:03:35

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga