Falar de cervexa é máis que falar dunha bebida. Existe todo un universo ao redor deste néctar de cebada consumido por devotos máis que por simples bebedores, como se o culto á cervexa fose algo que chegase máis alá de consumir un simple líquido. A paixón por esta poción de cor amarela vibrante levou a que se abrisen museos sobre o seu proceso de creación e a súa historia por todo o mundo —algúns exemplos son o museo da cervexa Sapporo en Hokkaido, ou o da Guiness en Dublín— . E, desde o ano 2019, Galicia non é unha excepción a esta tendencia.
“Hai referentes por toda Europa, algúns de marcas moi coñecidas, que se pode dicir que foron a inspiración para o Museo MEGA (Mundo Estrella Galicia segundo as súas siglas)”, conta Alfonso Peres, director da entidade que está localizada na Coruña, na rúa José María Rivera Corral. “Este é un museo corporativo que busca crear unha experiencia en torno á marca de Estrella Galicia, pero facelo desde un ámbito cultural. Queremos falar da cultura de Galicia e da cultura da cervexa”, indica.
Peres explica que esta visita non é a dun museo ‘común’, senón que é unha experiencia con todos os sentidos. Non se trata só de mirar e escoitar, senón de saborear, ulir e palpar. Porque todo remata cunha boa cata de cervexa.
A ampla oferta de MEGA
“Existen ademais diferentes tipos de visitas. Temos unha oferta moi diversa e ampla”, comenta Peres. “Dentro do museo, en primeiro lugar faise a visita guiada onde se explican, entre outras cousas, a historia e curiosidades da cervexa. Esta visita pódese complementar, ademais, con diversas opcións: Cun set de maridaxe de cervexas con queixos ou conservas de Galicia, cun set de cinco cervexas que cambia cada mes… Por outra banda, tamén temos outro tipo de actividades como talleres de cata de cervexas e ata visitas fóra das fronteiras do museo. Entre estas están o ‘Tour 1906’, que sitúa o visitante na Coruña de 1906, que é o ano de fundación da corporación; ou o ‘Eco Tour Cervecero’, que é un percorrido polos lugares onde se producen as materias primas que se utilizan para elaborar a cervexa e no que se fala da importancia da conservación destas áreas”., explica.
Un museo que coida todos os detalles
Se o final da visita culmina coa degustación dunha boa bebida de entre as numerosas opcións que existen dentro de Estrella Galicia, o nacemento do museo tamén tivo ata o mínimo detalle coidado, comezando pola data proposta para a súa inauguración.
“Abrimos o 19 de xuño do ano 2019. Supoño que veredes que non é unha data escollida ao azar, senón que é un número con moito significado máxico para a compañía”, comenta Peres. “Isto quere dicir tamén que o museo ten pouco máis de cinco anos, o cal é moi pouco para unha entidade deste tipo. E, á nosa xuventude, hai que lle engadir que nacemos pouco antes da crise sanitaria da covid”, sostén.
Aínda que os inicios foron complicados pola situación de pandemia, para Peres, o MEGA soubo igualmente situarse como un referente museístico na cidade da Coruña. Algo que se ve no número de visitantes que non deixa de medrar. Ademais, este museo foi o primeiro deste tipo dentro de España.
Cultura e produtos galegos
Se xa un museo como este ten a súa importancia para a gastronomía galega, o MEGA quere ir máis alá e ser tamén un referente de cultura. Así, este museo busca ser un lugar no que gozar de eventos culturais, acompañados dunha cervexa. Concertos, festas temáticas ou mesmo charlas forman parte deste proxecto do museo.
“Isto entra dentro do que é a nosa programación cultural, que se vai renovando permanentemente e ten diferentes formatos”, explica Peres. “Esta programación pivota ademais sobre tres grandes eixos: a cervexa —as nosas, por suposto—, a música e a gastronomía”, engade.
Entre os grupos que visitaron hai pouco o museo están Jorge Pardo, Gigi McFarlane ou Carmen Boza. Pero non hai só música. Tamén organizan ceas temáticas onde se combina a bebida con elaboracións gastronómicas de cociñeiros galegos moi recoñecidos; Craft sessions onde persoas que elaboran cervexa artesá presentan os seus produtos e que despois se poden mercar na propia tenda do museo; e festas especiais polo día do seu aniversario, polo entroido ou polo Oktoberfest.
Estrella Galicia aposta polo local
“É un xeito máis lúdico de amosar a nosa cervexa. Pero os eventos e as festas non é o único no que nos centramos. Tamén queremos coidar moi ben os nosos produtos e a súa procedencia”, di Peres. “Veñen produtores galegos de cervexas artesás presentar os seus produtos, tamén temos coidado en que as maridaxes de queixos, chacinas ou conservas sexan locais e de calidade. Sempre buscamos o quilómetro cero e darlle visibilidade ás persoas que están desenvolvendo boas prácticas respectuosas co medio. Iso é algo fundamental para nós”, argumenta.
Cando se lle pregunta pola cervexa favorita das persoas que chegan ata o museo, Peres teno claro. “Creo que podemos dicir con certa tranquilidade que todas as cervexas da casa son moi boas e así o recoñece o público consumidor”, reflexiona. “Pero se teño que escoller unha, diría que a cervexa de bodega é un produto excepcional. Persoalmente, é o que eu prefiro”, conclúe.
O museo é todo un referente, pero o prezo da entrada? A cultura debe estar ó alcance de todos e non só de quen ten un poder adquisitivo para permitirse luxos.