Pasou soamente unha semana dende que MeteoGalicia anunciou o primeiro récord histórico de temperaturas de outubro. Por aquel entón, foron 43 concellos os que rexistraban unha nova marca por calor. Non se agardaban uns valores tan elevados uns días despois desas xornadas que se chamaron popularmente “Verán de San Miguel”. Con todo, esta pasada fin de semana os termómetros tombaron todas as expectativas. En total, 76 concellos superaron a súa máxima histórica que, nalgúns casos, se dera a anterior semana. As estacións nas quedaron constancia estas temperaturas anómalas equivalen ao 40% de todas as existentes en Galicia.
A lista de concellos con récords por calor é moi longa e, probablemente, outras estacións operativas na comunidade superaron tamén as súas máximas pero non están incluídas no reconto que fai MeteoGalicia. Isto débese a que algunhas non teñen a lonxevidade suficiente como para poder establecer unha comparativa con toda a súa serie xa que, como mínimo, deben levar 15 anos operativas para entrar no ranking do organismo. Aos seus meteorólogos sorprendeulles sobre todo as temperaturas que se están acadando na zona norte, especialmente na Coruña. Alí os termómetros marcaron 33,09 graos dende a Torre de Hércules. A anterior estaba situada en 31,21, o que quere dicir que houbo un aumento na máxima de 1,88 graos.
A estación de San Lázaro, en Santiago de Compostela, tamén excedeu o seu valor anterior en máis dun grao. O termómetro marcou 31,99. En Lugo chegouse aos 33,73 e no concello de Lourenzá a 36,25. Tamén Ribas de Sil rexistrou un valor moi alto, con 35,14 (case dous graos máis que a marca anterior, en 2011). Ourense acadou unha das temperaturas máis altas da lista de concellos que baten récords históricos, con estacións que observaron 36 e 35,82 graos. En menor medida, Vigo tamén rexistra unha nova marca con 30,38 graos. E, con moita diferenza a outras de Pontevedra ou de Galicia, a estación de Lalín é a que maior subida experimenta con respecto a súa máxima anterior. Sumou 3,02 graos de temperatura e sitúase xa en 31,78.
A temperatura rexistrada en Lalín supera en máis de tres graos á súa máxima anterior
Dende MeteoGalicia explican que esta é unha situación que se estende no tempo e que vimos xa no verán en zonas como A Coruña. A falta de vento do nordés é unhas das causas que propiciaron unha calor máis intensa. “As temperaturas son máis salientables esta última fin de semana que a anterior, especialmente na zona norte. Houbo ventos da terra cara ao mar, a calor foise acumulando pola influencia anticiclónica. Aínda que esteamos en outubro, hai moitas horas de sol e os ceos están despexados. Xúntanse moitas condicións”, apuntan dende o organismo. O último informe climatolóxico de setembro considerouno un mes moi cálido e, de momento, outubro vai polo mesmo camiño.
Do que levamos de outubro practicamente non choveu. “Faltan precipitacións“, trasladan dende MeteoGalicia. A semana pasada caeu un pouco de chuvia en zonas do oeste e do norte de Lugo, pero en xeral, menos de 10 litros por metro cadrado. “Moito ten que chover para acadar a media de precipitación de outubro. Estes primeiros nove días acusamos un déficit de chuvia“, explican. Con todo, ao tempo de verán non lle quedan moitas horas en Galicia. A partir do mércores as temperaturas baixarán progresivamente e unha fronte que ameaza a Ponte do Pilar descargará precipitacións a fin de semana.
2022: o verán máis caloroso dos últimos 700 anos
Un equipo internacional no que participa o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) analizou as temperaturas de España durante o verán de 2022. A investigación revela que neste período alcanzáronse temperaturas sen precedentes nos últimos 700 anos, o que favoreceu a aparición de vagas de calor e unha situación de seca extrema, concretamente no noroeste da península. “A análise revelou un aumento da temperatura superficial do mar de 3,3 graos; de 2,1 graos na temperatura media; de 2 graos nas ciudades e un incremento de catro días na duración de vagas de calor”.
Os investigadores apuntan ademais que existe un “patrón” de veráns cada vez máis cálidos dende comezos do século XXI que aumenta a probabilidade de que esa anomalía se repita cada poucos anos. Entre as medidas para mitigar os efectos do cambio climático, anuncian a creación de refuxios climáticos e plans para mellorar a resiliencia e adaptación ao cambio climático.
Sempre tiven unha dúbida. Os datos históricos están adaptados ao novo instrumental? As variacións dos instrumentos antigos en relación aos actuais téñense en conta? A localización e o seu entorno? Xa que moitas estacións están preto de autoestradas, cidades etc, que por norma xeral crecen aumentando o efecto illa de calor.
En resumo, cando unha estación mide unha marca histórica nun punto concreto nos últimos 50 anos, dubido que o instrumental sexa o mesmo. Utilízase un marxe de erro mais alto para procesar estes datos?
Un saúdo