O programa Talentos Inclusivos, que busca facilitar a inclusión de persoas con diversidade funcional, contará na súa cuarta edición cun 50% máis de centros educativos participantes. En total, serán 15 centros de secundaria, bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia os que formarán parte desta iniciativa promovida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña (Aspace). A cuarta edición do programa presentouse este mércores na Domus.
No acto participou o director do CITIC, Miguel G. Penedo. “É un proxecto do que nos sentimos moi orgullosos e que conta xa cunha ampla traxectoria. Estamos moi satisfeitos por poder escalar agora, co apoio fundamental das institucións, a nivel autonómico”, declarou. Pola súa banda, a presidenta de Aspace Coruña, María del Carmen Barreiro Santos, resaltou o seguinte: “Talentos Inclusivos reúne todas as características dun gran proxecto. É innovador, xera coñecemento compartido, pon a tecnoloxía ao servizo das persoas e, sobre todo, é un proxecto que promove valores como o respecto, a igualdade e a inclusión e achega a parálise cerebral á sociedade”.
Así mesmo, a directora da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Inma Aguilar, felicitou o labor dos equipos participantes no proxecto. “Co seu esforzo conseguen espertar a curiosidade do alumando pola ciencia e fomentan unha sociedade diversa, inclusiva e solidaria”, asegurou.
Solucións TIC a problemas cotiáns de persoas con parálise cerebral
A través de Talentos Inclusivos o alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional terá que buscar solucións TIC aos retos detectados por ASPACE Coruña, e tamén por Amencer-ASPACE e APAMP, dúas asociacións que se incorporan este ano como colaboradoras. A finalidade é cumprir o dobre obxectivo do programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre os máis novos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional.
Entre os retos detectados para este curso destacan o desenvolvemento de soportes de impresión 3D para guiador da bici, unha cámara de fotos accesible, timbres inalámbricos, pechaduras electrónicas, unha mesa para arteterapia e rehabilitación, adaptadores de mandos para videoconsolas, adaptadores de xogos como o “Simón di” ou un ventilador holográfico.
Os desafíos tecnolóxicos intentan dar resposta a diferentes problemáticas cotiás coas que se atopan as persoas con parálise cerebral en diversos ámbitos persoais e profesionais, a través de produtos de apoio e impresión 3D, como o de accesibilidade a dispositivos electrónicos, control de contornas do fogar e outros espazos de convivencia, sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, accesibilidade á educación e ó ámbito laboral ou lecer e ocio.
Na presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, CITIC e ASPACE Coruña e persoal docente dos centros educativos, participaron representantes das institucións que apoian o programa, como o Concello da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a UDC, o Consello Social da UDC e a Xunta de Galicia. Para finalizar a xornada, persoas usuarias de ASPACE Coruña, representantes do IES Rego de Trabe e o subdirector do CITIC, Javier Pereira, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores e afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2023-24.
Ao longo da súa traxectoria, Talentos Inclusivos leva recibidos diferentes recoñecementos polo alcance, dimensión e obxectivos do proxecto. Destacan os concedidos polo COETG AETG na categoría TIC con beneficios sociais concedido no evento de referencia Noite Galega das Telecomunicacións, o do consello xeral de Colegios Profesionales de Ingenieros Informáticos de España ou o outorgado polo CPEIG á Innovación Tecnolóxica no Ensino e pola Deputación da Coruña ás Boas Prácticas en Servizos Sociais, entre outros.














