Tres grandes oportunidades para ver a Estación Espacial sobre Galicia

A nave cruzará o ceo na noite do venres e o sábado durante case 10 minutos, pasando a carón de Vega, unha das estrelas máis brillantes

A mellora do tempo prevista a partir da tarde do venres, ademais de axudar a desfrutar do aire libre dentro das lóxicas restricións causadas pola crise da Covid-19, despexará os ceos e permitirá observar unha vez máis a Estación Espacial Internacional surcando o ceo galego. A nave, que orbita a Terra a uns 400 km de altura e a unha velocidade duns 28.000 km/h, cruzará sobre as nosas cabezas na noite do venres e o sábado.

Para vela (ademais da recomendación de que haxa pouca contaminación luminosa), hai que mirar cara ao suroeste sobre as 23.46 da noite do venres. Será un obxecto bastante visible no ceo (se non hai nubes), na magnitude das estrelas que máis brillan (-3,9). Comezará a ascender en dirección nordeste, ata estar case sobre as nosas cabezas, e encamiñarase cara a Vega, unha das máis brillantes do ceo no hemisferio norte.

Publicidade

Esta é a traxectoria que seguirá esta noite de venres a Estación Espacial Internacional sobre Galicia. A do sábado e o luns será moi semellante:

Mañá sábado poderá verse de novo, aínda que máis baixa no ceo e cunha magnitude lixeiramente menor, a partir das 23 horas en punto. Aínda que haberá varios pasos durante estes días, a Estación Espacial verase de novo con claridade o vindeiro luns, tamén sobre as 23 horas, e de suroeste a nordeste de novo, pasando preto de Vega. Ademais, as predicións meteorolóxicas, con sol e temperaturas suaves pola noite, axudarán a contemplar o espectáculo.

Publicidade

Ademais, nestes días é posible tamén observar no ceo algúns dos satélites da numerosa constelación Starlink, que sementou unha importante polémica polo seu impacto no ceo nocturno e a observación astronómica. Porén, hai moitos máis obxectos artificiais visibles no ceo, como contamos nesta reportaxe:

A Estación Espacial e moito máis: estes satélites tamén se ven desde Galicia

A estrela de Rosalía

Nestas semanas tamén é posible ver outro astro salientable no ceo: a estrela de Rosalía, nomeada a comezos deste ano. Con axuda de telescopio ou uns bos prismáticos (xa que é moi difícil vela a ollo nu), a HD 149143 sitúase na constelación de Ofiuco, polo que estes días hai que mirar cara ao leste a primeiras horas da noite (logo vaise movendo cara ao sur).

O ceo no amencer e o solpor

Ademais da observación puntual da Estación Espacial, o ceo dos vindeiros días, cunha mellora do tempo en Galicia, achegará unha oportunidade de observar algúns astros salientables. Mirando ao sur, e movendo logo a vista cara ao suroeste, tempo antes de amencer, poderase ver Xúpiter, Marte e Saturno nas constelacións de Capricornio e Acuario. Ademais, con pouca contaminación luminosa e un bo telescopio, será posible albiscar o cometa SWAN.

Imaxe

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro