Galicia rexistra só seis novos casos e ningún falecemento por Covid-19

Os casos activos están arredor dos 2.000 debido ás altas, aínda que se se produciron seis ingresos en hospitais e cinco na UCI

Galicia rexistra este venres un dos menores incrementos de novos casos de coronavirus en España (0,06%), despois de notificar só seis novos positivos durante o xoves, segundo os datos que achega o Ministerio de Sanidad. Ademais, a notificación de 126 novas infeccións resoltas (para un total de 8.283), fai caer o número de casos activos ata os 2.008. Cos datos que completa a Consellería de Sanidade, constátase a tendencia de remisión da pandemia en Galicia, despois duns días de descenso da curva a menor ritmo. Ademais, por segundo día desde hai máis de dous meses, non se rexistrou ningún falecemento entre o serán do mércores e o xoves, cando se pecharon os datos difundidos este venres. A incidencia en Galicia nos últimos 14 días (casos acumulados por cada 100.000 habitantes) volve estar un día máis por baixo da media estatal. A cifra galega é do 17,6, fronte ao 22,77 do conxunto de España.

Casos activos

En canto á situación nos hospitais, actualmente hai 22 persoas na UCI e 111 noutras unidades, (133 en total) o que supón 11 menos có martes. Nas últimas horas (sen ter en conta as altas) rexistráronse 6 novos ingresos nos hospitais e cinco en UCI, polos datos que indica o Ministerio de Sanidad. O resto das persoas, 1.875 (un 93,38% do total), están no domicilio. Así evolucionou a situación nos hospitais:

Publicidade

Os casos activos volven baixar en todas as áreas sanitarias. Das 2.008 persoas, 494 están na área da Coruña-Cee, 122 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 320 na de Ourense-Verín-O Barco, 107 na de Pontevedra-Salnés, 478 na área de Vigo, 413 na de Santiago-Barbanza e 74 na de Ferrol. Así está a situación:

Destes casos activos, 344 están vinculados a residencias de maiores e centros de discapacidade (197 usuarios e 147 profesionais). Son o 17,13 dos afectados por Covid-19 en Galicia.

Publicidade

Sobre as infeccións resoltas, as autoridades explican que, ademais das altas hospitalarias e domiciliarias, nesta cifra están incluídos os pacientes que, por exemplo, dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital ou atendidos no domicilio, pero xa fóra dos casos activos. Aquí tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar en que momento contraeron a infección, ou que mesmo puideran ser asintomáticas.

Falecementos

No referido aos falecementos, a cifra de óbitos por Covid-19 mantense en 601, dos que 269 son de usuarios de residencias de maiores (44,75%). Ningunha das mortes dos últimos cinco días corresponde a usuarios destes centros, segundo os datos do Sergas.

Probas diagnósticas

En canto ás probas realizadas, Sanidade informou de que se levan feitas 122.456 PCR, 2.032 máis có mércores. A porcentaxe de positivos detectados sobre o total de análises baixa ata arredor do 1%.

Outro dos sinais optimistas sobre a evolución da pandemia, polo menos a curto prazo, foi a confirmación de que se están a detectar moi poucos positivos diarios a través de probas PCR. Este xoves (día no que se recollen os datos do venres), só 6 persoas foron diagnosticadas a través desta técnica, a máis ‘fiable’ para confirmar a infección. A elas hai que sumar outros 54 positivos por por tests de anticorpos (neste caso, non son necesariamente infeccións novas ou recentes)

Desde o comezo da crise, diagnosticáronse en Galicia 10.892 positivos por Covid-19. Deles, 9.323 detectáronse mediante PCR e 1.569, por tests de anticorpos (neste caso, non son necesariamente infeccións novas ou recentes). Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. Neste sentido cobran relevancia resultados do estudo de seroprevalencia do ISCIII, coñecidos o mércores, e que estiman que algo menos de 60.000 galegos puideron ter desenvolvido anticorpos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Un xuíz advirte ao Sergas de erros reiterados na diagnose de torsión testicular

A Xunta anuncia que revisará os protocolos asistenciais e valora impartir formación específica aos profesionais sanitarios
93040