A necesidade de apoiar a economía circular co fin de reducir o volume de residuos é unha das liñas mestras de Run4Life, un proxecto de investigación que traballar na reutilización das augas domésticas para o seu uso como fertilizantes agrícolas, así como a mellora na depuración de augas residuais en pequenos núcleos de poboación.
O Centro de Negocios de Porto do Molle, dependente do Consorcio Zona Franca de Vigo, acolleu unha xornada de traballo que clausuraron o delegado, David Regades, e o alcalde de Nigrán, Juan. A González, no marco do proxecto europeo. A Zona Franca e a USC están a colaborar activamente con este proxecto que propón un cambio radical para recuperar de maneira eficiente os nutrientes das augas residuais. Durante a xornada, celebrada a pasada semana, presentáronse os principais resultados científicos obtidos no proxecto a cargo das empresas e universidades colaboradoras no ConectaPeme MEDRAR.
Run4 life parte da reflexión de que a subministración mundial de alimentos depende por completo do uso de fertilizantes que actualmente se basean en prácticas de produción de fertilizantes non sustentables basicamente procedentes da rocha de fosfato e en que, paralelamente, hai que depurar augas residuais de orixe doméstica portadoras de recursos – especialmente auga e nutrientes- que apenas se recuperan nos actuais sistemas centralizados de xestión de augas residuais.

Financiado con fondos do Programa Marco de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, Run4Life situou plantas piloto en Gante (Bélxica), Sneek (Países Baixos), Helsingborg (Suecia) e en España, coa colaboración de Aqualia e Zona Franca, na área de Vigo, máis en concreto no Centro de Negocios do parque empresarial de Porto do Molle.
Nestas plantas, en colaboración cos produtores de fertilizantes, caracterizaranse os produtos resultantes e exploraranse as posibilidades para o seu uso en agricultura e outras aplicacións, grazas á participación no consorcio de posibles usuarios finais e ao desenvolvemento dun novo modelo de negocio baseado nun esquema financeiro cooperativo.
Run4Life demostrarase a gran escala nas catro localizacións de Bélxica, España, Países Baixos e Suecia, adaptando o concepto a diferentes escenarios (mercado, sociedade, lexislación…). A información obtida nos catro espazos de proba usarase para a simulación de procesos para concibir un modelo Run4Life unificado que se aplicará nun quinto sitio de demostración para o que se está estudando a posibilidade de que sexa no Polígono de Balaidos. Estes resultados abrirán novas oportunidades comerciais e proporcionarán datos para a elaboración de políticas de materias primas fundamentais.