Cámaras e IA a bordo para coñecer mellor os mares: “Non é un grande irmán, vai de ter máis información”

Un sistema desenvolto polo Oceanográfico de Vigo afina as tecnoloxías de control de capturas para suplir a ausencia de controladores humanos a bordo

A instalación de sistemas de videovixilancia nos barcos pesqueiros desatou as protestas do sector en 2023, cando a Unión Europea aprobou un regulamento para incrementar os mecanismos de control sobre capturas e descartes. Agora, un estudo do Centro Oceanográfico de Vigo comprobou a eficacia dun sistema de monitorización electrónica que, empregando cámaras combinadas con algoritmos de intelixencia artificial, mellora as ferramentas para reducir a pesca accidental e dispor de máis datos para a protección dos recursos do mar sen necesidade de contar con observadores a bordo.

“Non se trata de facer un grande irmán nos barcos, vai de ter máis información”, resume Mateo Barreiro, investigador do Oceanográfico vigués encargado do proxecto desenvolto en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC. “Se dispoñemos de máis información sobre onde están as especies, poden delimitarse mellor as áreas de pesca”, engade o investigador, que subliña a importancia de empregar a tecnoloxía para coñecer máis o que acontece nos mares desde unha perspectiva científica. “Non podemos escondernos do que acontece nos océanos”, engade.

Publicidade

O proxecto dividiuse en dúas partes. Primeiro, a posta en marcha dun sistema de intelixencia artificial asociado a unha cámara que, máis tarde, se instalou en pesqueiros nos que embarcaron científicos como Mateo Barreiro. A bordo, os investigadores encargáronse de adestrar o algoritmo de IA para que fora quen de identificar e clasificar o tipo de peixe que se capturaba. Esta fase inicial testouse máis tarde nunha segunda sen respaldo humano nas embarcacións para comprobar a eficacia dos sistemas a distancia.

O traballo abrangueu catro pesqueiras de grande relevancia en Galicia: dúas modalidades de arrastre de fondo para capturar demersais e xarda, a pesca artesanal con redes de enmalle para peixes e crustáceos demersais, e pesca con redes de cerco dirixidas á sardiña. Os resultados das probas comprobaron que o sistema de cámaras combinada con intelixencia artificial ofrece unha fotografía da composición faunística da captura, así como o número de exemplares e a biomasa estimada por especie. O traballo que corresponde facer aos observadores embarcados nos pesqueiros.

Publicidade

“En España hai moitísimos barcos, máis de 8.000 embarcacións. E ter información do que acontece en todos eses barcos que están en distintas zonas, tanto en caladoiros nacionais como en augas internacionais, é moi difícil. É moi complicado conseguir que observadores vaian en todos os barcos a todas as mareas”, di Mateo Barreiro, que incide na oportunidade que brinda a tecnoloxía para cubrir á totalidade da flota.

Todo, desde un prisma científico, como recalca. “As cámaras axudan a ter unha cobertura maior da actividade pesqueira, das capturas e, polo tanto, da poboación pesqueira; para poder avaliar mellor e tomar as mellores decisións á hora de xestionar de forma sostible os recursos. Ao final, é unha fonte adicional de datos que non temos na actualidade”, sinala.

Alto porcentaxe de identificación

Os resultados foron dispares segundo o tipo de pesca, pero, en regras xerais, amosaron un alto grao de porcentaxe de identificación das especies fronte ao observador humano. Por exemplo, no arrastre foi quen de recoñecer ata o 80% do total das especies capturadas, o 64% no cerco e unha cobertura total (o 99%) no enmalle. Por especies, a concordancia foi do 83% en meigas capturadas en arrastre ou un 55% para a xarda en pesca de fondo.

Traballadores do mar nun porto recollen as redes dun pesqueiro FOTO: Santi Alvite

Pero o sistema non se limita a identificar que tipo de peixe acabou na rede, senón que tamén achega información sobre a calidade da captura. Por exemplo, durante as probas, o sistema acadou o 75% de concordancia para a sardiña respecto ao observador. Resultados que, como sinala o investigador do Oceanográfico vigués, abren a porta a desenvolver ferramentas “totalmente autónomas” que axudarían aos propios barcos a contar con datos en tempo real que faciliten o seu traballo.

“A capacidade sería incrible porque esa información da captura pasa pola cámara e cóntache cantas toneladas de peixe van. É unha ferramenta de autoxestión para o propio pescador, que sabe antes de chegar a vender o peixe canto ten e pode decidir, por exemplo cambiar de zona”, subliña o investigador, convencido de que o sistema, alén de aproveitamentos científicos, ten aplicacións prácticas no día a día das embarcacións para coñecer “que é o que levan a bordo”.

Coñecer os fluxos das especies protexidas

Porque un dos principais enfoques do desenvolvemento destes algoritmos asociados a cámaras está en restrinxir a pesca accidental de especies que, en moitos casos, están protexidas, como determinadas aves, quenllas ou cetáceos. Non só para identificalas na rede e devolvelas ao mar, senón para, tamén, achegarse ao seu comportamento e poder predicir por onde se poden mover.

“Se temos información de onde están estas especies, poden delimitarse mellor as áreas de pesca. E isto é importante nas vedas de especies temporais. Se temos unha información precisa de onde están ou se hai unha migración nunha época determinada do ano, pódese predicir a presenza de certos cetáceos ou quenllas”, engade.

A campaña de embarques da Cemma servirá para mellorar a información sobre a presenza de cetáceos nas costas galegas. Foto: Cemma.
Cetáceos nas costas galegas. Foto: Cemma.

Resistencias no sector ao control

Para esquivar as resistencias que xera no sector pesqueiro a instalación de sistemas de videovixilancia enfocadas ao control da actividade, o científico do Oceanográfico vigués ten clara a receita: pedagoxía, fundamentalmente, desde as administracións. Afirma que os investigadores non atoparon problemas por parte de armadores, patróns e tripulación á hora de desenvolver o seu traballo de campo, no que fixeron fincapé en que o obxectivo final é mellorar a xestión dos recursos para preservalos.

“Durante o proxecto tentamos explicar que as cámaras só están gravando cando hai pesca, o resto do tempo están apagadas”, manifesta Mateo Barreiro, convencido de que o “temor a sentirse controlados” pode disiparse “se se explican as cousas ben”.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se ve Galicia dende o ceo? Así era o territorio galego captado por helicópteros nos anos oitenta

A Fundación Barrié e o Ministerio de Defensa reuniron fotografías históricas nun volume de máis de 200 páxinas para amosar a riqueza paisaxística e urbana

Fin de semana de inverno exprés: unha fronte fría descenderá as temperaturas ata os 17 graos

Ourense, Lugo e Santiago de Compostela vivirán os maiores contrastes térmicos do episodio tras máximas que rozarán os 30ºC

Galicia consolídase na elite da física mundial: “Queremos facer un descubrimento relevante”

O IGFAE participará na análise de datos de colisións e na mellora do 'software' do experimento do CERN para optimizar a detección de fenómenos pouco coñecidos

Está contaminada por nitratos a auga do teu concello? Consúltao neste mapa interactivo

Unha ferramenta de Greenpeace amosa os niveis destas substancias derivadas do nitróxeno e sinala focos críticos en Ourense