Sábado 27 Abril 2024

Os vermes que ameazan os cultivos multiplícanse en Galicia: a praga que ninguén esperaba

O crecemento desmesurado desta poboación vén provocado polas altas temperaturas e a humidade entre o final do verán e o inicio do outono

Agricultores e gandeiros advirten en Galicia o avance do verme da pradería ou o verme cortador, o nome común para a Mythimna unipuncta. A Costa da Morte e as comarcas de Ferrolterra e Ortegal son algúns dos territorios onde Unións Agrarias documentou a presenza incontrolada desta praga. Porén, José Carlos Otero, investigador da USC dentro da área de Zooloxía, é claro: “Debe chamarnos a atención que algo fixemos mal; eliminamos algo do ecosistema”. O desenvolvemento desmesurado desta especie é unha consecuencia de cambios ambientais froito da acción humana.

Non é unha especie invasora. Ao contrario, coñécese a súa presenza na península ibérica desde 1950. Pero os cambios ambientais alteraron esta convivencia: chegamos ao final do verán e o inicio do outono cunhas temperaturas impropias desta época. Esta circunstancia propiciou que a última xeración destes vermes tivera un “desenvolvemento anómalo”. A aparición de Mythimna unipuncta dáse con temperaturas altas e humidade, propias da situación actual. “Cando baixen as temperaturas e se normalicen, esas poboacións van diminuír”, sinala o biólogo.

Publicidade

Normalmente, teñen tres xeracións ao ano con voos de adultos en abril-xuño, xullo e setembro-novembro e esta última —a actual— é a máis daniña. “Está producindo unha defoliación importante nos cultivos, de tal xeito que, por exemplo, na folla dun millo deixa unicamente a nervación central“, alude o biólogo. En praderías desaparecen as gramíneas aparecendo “calvas” ou poden provocar unha defoliación completa desparecendo toda a pradería.

Unións Agrarias informa de como este verme ataca “vorazmente” as praderías e deixa sen fonte de alimento as explotacións gandeiras da zona. Segundo a organización, tratáse dun “problema que chega nun momento especialmente delicado para o sector produtor, cos prezos da forraxe e dos pensos polas nubes a causa da escaseza provocada pola seca e as consecuencias da invasión de Ucraína”.

A utilización de fitosanitarios ou praguicidas favorece a desaparición dunha fauna que sería a favorable para a eliminación desta especie

Se falamos de “pragas” —este termo utilizámolo cando se producen consecuencias económicas ou afectan os cultivos—, existe o crecemento desmesurado ou anómalo dunha poboación. En Galicia non se dera ata o momento; noutras comunidades autónomas, como Aragón ou Cataluña, si. “As condicións ambientais cambiaron porque a condición humana fixo algo. Temos un cliché dun tempo determinado e cremos que as circunstancias teñen que ser as mesmas que hai medio século. Cando isto sucede, algo fixemos mal porque fixemos desaparecer o seu depredador“, explica José Carlos Otero. A utilización de fitosanitarios ou praguicidas favorece a desaparición dunha fauna que sería a favorable para a eliminación desta especie, como os coleópteros ou os himenópteros.

Costa da Morte e outros territorios afectados

En Costa da Morte son sete os concellos afectados: Zas, Cabana de Bergantiños, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Ponteceso e Coristanco. Nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal. “Tamén nos constan rexistros en Outes, Dumbría e mesmo na montaña lucense, polo que a afectación podería ser moito máis extensa da que nun principio se pensou”, informan desde Unións Agrarias, organización que fai un seguimento do avance do verme cortador a partir da información propiciada polos seus afiliados. GCiencia solicitou un listado de concellos afectados á Xunta a comezos de semana, pero, ao peche desta edición, aínda non foi recibido. O seu Laboratorio Fitopatolóxico identificou a especie a través dunha mostra en Muxía e esta tomouse por boa desde organizacións como Unións Agrarias e outros medios de comunicación.

Na Estación Filopatolóxica de Areeiro non recibiron ningunha mostra do problema nin notificaron a presenza na provincia de Pontevedra, a súa área de acción: “Nós tampouco facemos mostraxes en praderías polo que non podemos confirmar a especie de que está a afectar ás praderías do norte de Galicia”. Este medio intentou poñerse en contacto co Centro Investigacións Agrarias Mabegondo por medio da Consellería de Medio Rural, mais tampouco foi posible.

Non é unha praga de corentena, di a Xunta

A Xunta xustifica a inexistencia dun protocolo en tanto que non está definida como unha praga de corentena. No seu lugar, ofrece asistencia particular aos afectados: “Como xa se ten feito en casos semellantes, a Xunta dará pautas, asesorará e informará aos interesados ou aos seus representantes (cooperativas etc.) de cara a minorar os efectos destes vermes”.

O goberno galego recomenda unha serie de pautas para a diminución do problema: “Para combater esta pragapoden utilizar os produtos fitosanitarios autorizados no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Non obstante, cómpre lembrar que deben priorizarse, sempre que sexa posible, métodos de control non químico (culturais, biolóxicos etc.), respectando así a Xestión Integrada de Pragas”.

Por outra banda, Unións Agrarias fai un “chamamento de responsabilidade” a este organismo “para frear a expansión da praga como para evitar posibles consecuencias ante a aplicación de tratamentos e adopción de medidas que poderían non ser as axeitadas”. Ademais, a organización agrícola solicitou unha xuntanza coa Consellería de Medio Rural para abordar a problemática e aseguran non ter recibido resposta “alén de declaración públicas restando importancia ao asunto”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos sintetizan moléculas capaces de mellorar a eficiencia das plantas

Científicos do CINBIO en colaboración con profesionais sauditas conseguen partículas estruturalmente similares á hormona que regula os ciclos de vida vexetais

Unha científica da UVigo, nun proxecto mundial sobre a biodiversidade do solo

María Gómez Brandón analizará a microbiota do solo nos cultivos de millo forraxeiro en cinco localidades como parte do proxecto Fields 4 Ever

Labazada de Europa a Galicia polo mal control da praga do piñeiro

A segunda avaliación da Comisión Europea critica importantes eivas de Medio Rural no control desta perigosa praga

A Xunta levanta a prohibición de plantar pataca debido á couza en nove concellos

Os municipios, nas provincias da Coruña e Lugo, pasan a ser considerados zona tampón ao non teren rexistrado ningunha captura nos dous últimos anos