Os científicos confirman a aceleración cara a Siberia do polo norte magnético

Un estudo publicado en "Nature Geoscience" constata que a interacción de dous fluxos baixo Canadá e Rusia moven esta área cara ao norte

Un estudo realizado por xeólogos británicos e daneses, que analiza máis de 20 anos de datos de satélites e outras evidencias, constata que nestas últimas dúas décadas o polo norte magnético está “acelerando” o seu movemento cara a Siberia. Os modelos analizados no artigo, que se publica na revista Nature Geoscience, amosa que o movemento está causado “probablemente por unha alteración no patrón no fluxo no núcleo do planeta entre 1970 e 1999”, que debilitou a súa ‘influencia’ na superficie da Terra, facendo que o polo magnético se desprace cara a Eurasia. Ademais, o traballo avanza que o polo norte magnético (o que marcan os compases cos que nos orientamos, non o xeográfico), continuará a súa traxectoria na vindeira década a un ritmo de entre 390 e 660 km nesta dirección.

O coñecemento deste punto, e as súas dinámicas levan ocupando aos investigadores desde case dous séculos, pola súa relevancia en moitas actividades humanas. Foi en 1831, cando foi localizado con relativa precisión na península de Boothia, no ártico de Canadá. As medicións realizadas desde entón constataron que o punto se ía movendo a un ritmo duns 15km por ano cara ao norte, o que significa, debido á forma esférica da Terra, que vai cara a Siberia.

Publicidade

As novas tecnoloxías de seguimento permiten seguir esta área con moito máis detalle, e constatouse que o movemento cuadriplicou a súa velocidade desde 1990, a un ritmo de entre 50 e 60 quilómetros por ano, e a finais de 2017, xa estaba a 390 km do polo norte xeográfico.

Este movemento está sendo unha preocupación para os sistemas de navegación que dependen de cálculos bastante precisos, o que levou ao Centro Nacional de Datos Xeofísicos dos Estados Unidos a mudar as súas actualizacións. A necesidade de ter modelos que permitan predicir mellor este desprazamento levou aos investigadores daneses e británicos a desenvolver o seu estudo. E ao revisar os datos, constataron que o rumbo do polo correspóndese con dúas anomalías que reciben o nome de fluxos magnéticos negativos, e que están no interior da codia e o núcleo terrestres nesta área do planeta. Ao irse movendo, estes fluxos alteran o campo magnético que se percibe na superficie.

Publicidade

Con todo, a incerteza segue sendo considerable no coñecemento das entrañas da Terra, segundo advirten os investigadores, polo que non se pode establecer aínda con precisión óptima este rumbo do polo norte magnético.


Referencia: Recent north magnetic pole acceleration towards Siberia caused by flux lobe elongation (Publicado en Nature Geoscience).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia, o lugar onde un océano se pechou

O territorio galego é testemuña de millóns de anos de movementos tectónicos que deron lugar ás formacións xeolóxicas actuais

90 anos do día que Parga Pondal ordenou en Porto a historia do granito

A cidade do Douro acolleu en 1935 un encontro entre as intelectualidades lusa e galega no que o xeólogo presentou a primeira cronoloxía da formación do granito en Galicia e o norte de Portugal

Que é o grisú, o gas que está detrás da traxedia na mina de Asturias

O gas que libera o carbón é un dos maiores perigos aos que se enfrontan os mineiros por ser altamente inflamable e pola súa capacidade para quitarlles o osíxeno dentro das galerías

Do Galiñeiro a Ourense: os xacementos que fan de Galicia unha posible potencia en terras raras

O xeólogo Pablo Nuñez enumera as diferentes zonas da comunidade que poden albergar elementos esenciais para a industria tecnolóxica