Publicidade

Un tren de borrascas e unha valgada polar traen unha Semana Santa invernal con choiva, frío e ata neve

Unha valgada polar fará caer os termómetros a valores invernais e dúas borrascas atlánticas provocarán choivas a meirande parte da semana

A sorte non acompañará aos galegos para desfrutar destes días libres que moitos teñen durante esta Semana Santa. Cando menos, durante a primeira metade da semana, que estará marcada pola choiva e as baixas temperaturas, que mesmo poderían deixar nevaradas por debaixo dos 800 metros de altitude. Deste xeito, a auga e o frío serán os protagonistas destes primeiros días de vacacións para algúns. Malia todo, cara á fin de semana pode que se abra unha fiestra de esperanza.

O escenario que debuxan as predicións meteorolóxicas nesta terceira semana de abril non convidan ao optimismo. Queda descartada a praia, da que puido desfrutarse hai unha semana con máximas que rozaron os 30 graos en moitos puntos do país. En menos de sete días pasouse dun tempo máis propio de xullo a un que nos recorda a novembro. Ca fin de semana de transición que deixou intensas precipitacións asociadas a tormentas, a nova semana arrinca tamén pasada por auga, unha inestabilidade que se manterá, polo menos, ata o mércores.

Publicidade

A inestabilidade será consecuencia dun tren de borrascas que chegarán á península ibérica desde as costas de Galicia e Portugal. A primeira delas xa está aquí e non remitirán os seus efectos ata o mércores. O xoves será un día de transición antes da chegada da nova borrasca, que se agarda para o venres aínda con dúbidas de canto e como descargará en territorio galego.

Así o apuntan as predicións de Meteogalicia, que sinalan ao paso dunha fronte que deixa este luns ceos anubrados e choivas, especialmente no oeste e máis ocasionais cara ao leste. Durante a tarde, agárdase que se intensifiquen os chuvascos e que veñan acompañados de aparello eléctrico e mesmo sarabia.

Publicidade

Todo nun contexto de baixas temperaturas para a época do ano con máximas que bailarán entre os 12 e os 16 graos. Os termómetros caerán aínda máis o martes, a xornada máis fría de toda a semana, debido á entrada dunha masa de aire frío provocada por unha valgada polar que cruza desde posicións árticas ata Arxelia, ca península no medio. Mesmo poderían caer folerpas nalgúns puntos altos da xeografía galega, ca cota de neve situándose nos 800 metros e temperaturas por baixo dos 10 graos en zonas de Lugo e Ourense.

O martes será un día novamente pasado por auga, malia que, como apunta Meteogalicia, non serán choivas continuadas, senón que se producirán chuvascos intermitentes. Nalgúns puntos virán en forma de treboada. De feito, a provincia de Pontevedra estará en alerta amarela por trombas de auga que se agardan para este martes.

Unha raiola de luz?

Os escenarios que debuxan as predicións de Meteogalicia abren unha raiola de esperanza cara ao o comezo dos días festivos para poder desfrutar de tempo ao aire libre estas xornadas. O mércores haberá choivas nas primeiras horas pero escampará na tarde e na noite.

O Xoves Santo podería ser unha xornada sen moita choiva, máis alá de precipitacións localizadas durante o mediodía que, en todo caso, remitirán ao paso das horas. A partir de entón, ábrese un escenario de incerteza, segundo apuntan desde Meteogalicia.

Malia que os modelos meteorolóxicos non van máis alá do xoves, as proxeccións apuntan a un Venres Santo cun escenario semellante ao do día anterior. Xa na fin de semana, a probabilidade de choiva é “moi baixa” a partir da tarde do sábado e no domingo.

Malia todo, aínda é cedo para saber con certeza que tempo nos imos atopar ao final da semana. Así que cómpre armarse de paciencia (e dun paraugas) e desfrutar do tempo libre que ofrecen estes días con plans a cuberto (polo momento).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O libro galego entre a ciencia e a inventiva: “Somos o que imaxinamos”

O investigador mariño Alberto González-Garcés mestura entre pequenas historias temas como os buratos negros e a xenética cos memes

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Así asubían os arroaces nas Rías Baixas para organizarse en grupo e orientarse nas augas

Un estudo recolleu durante 15 anos os sons dos Tursiops Truncatus para comparar as diferenzas nas interaccións entre Galicia e Sardeña

Unha potente borrasca atlántica manterá Galicia en alerta por choivas: estas son as zonas afectadas

Unha nova fronte provocará fortes choivas, nalgúns puntos tormentosas, con acumulacións de ata 40 l/m2 en 12 horas