Publicidade

Educación mantén o sorteo por letra que os matemáticos tachan de “inxusto”

A asignación de praza nos colexios que fai a Xunta rexeuse un ano máis por este método a pesar das peticións da Real Sociedad Matemática Española

Se unha nena ou un neno que se apelida Tomé Estévez estaba pendente do sorteo que este mércores realizou a Consellería de Educación da Xunta de Galicia para obter praza nun centro público do sistema educativo autonómico, é posible que quedara sen ela polo mero feito de apelidarse dese xeito. Así é a situación que levan tempo destacando desde a Real Sociedad Matemática Española (RSME), entidade que ten en marcha unha cruzada para acabar cun reparto de prazas por letra que aínda realizan numerosas administracións públicas e iniciativas privadas, e que cualifican de “profundamente inxusto“.

O sorteo realizado pola Consellería de Educación determinou, como vén facendo desde hai anos, que o desempate na puntuación final na orde de admisión no alumnado no caso de que haxa exceso de demanda, que a prioridade dictaríase a partir das letras TG do primeiro apelido e as letras EX no caso do segundo. De aí, por exemplo, que as posibilidades dunha persoa apelidada Tomé Estévez sexan nulas. Pero o problema é máis complexo, e salienta, segundo os matemáticos, a necesidade de cambiar o criterio. “Ademais dunha decisión inxusta, parécenos que ten unha solución moi fácil, e non entendemos por que non se fai”, expón Juan Miguel Ribera, membro da Comisión de Mozos da RSME e profesor de Matemáticas na Universidad de La Rioja.

Publicidade

Ante isto, a Consellería de Educación argumenta que “o método do sorteo de letra en caso de empate na asignación de prazas nos centros escolares é o sistema que se leva aplicando desde sempre, sen que ata o de agora dera lugar a ningún problema”.

A Consellería de Educación expón que o criterio aplícase “en casos moi residuais” que afectan a algo máis de 2 de cada 100 nenos

Ademais, aluden a que este sorteo por letra aplícase “en casos moi residuais”, xa que afecta a algo máis de 2 de cada 100 nenos que entran no sistema educativo de Galicia, xa que “no presente curso escolar o 97,48% dos nenos entraron no colexio que escolleron seus pais como 1ª opción”. Antes de acudir a este desempate, a listaxe determínase por criterios como irmáns no centro, proximidade, ou renda per cápita da unidade familiar.

Publicidade

Alén deste sorteo, tal e como se pode comprobar no Diario Oficial de Galicia, é habitual que a orde alfabética sexa o criterio de desempate en moitas convocatorias publicadas pola Administración Autonómica.

A desigualdade do reparto por letra

O principal factor que aboca á pouca igualdade de partida nesta situación é a diferente distribución dos apelidos na poboación. No caso de Galicia, por exemplo, hai cinco apelidos que posúe a maior parte dos habitantes do país (Rodríguez, Fernández, González, López e García). Así, por exemplo, as persoas que se apeliden Gutiérrez ou Hernández terán, na maior parte dos supostos, unha probabilidade moito menor de acceder a unha praza neste tipo de reparto.


A reclamación da RSME exponse nun artigo publicado en 2017 polo matemático Ramiro Martínez Pinilla na revista Temat, que exemplifica, co gráfico que aparece baixo estas liñas, a desigualdade de oportunidades en función do apelido.

Gráfico no que se expoñen as diferenzas de probabilidades dun sorteo en función da letra do apelido. Fonte: Martínez Pinilla (2017).
Gráfico no que se expoñen as diferenzas de probabilidades dun sorteo en función da letra do apelido. Fonte: Martínez Pinilla (2017).

Calquera computador persoal ten capacidade para realizar os cálculos precisos, e a estatística achega as ferramentas necesarias para asegurar o nivel de fiabilidade que teñen os resultados obtidos; desta forma, combinando matemáticas, estatística e a potencia de cálculo dun computador, podemos non só afirmar que este tipo de sorteos discriminan a unha parte da poboación, senón tamén cuantificar as diferenzas que se producen”, explica o autor do texto.

Queremos que se mude o criterio porque non todo o mundo tena mesma probabilidade de gañar. Acontece con prazas de colexios ou institutos, pero tamén pasa co reparto dalgunhas bolsas de estudo ou investigación. Vemos que nalgúns casos, a probabilidade da xente é moi baixa, ou nula, na maior parte dos supostos, e iso é manifestamente inxusto”, conta Ribera.

Para o problema, os matemáticos tamén achegan unha solución, que xa se está aplicando noutras partes do Estado, como Catalunya ou Madrid. “É algo que nalgúns casos pódese facer de forma tan sinxela como pedirlle a Google que escolla un número aleatorio entre 1 e 200, por exemplo, se sabemos que vai haber 200 persoas que optan á praza, e lle asignamos un número a cada unha”, engade Ribera.

A situación levou á Comisión de Mozos da RSME na que participa Ribera a mobilizarse e dirixirse ás Administracións que manteñen estes repartos por letra, entre elas a Xunta, para pedirlles que modifiquen o criterio.


Máis información: Los sorteos que utilizan las primeras letras de los apellidos como criterio de selección son injustos (Publicado en Temat).

Por que os sorteos por apelido non son o máis xusto

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego deseña un modelo matemático que predí a expansión da velutina

A nova ferramenta axuda a analizar distintas estratexias de control que permitan frear a expansión da especie

Como se distribúe o teu apelido no mundo? Compróbao neste mapa interactivo

A aplicación 'Forebears' permite saber en que países é máis frecuente e onde hai maior densidade do teu nome familiar

‘Outeiro’, non ‘Otero’: esta é a guía definitiva dos apelidos en galego

A Real Academia Galega presenta un buscador en liña para incentivar a recuperación das formas propias nos nomes de familia

Cal é a orixe do teu apelido? A matemática que achou a resposta por inspiración dos seus avós

María José Ginzo, investigadora da USC, analizou na súa tese os movementos da poboación a través da onomástica e de técnicas estatísticas