Galicia leva 10 días por enriba dos 20 graos en pleno xaneiro: “Non hai unha explicación clara”

Expertos galegos cren que as temperaturas son anómalas para esta época do ano pero alertan de que é unha tendencia global

A segunda quincena de xaneiro adoita ser a máis fría do ano. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a temperatura media deste mes (no período 1991-2020) foi de 6 graos na península. Con todo, estes últimos días hai unha conversa que se repite: é pleno xaneiro, non se ve unha nube e as temperaturas en Galicia roldan os 20 graos. A que se debe esta inusual primavera en pleno inverno?

Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia, leva décadas observando o clima da nosa comunidade e explica por que este mes é un pouco distinto. “Xaneiro é climatoloxicamente o mes máis frío do ano porque é o primeiro mes completo de inverno. Temos menos radiación solar e xa está o aire frío no hemisferio norte acumulado de todos os meses anteriores. Con todo, este ano tivemos algúns días fríos, pero realmente o que está predominando, sobre todo nesta segunda quincena, son estas situacións anticiclónicas, o que nós chamamos dorsais anticiclónicas, con temperaturas máis elevadas do habitual”, explica o meteorólogo.

Publicidade

Segundo a Meteopedia, un anticiclón é a “circulación de aire ao redor dunha área central de altas presións”. Adoita asociarse con tempo estable e ceos despexados porque o seu aire é máis estable que o aire que o circunda. “Non sabemos exactamente por que temos estas situacións de anticiclón tan seguidas, non só en Galicia, senón en xeral na península e en puntos de Europa occidental”, comenta Taboada. “En parte é a variabilidade natural. Con todo, o que acontece é que, aínda que si que é certo que case todos os invernos adoita haber un período de 8 ou 9 días con altas presións, estes anticiclóns acostuman vir asociados a xeadas, néboas e moito frío, pero neste caso está sendo un pouco diferente. Este anticiclón está arrastrando aire moito máis cálido do que correspondería a esta época do ano. Pero non hai unha explicación clara e directa para esta situación”, continúa.

Gonzalo Míguez Macho, profesor na facultade de Física da Universidade de Santiago (USC), coincide con Juan Taboada na apreciación desta situación. “A atmosfera é caótica, e dentro das posibilidades que hai dentro dela, esa situación pode darse. O feito de que teñamos ese anticiclón non é algo que a un meteorólogo lle vaia sorprender, é algo que é recorrente relativamente. De feito, o ano pasado no mes de febreiro non choveu nada”, conta este físico e investigador. “O que si que non pasara antes é que as temperaturas sexan tan cálidas, pero isto xa é unha tendencia. Todo o ano pasado en xeral foi bastante máis cálido do normal, mesmo a escala mundial”, sostén.

Publicidade

“En Meteogalicia temos xa varios rexistros de varios puntos de Galicia que marcaron valores que non se marcaran antes, por exemplo, en Santiago de Compostela este domingo”, engade Taboada. “E hai outros puntos que están moi cerca do rexistro histórico se non o bateron xa. Pero o que non lembramos, sobre todo, é unha situación con tanta continuidade, iso si que non. Ter, dende o pasado luns, case dez días consecutivos con estas temperaturas, con máximas roldando os 20 graos en pleno mes de xaneiro… Desde os anos 70 que temos rexistros, eu diría que non lembramos unha situación así”, comenta o meteorólogo.

Para Míguez Macho estes récords de temperatura é bastante probable que estean “relacionados co quecemento global”. “A tendencia destes últimos meses foi unha aceleración dese quecemento que non se sabe se é exactamente só debida ao aumento de gases de invernadoiro ou hai algo máis”, comenta o investigador. “Porque xa digo que este ano foi anómalo, non unicamente na atmosfera senón tamén no océano. Neste momento en todas partes están por encima da temperatura media menos no Pacífico, onde está ocorrendo o fenómeno de El Niño”, sostén.

Unha situación de difícil explicación e que “non vai durar sempre”

Para os expertos é moi difícil dar unha causa clara a esta situación climatolóxica. “Pode haber unha relación entre o fenómeno de El Niño e o feito de que haxa un anticiclón, pero é moi difícil facer esa relación de causa-efecto porque esta situación anticiclónica ten acontecido sen ese fenómeno”, comenta Míguez Macho. “A relación entre El Niño e o que ocorre na atmosfera é moi directa no sitio onde acontece, no Pacífico, pero na nosa posición, moito máis alá, poden estar pasando outras cousas noutro sitio que interactúen unhas con outras, e ao final o resultado non é sempre o mesmo”, apunta o investigador da USC. Con todo, o físico si que asegura queo fenómeno de El Niño noPacífico “perturba o clima e a atmosfera a escala global”. “Pero poden pasar outras cousas noutros sitios, especialmente no Ártico ou na estratosfera, que ao mellor afecten tamén, que estean interacionando con iso, e ao final o efecto, pois non sexa sempre igual. Non podo dicir que isto sexa por culpa de El Niño”, conclúe.

Realmente as correlacións que hai entre este fenómeno, en global, e a península son débiles e adoitan estar máis asociadas a outonos chuviosos, por exemplo, e iso este ano si se cumpriu bastante ben”, engade Taboada sobre as posibles causas da situación primaveral que está vivindo Galicia. “Eu polo menos non teño constancia de que o fenómeno El Niño estea relacionado con anticiclóns de bloqueo invernais. As secas máis intensas en Galicia adoitan darse con fenómenos de La Niña e non con El Niño”, explica.

Sobre se volverán as choivas ou seguiremos baixo este anticiclón cálido, ambos expertos coinciden. “Polo momento non vemos chuvia, pero tampouco sería tan concluínte porque ao final a atmosfera é un sistema moi dinámico e cambiante. Os modelos a nivel global non están dando tampouco un sinal de que febreiro teña que ser necesariamente seco, máis ben apuntan a unha certa normalidade, quizais cun pequeno déficit”, comenta o experto. “Nós o que pensamos é que imos ter esta semana aínda con anticiclón, pero hai moito aire frío ano no Atlántico. Centrámonos en Galicia, porque é a nosa zona, pero se un abre un pouco máis o foco e se fixa noutros puntos do hemisferio norte, ve que realmente as condicións tampouco están sendo tan diferentes do que poden ser outros invernos”, indica.

“Dentro de 7, 8 ou 10 días, ese anticiclón de bloqueo caerá e volverán chegar, case seguro, borrascas e incluso algunha situación de frío, de chuvias”, comenta Taboada. “Queda medio inverno por pasar. Esta semana é a Candelaria, que é xusto a metade do inverno, así que hai que ter paciencia, pero seguro que chegaran aínda situacións invernais”, sostén

“No 83 acontecera algo semellante”, engade Míguez Macho. “Estiveran dúas semanas de anticiclón, con sol pero máis frío, e de repente, a inicios de febreiro, a configuración cambiou e baixou unha masa de aire moi frío, e nevou varios días en Santiago. Así que, aínda que de momento non se ve, pode cambiar”, conclúe.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense