Domingo 28 Abril 2024

Talentos Inclusivos: canto a tecnoloxía mellora a vida das persoas con parálise cerebral

A iniciativa da UDC recibe o premio ao mellor proxecto TIC con beneficios sociais na Noite Galega das Telecomunicacións

A tecnoloxía ao servizo das persoas coa fin de lograr unha sociedade máis inclusiva. Este é o obxectivo de Talentos Inclusivos, un proxecto referente do Centro de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). Dende a súa posta en marcha hai tres anos obtivo o recoñecemento institucional e social e tamén do sector das TIC. Ata o momento, recibiu cinco premios, aos que vén a sumar este venres, 20 de outubro, o que lle entregará o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia: o premio “Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais”. De feito, mellorar a vida das persoas mediante a aplicación da tecnoloxía é o principal reto ao que se enfrontan os estudantes que participan neste proxecto, impulsado polo CITIC, ASPACE Coruña e o Concello da Coruña, co apoio do Consello Social da UDC e promovido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.

Desde a posta en marcha de Talentos Inclusivos, máis de 500 estudantes solucionaron 19 retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE Coruña. Uns retos que engloban aspectos diversos da vida cotiá, que van desde programas para facilitar a comunicación ata alternativas para o lecer, de rehabilitación e solucións para o fogar. “Todo o que se constrúe e fai desde o mundo tecnolóxico debe ter en conta a diversidade da nosa sociedade. Este é un principio compartido polo CITIC e a Universidade da Coruña, como se demostra a través de iniciativas como esta”, explica Javier Pereira, subdirector do CITIC e investigador principal de Talentos Inclusivos.

Publicidade

Na mesma liña, os responsables de ASPACE Coruña destacan que os “grupos de traballo que se crean en Talentos Inclusivos móstranse moi interesados en coñecer a realidade das persoas con parálise cerebral e, ao mesmo tempo, espertan no alumnado as vocacións científicas ao buscar solucións aos retos propostos a través da tecnoloxía e a innovación”.

Impulsar vocacións

Precisamente, outro dos piares nos que se asenta o proxecto Talentos Inclusivos é o de espertar as vocacións tecnolóxicas entre os estudantes de Secundaria, co valor engadido de saber que as solucións TIC que desenvolven están pensadas para un colectivo concreto. De feito, “cada ano o alumnado esfórzase en que os retos sexan o máis funcionais posibles, sempre tendo en conta os gustos e preferencias do grupo de traballo de ASPACE Coruña”, explican desde a entidade.

Outro feito que tamén inflúe na evolución do proxecto é “que o primeiro ano algúns centros expuxérono como unha actividade extraescolar, pero nas dúas últimas edicións xa se incorporou ao currículo escolar, encaixándoo nas materias de Tecnoloxía ou Ciencias”, engade Javier Pereira.

“Botón do pánico”

Un dos obxectivos que busca Talentos Inclusivos é facilitar actividades da vida diaria, o que permitiu nas tres edicións anteriores a creación por parte dos estudantes de obxectos tales como mandos adaptados para a televisión, un soprador de velas ou adaptacións en impresión 3D para a escritura. En cada edición, propóñense varios retos, algúns relacionados co lecer, como eixo importante da vida. Para a edición 2023-24 exporanse novos desafíos para seguir mellorando a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. Concretamente, tal e como adiantan desde ASPACE Coruña este ano propoñerase un “botón do pánico”, unha solución para chamar a emerxencias cando persoas que non teñan comunicación verbal se atopen soas ou en apretos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Como poñer fin aos nesgos da IA no traballo: “Os algoritmos deben ser transparentes”

A investigadora do CITIC Verónica Bolón cualifica positivamente a declaración que asinaron España e EEUU para evitar que a dixitalización vulnere os dereitos laborais

O programa Talentos Inclusivos incrementa nun 50% os centros participantes

A iniciativa, que busca a inclusión das persoas con diversidade funcional, contará con 15 institutos de toda Galicia na súa cuarta edición

ONCE e CITIC alíanse para mellorar a vida das persoas con discapacidade visual

Investigadores da UDC e membros da organización realizaron un taller no que conectaron as necesidades coa tecnoloxía