O mesmo dicionario podería levarnos a crer en que a Lúa provoca nos seres humanos algún efecto sorprendente. A Real Academia Galega define como lunático/a ou aluado/a a aquela persoa “que ten moitas manías e rarezas ou que sofre trastornos psíquicos pasaxeiros”. Escoitamos, do mesmo xeito, que alguén ‘está de lúa’ cando, por algún motivo que se nos escapa, o seu carácter amárgase e vólvese irascíbel. Nesta liña móvense tamén as lendas sobre os lobishomes ou licántropos: persoas que, á luz da Lúa chea, convértense en lobos que atemorizan a poboacións enteiras. En Galicia, a suposta conversión do asasino en serie ourensán Romasanta no século XIX mantivo o medo aos homes-lobo moi vivo ata os nosos días.
Mais as crenzas populares sobre a Lúa non quedan aí. Moitas persoas sosteñen que hai máis mulleres que dan a luz cando a Lúa é chea. Por supostas razóns atávicas, algo acontecería no organismo que levaría a estimular o nacemento dos bebés.
E estas crenzas arraigan na mesma terra. Boa parte dos agricultores teñen en conta, debido á unha crenza transmitida xeración a xeración, de que a Lúa determina o momento no que cómpre sementar, colleitar, regar máis ou menos ou limpar as malas herbas e facer as podas nos seres vivos que medran nos seus cultivos. Hai mesmo almanaques que achegan un calendario lunar para marcar os períodos do ano no que o zume que alimentan as plantas sobe e baixa en función das fases da Lúa. Moi ben, temos estas crenzas pero, que hai de certo nelas?
O que é certo: as mareas
Sen dúbida, o satélite da Terra é un elemento esencial para a vida no noso planeta. A interacción entre ela, o Sol e a Terra xera un complexo e fermoso equilibrio con moitas caras distintas. Dános eclipses, noites de gran claridade e infinidade de lendas. A forza gravitacional que ela exerce ao mesmo tempo sobre nós, marca, por exemplo, o ritmo das mareas na Terra. E as súas distintas fases encheron moitas, moitas páxinas, durante a historia da Humanidade.
A súa influencia provoca por exemplo, ademais das mareas cada seis horas, as coñecidas como mareas vivas, que nalgunhas partes do mundo, como é o caso da costa de Galicia, poden facer subir e baixar varios metros o nivel do mar nalgunhas épocas do ano. Nisto, ademais do satélite, inflúen a latitude e a lonxitude do lugar no que nos atopemos e a interacción entre as correntes das grandes masas de auga e a terra firme. Pero esta xa é outra historia que non imos contar aquí.
Porén, hai outras cuestións, como as comentadas ao comezo do texto, que aínda están, en parte, sen resolver. Veñen de séculos de acumulación de sabedoría popular que, aínda tendo moitas vantaxes, acertos e beneficios, tamén pode equivocarse. Na fronteira entre a evidencia científica e estas crenzas xorden varias preguntas.
O ser humano: nacen máis nenos, ou inflúe no noso comportamento?
“Hai moitas crenzas populares de que os ciclos da Lúa inflúen sobre o comportamento, de que a xente se volve máis agresiva, ou que incluso aumentan o número de partos, etc”, di Olga Barca Mayo, líder do grupo de Bioloxía Glial e Circadiana do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
Aínda que algunhas investigacións realizadas nas últimas décadas, cun reducido número de casos, parecían atopar vínculos en aspectos como o ciclo menstrual, as taxas de criminalidade ou o número de partos, as revisións destes datos e investigacións máis amplas parecen desbotalo. “Estudos máis recentes, algúns deles metaanálises con millóns de casos, viron que realmente non había relación nin evidencia significativa entre os ciclos lunares e o comportamento, a incidencia de patoloxías mentais ou os partos”, continúa Olga Barca. Menciona, en concreto, traballos desenvolvidos nos Estados Unidos nos que se comprobaron os datos de ata 70 millóns de nacementos. En Galicia tamén se abordou a cuestión: un estudo que usou datos de 45.000 partos recollidos polo Sergas “descartan calquera influencia da iluminación da Lúa no momento do parto”.
Sesgo de confirmación
Hai, porén, xente que segue mantendo a correlación entre as fases da Lúa e diferentes factores que inflúen no comportamento do organismo. Mais hai que acudir aquí ao sesgo de confirmación, tal e como explica Barca. “Cando aumenta a delincuencia, ou hai máis partos, o feito de que sexa Lúa chea destácase; pero cando non acontece nesta fase, ou ben cando acontece noutras fases lunares, isto non se escolle para a evidencia. Isto vai reforzando a crenza popular, pero está lonxe de ser constatable”, explica a científica.
E na agricultura?
Nalgunhas publicacións sostense, ao xeito do que pasa coas mareas, que as fases da Lúa provocan cambios na fisioloxía das plantas. E hai quen estende este hábito ás matanzas na gandería, como a do porco. No referente aos cultivos, por exemplo, dise que no cuarto crecente e arredor do plenilunio, a savia ascende e este momento é máis acaído para recoller determinados froitos e hortalizas. E tamén se apuntan recomendacións para actividades como a poda, a semente ou limpeza das malas herbas, que neste último caso deberían cortarse despois da Lúa chea para limitar o seu crecemento tras arrincalas.
“Na agricultura a evidencia está moito máis estendida, pero cientificamente tampouco hai ningún estudo que o verifique“, continúa Olga Barca. A científica explica tamén por que a suposta influencia gravitatoria da Lúa sobre os fluídos dos seres vivos non é tal. “Hai que ter en conta tanto a escala como a proporción, porque as grandes masas de auga, incluso nos lagos máis grandes, o efecto da Lúa é de apenas cinco centímetros. Entón, aínda que nós ou as plantas esteamos formados en boa parte por auga, hai un estudo que explica que o efecto que tería a forza da Lúa sobre nós é comparable ao que podería ter nun mosquito; é dicir, insignificante”.
O efecto da luz!
A científica do CiMUS advirte, con todo, que cómpre diferenciar entre os ciclos da propia Lúa e as posibles alteracións que cause o efecto non tanto da forza gravitatoria do satélite, senón do seu brillo. “Neste caso, estariamos falando dun efecto circadiano, por causa da luz, e non tanto por algo dependente do ciclo lunar”, aclara.
Referencias:
– What Has Been Thought and Taught on the Lunar Influence on Plants in Agriculture? Perspective from Physics and Biology (Agronomy, 2020).
– The effect of the lunar cycle on frequency of births and birth complications (American Journal of Obstetrics and Gynecology, 2005).
– Is it the moon? Effects of the lunar cycle on psychiatric admissions, discharges and length of stay (Swiss Medical Weekly, 2019).
– Influencia de las fases de la Luna en los nacimientos: hechos y creencias (VI Congreso Gallego de Estadística e Investigación de Operaciones, 2003).