Por que comer pouco prolonga a vida?

Un novo estudo na revista Cell demostra en ratas que a nivel celular unha dieta baixa en calorías mellora metabolismo e inmunidade

Comer con moderación axuda a ter unha vida máis longa e máis saudable. E un novo estudo científico vén confirmar o dito popular: “Almorza como un Rei, xanta como un Príncipe e cea como un Esmoleiro”. Porque, se se quere mellorar o sistema inmunolóxico, reducir os niveis de inflamación do corpo, atrasar a aparición de enfermidades relacionadas coa idade e, en definitiva, vivir máis tempo, hai que inxerir menos cantidade de comida.

Esta é a principal conclusión dunha investigación realizada en ratas que demostra que unha dieta con restrición calórica prevé os efectos negativos do envellecemento nas células.

Publicidade

Os resultados publícanse na revista Cell nun artigo que asinan investigadores da Academia Chinesa de Ciencias e do Instituto Salk en California (EUA), entre eles o español Juan Carlos Izpisúa Belmonte, do Laboratorio de Expresión Xenética.

Neste novo estudo analízanse células individuais da maior parte dos órganos e tecidos da rata en distintos momentos da súa vida e con varios réximes de inxesta calórica, e constátase que intervencións metabólicas como a restrición de calorías reprograman diversos párametros celulares e moleculares que desembocan nun rexuvenecemento funcional, resume este científico.

Publicidade

Para chegar ás súas conclusións, comparáronse ratas que comían un 30% menos de calorías que outras con dietas normais; as dietas dos animais foron controladas desde os 18 meses de idade ata os 27 meses (en humanos isto sería equivalente a alguén que segue restrición calórica desde os 50 aos 70 anos, comendo un 30-40% menos).

Tanto ao comezo como ao final da dieta, o equipo illou e analizou un total de 168.703 células de 40 tipos en 56 ratas; que procedían de tecidos graxos, fígado, ril, aorta, pel, medula ósea, cerebro e músculo.

En cada célula illada, con tecnoloxía de secuenciación xenética unicelular, mediron, entre outros, os niveis de actividade dos xenes e compararon animais vellos e mozos en cada dieta.

Tras estas análises, o equipo demostrou que moitos dos cambios que se produciron a medida que as ratas da dieta normal envellecían non se produciron nos roedores con dieta restrinxida. Mesmo na vellez, moitos dos tecidos e células dos animais coa dieta parecíanse aos das ratas novas.

En xeral, o 57% dos cambios na composición das células dos tecidos das ratas que seguiron unha dieta normal non se viron naquelas que comeron menoscalorías.

Unha dieta cun 30% menos de calorías retrasa o envellecemento a escala celular

Algunhas das células e xenes máis afectados pola dieta relaciónanse coa inmunidade, a inflamación e o metabolismo dos lípidos; os investigadores viron que o número de células inmunes en case todos os tecidos estudados aumentou drasticamente a medida que as ratas con dieta normal envellecían, pero non nas outras.

O sistema inmune debe estar perfectamente regulado e en equilibrio e as alteracións do mesmo, por defecto ou por exceso, conducen a situacións patolóxicas, lembra o científico español.

Para Izpisúa, este traballo pon de manifesto que o envellecemento é un proceso que se pode modular e que determinados cambios celulares e moleculares que o aceleran pódense alterar, neste caso con restrición calórica.

A finalidade sería atrasar a aparición de enfermidades asociadas ao envellecemento: “o maior factor de risco de calquera enfermidade é o envellecemento, así que o desenvolvemento de estratexias para retrasar o mesmo terá un impacto fundamental no tratamento de enfermidades”.

“Din que ‘es o que comes’ e estamos a descubrir que en certo xeito é verdade a nivel molecular e celular”, subliña pola súa banda Concepción Rodríguez-Esteban, tamén investigadora do Salk: “o estado das túas células a medida que envelleces depende claramente das túas interaccións coa contorna, da epixenética, o que inclúe que e canto comes”.

O equipo estuda agora como trasladar toda esta nova información a humanos e avanzar así en estratexias para incrementar a vida e a saúde.

Aquí podes consultar o estudo publIcado na revista Cell

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno

Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20