Venres 29 Marzo 2024

Unha viaxe ao sabor da Costa da Morte: percebe do Roncudo

Este singular produto gastronómico destaca pola intensidade do seu sabor, a súa fisionomía ancha e maciza e a viveza das súas cores

CONTIDO PATROCINADO POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A evocadora toponimia da Costa da Morte ten na Punta do Roncudo un dos seus mellores exemplos: un lugar onde o mar bate con tanta forza que o seu rouco son lle dá nome ao lugar. Xusto nese punto de abrupta paisaxe, dominada pola afiada rocha dos cantís e o océano Atlántico, é onde nace o mellor percebe do mundo.

Publicidade

Ao igual que acontece con outros puntos da comarca, o Roncudo é un lugar complicado para as persoas que traballan no mar: incontables naufraxios e accidentes teñen marcado este punto nas cartas marítimas ao longo dos séculos, dando máis valor se cabe aos produtos que se obteñen desta localización do litoral coruñés. Se nos achegamos ata a mesma punta, moi preto do faro, poderemos ver as cruces brancas que homenaxean aos percebeiros que perderon a vida no lugar.

A Costa da Morte sabe a mar e, dentro da ampla variedade de mariscos de calidade que ofrece a gastronomía da comarca, o percebe do Roncudo é o seu máximo expoñente. Non en van, hai quen se refire a el como o “rei do mar e dos mariscos” polas súas excepcionais características e, sobre todo, pola intensidade do seu sabor.

O seu gusto lembra ao bravo océano e á sensación de humidade e salitre que se percibe nas vilas mariñeiras que salpican o litoral desta comarca; núcleos como o de Corme, situado tan só a 2,3 quilómetros da Punta do Roncudo.

Corme, no concello de Ponteceso, é unha desas poboacións costeiras con estreitas rúas e recunchos con encanto que paga a pena visitar para empaparnos de cultura mariñeira e degustar produtos singulares e preparados con esmero. Pola zona existen diversos establecementos nos que descubrir as especialidades locais, que tamén son protagonistas das súas respectivas festas de exaltación. No caso do percebe do Roncudo, a súa celebración ten lugar no mes de xullo.

Xusto enriba da praia da Arnela atópase o restaurante Miramar, onde se poden degustar algúns dos froitos do esforzo das xentes que viven da pesca e o marisqueo. “Moita xente vén ata aquí especificamente para probar o percebe porque saben que sempre é de moi boa calidade”, explica Manuel Julián Saleta, propietario do establecemento.

Saleta explica que hai una serie de características que permiten distinguir perfectamente o percebe do Roncudo: o produto local destaca pola intensidade do seu sabor, a súa fisionomía ancha e maciza e a viveza das súas cores. Estes singulares atributos veñen dados polas condicións do mar no Roncudo: ao estar situado na boca da ría, onde o mar bate con forza, os exemplares desenvolven unha gran musculatura para adherirse á rocha. Ademais, trátase dun lugar onde abunda o plancto, o cal tamén repercute favorablemente no desenvolvemento dos exemplares.

Terra e mar na gastronomía da Costa da Morte

Moitos son os que se achegan ata Corme para visitar o Roncudo e degustar o seu produto estrela. “Ten un sabor tan intenso que non hai que engadirlle nada. Á hora de preparalo, o mellor é cocelo na propia auga do mar”, explica o hostaleiro. Segundo engade, a presentación que máis se demanda son os percebes acompañados de cachelos cocidos na mesma auga.

“Ten un sabor tan intenso que non hai que engadirlle nada. Á hora de preparalo, o mellor é cocelo na propia auga do mar”, asegura o hostaleiro Manuel Julián Saleta

A Costa da Morte tamén é lugar onde descubrir moitos outros produtos gastronómicos singulares. Seguindo a súa escarpada costa, salpicada de faros que coroan cantís de trazados imposibles, pero onde tamén se esconden inmensos areais; podemos facer un percorrido que nos levará ata o fogar das máis variadas delicatessen procedentes do océano: o longueirón de Fisterra, o congro de Muxía e o berberecho do esteiro do río Anllóns son só unha mostra da gran variedade de froitos do mar que ofrece este territorio.

No noso camiño pola comarca da fin do mundo tamén é recomendable facer algunha incursión cara ao interior e, alí, descubrir fértiles paisaxes de val e montaña onde se producen recoñecidos alimentos como a pataca de Coristanco e o pan de Carballo.

A gastronomía da Costa da Morte ten no mar ao seu protagonista indiscutible. Porén, todo o pescado e marisco da zona atopa os seus complementos perfectos nos produtos da terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España
00:05:12

Pan con masa nai: máis saudable e saboroso? 

Xunto coa masa nai, os tempos de repouso son outra das garantías dun pan común con sabor e nutricionalmente beneficioso para a nosa saúde