Investigadores galegos patentan un sistema de detección de problemas de equilibrio

A invención está pensada para persoas maiores e avalía a través dun algoritmo posibles complicacións no control da postura

Un equipo de investigadores das universidades de Vigo e de León patentou un sistema de avaliación do equilibrio dinámico e de risco de caídas destinado a persoas maiores. A invención, aprobada pola Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM), ten como eixo un acelerómetro que mide o centro de gravidade do corpo. Conectado a unha unidade de procesamento de datos, interpreta mediante algoritmos a información xerada. Este mecanismo permite detectar precozmente a existencia dunha posible deterioración no control da postura, o que incrementa o risco de sufrir unha caída.

Os expertos destacan a importancia de desenvolver ferramentas para avaliar de forma temperá o equilibrio. José Luis García Soidán, investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (UVigo), apunta a que as probas realizadas nas contornas clínicas non sempre conseguen detectar inicialmente esa deterioración. “Con esta ferramenta, fomos capaces de resolver este problema”, afirma o investigador, que lembra que o risco aumenta coa idade. Segundo a OMS, estímase que o 35% das persoas maiores de 65 anos e o 65% por riba dos 80 sufrirán, cando menos, unha caída ao ano.

Publicidade

Os traballos nesta investigación comezaron hai unha década. Inicialmente, estudaron cal sería o punto exacto da zona lumbar no que situar o acelerómetro. Os investigadores buscaban o centro de gravidade do suxeito. A partir de aí, traballaron na identificación e interpretación dos datos que permiten detectar precozmente pequenos cambios provocados polo proceso de envellecemento.

A idade, un dos principais factores de risco

A patente recolle os algoritmos que tratan eses datos tras percorrer varias veces unha distancia de 10 metros. A invención conta cuns limiares fixados nas variables que o equipo investigador identificou para detectar esa alteración do equilibrio dinámico que xera riscos de caídas durante a marcha. Para iso o equipo realizou previamente un conxunto de medicións con persoas con e sen patoloxías deste tipo. Ese proceso permitiu determinar cales son os valores mínimos onde comeza o risco.  

Publicidade

“A idade é un dos principais factores”, advirten os investigadores. Estes esperan que o sistema supoña unha mellora substancial á hora de abordar posibles problemas de dependencia. A innovación é froito das investigacións de José Luis García Soidán e Vicente Romo, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, xunto con Raquel Leirós e José Alberto Benítez, da Universidad de León. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas