A pandemia ás portas do Nadal: así está o teu concello

As repuntas sitúan a máis de 40 concellos cunha incidencia superior a 300, mentres que case 90 municipios suman polo menos 14 días sen casos

O mapa de restricións municipais establecido pola Xunta de Galicia para conter a pandemia da Covid-19 achega unha visión aproximada de como se distribúen os casos no territorio. A área con maís poboación, arredor do eixe atlántico, concentra gran parte destes concellos con restricións de mobilidade. É salientable, por exemplo, que na costa entre Cambados e A Guarda, só o concello de Oia se libre dalgún peche perimetral. O mesmo acontece nas comarcas occidentais da Coruña, onde o aumento da transmisión afecta a nove municipios moi próximos.

Con todo, o panorama non é homoxéneo no resto do país. Ás portas das vacacións do Nadal, nas que se establecerá, en principio, unha relaxación en datas concretas das restricións, a repunta de casos que xa se percibe en moitas zonas preocupa ás autoridades sanitarias. Mais hai unha parte do territorio que, polo momento, se mantén libre da transmisión do SARS-CoV-2 nas últimas semanas. 88 concellos, sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo, non rexistran positivos desde hai, polo menos, 14 días. Hai, ademais, outros 128 que se moven no rango de entre 1 e 9 infeccións que, por segredo estatístico, non revela a Xunta. Aínda que as súas incidencias varían notablemente por mor da súa maior ou menor poboación, e de se sitúan nun chanzo distinto deste rango, non supoñen, canto menos polo momento, un risco importante para a transmisión xa que en moitos casos se trata de brotes controlados ou que gardan relación con outros municipios máis afectados.

Publicidade

Quedan, por tanto, 97 concellos nos que se detectaron un mínimo de 10 infeccións de coronavirus desde o pasado 3 de decembro. Mais aquí tamén varían moito as incidencias. 38 deles superan os 300 casos por 100.000 habitantes neste tempo. Preocupa especialmente a evolución de Boiro, o terceiro concello con máis positivos (243) en toda Galicia detrás de Vigo e A Coruña, por riba das outras cinco cidades, e unha incidencia de 1.289. Neste último  indicador está por riba As Pontes, con 134 positivos detectados en 14 días e unha incidencia de 1321 debido á súa menor poboación. No Xallas e A Barcala, dúas cabeceiras de comarca como Negreira e Santa Comba, onde esta semana se estableceron peches perimetrais, superan tamén os 450 casos por cada 100.000 habitantes.

Alén disto, destacan por incidencia acumulada localidades como Sarreaus, Rodeiro, Fisterra, A Rúa ou Camariñas, con máis de 30 casos detectados nos últimos 14 días nun censo que non supera os 6.000 habitantes en ningún dos casos.

Publicidade

Nas principais cidades, a incidencia oscila entre os 110,7 casos/100.000 habitantes da Coruña e os 219,2 de Pontevedra. Pero respecto á evolución dos últimos días preocupa Santiago, cun importante ascenso despois de baixar a súa incidencia a menos de 100 xusto despois do levantamento das restricións máis estritas, que se volveron elevar a nivel medio este xoves a medianoite, incluíndo o peche perimetral.

A outra cara da moeda obsérvase en amplas áreas da Mariña occidental, o Macizo central ourensán, o suroeste de Ourense ou a Montaña de Lugo, onde se concentran boa parte dos concellos sen infeccións detectadas nas últimas dúas semanas. Entre os municipios máis grandes sen casos de coronavirus desde comezos de decembro destacan Allariz (6188 habitantes), Vila de Cruces (5246) e Cariño (3838).

Podes buscar cada municipio aquí:

 

A evolución xeral

No marco da evolución desfavorable da pandemia en España nos últimos días, con aumentos moi destacados en comunidades como Baleares, Madrid ou Comunidad Valenciana, a mobilidade cara ao Nadal tamén preocupa en Galicia. A repunta é máis lenta, e a incidencia mantense arredor dos 165 casos/100.000 habitantes a 14 días e arredor dos 85-90 a sete días, segundo as últimas actualizacións do Ministerio de Sanidad. Ademais, os hospitais galegos son, segundo Sanidad, os que menor ocupación teñen por mor do coronavirus. Esta é a tendencia segundo diversos indicadores:

En canto aos casos activos, as cifras reflicten un estancamento despois de semanas de descenso:

Tamén se frea a caída da carga asistencial nos hospitais:

Esta evolución será supervisada polo comité clínico que asesora á Xunta, e que se volverá reunir o vindeiro luns 21. As restricións a nivel municipal, así como as recomendacións cara as reunións do Nadal, poderían verse modificadas se os datos así o aconsellan. O escenario, por tanto, segue sendo delicado a pouco máis dunha semana da chegada das primeiras vacinas a España, que o ministro de Sanidad, Salvador Illa, anunciou para o domingo 27 de decembro.

Neses días comezará, por tanto, a inmunización da cidadanía galega contra a Covid-19. As primeiras 80.000 doses que se reciban da vacina de Pfizer-BioNTech, serán destinadas para os 22.000 residentes en centros sociosanitarios, unhas 17.000 persoas que traballan nestas residencias e outros 3.000 traballadores sanitarios “de primeira liña”. Cada un deles recibirá as dúas doses, separadas por un prazo de tempo de 21 días, que marca a inmunización desta vacina, a primeira que, con toda probabilidade, autorizará a Axencia Europea do Medicamento.

Con todo, e segundo advirten as autoridades sanitarias, o comezo da vacinación non suporá a fin inmediata das restricións, xa que cómpre acadar unha porcentaxe de inmunización importante, e que se conseguirá de forma progresiva, para comezar a levantar as restricións en vigor desde marzo de 2020.

O plan de vacinación en Galicia: prioridade para centros residenciais e persoal sanitario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ríos desbordados, inundacións e colapsos: estas son as consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior