Hai agora dous meses comezabamos a albiscar que o mundo estaba vivindo un acontecemento de grande magnitude. Para a meirande parte do chamado mundo occidental, sobre todo para a xente máis nova, as epidemias eran cousa de filmes de ciencia-ficción ou de ecos afastados nalgún telexornal ou documental que narraba, de pasada, as penurias doutras partes do planeta. Pero desta vez tocou demasiado preto.
Con todo, unha vez superada a primeira fase aguda da crise, ante a incerteza dos posibles rebrotes no futuro, o pase de Galicia á fase 1 dá a meirande parte da poboación a oportunidade de moverse a través da provincia. Ademais da reanudación da actividade laboral e o levantamento doutras restricións, a posibilidade de celebrar pequenas reunións ou saír ao aire libre para facer deporte ou simplemente camiñar ofrece un respiro a dous meses de confinamento. Sempre co principio de precaución por diante, é moita a xente que estes días comezará a atoparse, despois de moitas semanas, coas persoas próximas, puntos de apoio necesarios nestes momentos críticos. Por iso, unha das claves é ter moi presentes as maiores garantías posibles, e non optar pola vía fácil da picaresca, para que estes reencontros non se convertan en desgustos dentro de dúas semanas.
Cabe lembrar, aínda que poida parecer obvio, que as persoas diagnosticadas de Covid-19, ou as que amosen síntomas compatibles coa doenza, así como os seus contactos, teñen obrigación de gardar un confinamento estrito ata que o aconsellen os profesionais sanitarios, polo que non poderían actuar como o resto da poboación.
O punto clave: a distancia social
É a base sobre a que se sostiveron as medidas de contención do virus nestes dous meses, e segue sendo a clave. Evitar as multitudes, sobre todo en espazos pechados, nas que unha soa persoa infectada poida contaxiar a moitas, axudou a conter a propagación do SARS-CoV-2. E por moitas ganas que teñamos de darlle unha aperta a esas persoas que levamos tempo sen ver, pode ser perigoso se non sabemos se alguén de nós estivo en contacto co virus.
E a outra clave: a hixiene
A hixiene de mans, a parte de corpo con maior probabilidade de converterse en vector de transmisión do virus de forma “involuntaria”, é esencial. “O xel sanitizante debe estar onmipresente”, tanto nos espazos de traballo como nas vivendas nas que concida xente, “como un elemento máis, á entrada de cada dependencia, en cada despacho, en cada corredor, en cada sala de espera, etc.”, afirma Francisco Caamaño Isorna, epidemiólogo e profesor da USC, quen non considera indispensable o uso de luvas xa que “o guante convértese na nosa pel”, o que pode transmitir falsa seguridade e actuar igualmente como vector de contaxio.
As reunións
As ordes que regulan a fase 1 da “desescalada” permiten reunións de ata 10 persoas mantendo a distancia física. O documento non aclara se hai un horario ou lugares concretos para estas reunións, polo que se presupón que é libre. Pero diante da actual situación de crise e o risco que pode comportar cara aos demais a falta de precaucións, cómpre poñer por diante a responsabilidade cidadá ao beneficio persoal. Por exemplo, non sería moi acaído xuntarse 10 persoas a carón de cidadáns que estean nun grupo de risco. Do mesmo xeito, é recomendable que as persoas de colectivos máis expostos (traballadores sanitarios, por exemplo), extremen as precaucións pola súa maior presenza en zonas de maior circulación do virus.
Se fai bo tempo, podemos vernos ao aire libre?
Tal e como analiza o portal Civio, a orde ministerial non aclara lugares nin duración concreta dos encontros, polo que a priori son libres. A interpretación é, por tanto, que as reunións poderían ser por exemplo nun parque, sempre que estén dentro das limitacións indicadas, por exemplo, polas autoridades locais. Tamén, por sentido común, é recomendable evitar tocar os obxectos inertes (denominados fómites), como bancos e outro mobiliario urbano, por exemplo, que puideran estar en contacto con persoas portadoras do SARS-CoV-2.
Evitar espazos xa saturados
No caso de encontrarse en espazos abertos, sempre que sexa posible é mellor non atoparse en paseos, sendas verdes ou rutas que estes días están saturadas pola gran cantidade de xente que sae camiñar e facer deporte. Salvando as distancias, estaría ben remitirse de novo á chamada “traxedia dos bens comúns“, que exemplifican como pequenas decisións individuais evitables acaban afectando ao conxunto da sociedade. Aínda que calquera de nós prefiramos ir por esa ruta que tanto nos gusta, se o grupo de amigos que nos xuntamos decidimos escoller un camiño menos frecuentado, podemos reducir a nosa exposición ao contaxio e, ao tempo, reducir a dos demais.
As imaxes destes días nalgunhas terrazas foron preocupantes. Se unha soa persoa porta o virus e ten capacidade de ser “supercontaxiadora”, poden producirse focos de notable magnitude, como o exemplo baixo estas liñas, nunha oficina de Seúl (Corea do Sur).
Ollo ao compartir obxectos
Na medida do posible, se as reunións son, por exemplo, para compartir unha comida ou unha cea con persoas non convivintes, é moi recomendable evitar que se compartan obxectos. É mellor, por exemplo, non andar pasando unha fonte de comida por todas as mans, ou usar o mesmo cuberto para repartir a comida, etc. Un dos exemplos máis claros amosouno estes días a televisión xaponesa coas imaxes dun bufete de comida.
En relación ao punto anterior, é mellor evitar, no caso dos encontros en vivendas, as constantes ‘viaxes’ de cada unha das persoas reunidas para atender aos demais. Se alguén quere beber auga, ou un refresco, ou quere picar algo, por exemplo, é mellor que o propio habitante do fogar se encargue de facer todas as viaxes e atender as peticións, reducindo así o risco de que as persoas que veñen de fóra poidan tocar máis fómites susceptibles de posterior contaxio. Na seguinte reunión, xa lle tocará ‘traballar’ a outro. Hoxe por ti, mañá por min.
E a máscara?
“Se podo manterme a dous metros dos demais, non necesito máscara facial. Sempre que non poda garantir eses dous metros, debo usala”, engade o epidemiólogo Francisco Caamaño. Este é o caso, por exemplo, do transporte público. En caso de usala, as autoridades recomendan o uso de máscaras hixiénicas, as acaídas para as persoas sas. As cirúrxicas e EPI deben quedar para sanitarios, enfermos e outros colectivos. En calquera farmacia ou establecemento autorizado, os profesionais resolverán as dúbidas ao respecto.
Portas abertas e evitar ascensores
Unha das recomendacións á hora de compartir espazo con outras persoas pasa por ter moito coidado nos diferentes accesos aos espazos. Tanto no traballo como, na medida do posible por cuestións obvias de seguridade nos edificios, “a porta do edificio deberá ser automática ou estar permanentemente aberta e así evitar tocar o tirador“, engade o epidemiólogo. Isto cobra maior relevancia nos grandes edificios de vivendas, con centos de persoas que tocan os pomos das portas ou os timbres. Nas vivendas ou oficinas, as portas “deben estar abertas se non hai unha razón de peso, e “na medida do posible, hai que evitar o uso do ascensor, e recuperar, pola contra, a utilización das escaleiras“, apunta Caamaño.
Nesta liña, o modo de uso dos corredores tamén podería mudar. “Nas oficinas podemos definir corredores de sentido único, de xeito que evitemos encontrarnos de fronte. Son medidas diversas e sinxelas”, asegura o profesor. Os baños tampouco escapan ás medidas de prevención. “Debemos lavar as mans sistemática e meticulosamente antes e despois de ir ao baño. Idealmente a billa debería ter un sistema de apertura e peche co pé”, conclúe.
Coidado cos maiores
O factor da idade e as patoloxías crónicas na gravidade da Covid-19 obriga a coidar moito máis ás persoas de maior idade, tal e como apuntaba o doutor Antonio Pose hai unhas semanas. Nestes días, moita xente volverá á casa familiar para atoparse de novo cos seus pais, tíos, avós e demais familia. Por iso, e aínda que a circulación do virus sexa mínima neste momento, cómpre manter a alerta. E do mesmo xeito, é moi aconsellable indicar as medidas básicas de hixiene e prevención nos maiores, para que as interioricen e minimicen o risco de contaxio no tempo que non compartamos con eles.
E en caso de dúbida, pregunta
As recomendacións están dictadas, na súa meirande parte, polas ordes ministeriais que se publican no BOE. Porén, tanto a nivel autonómico como local, para evitar riscos e mesmo posibles multas, é recomendable consultar ás autoridades locais competentes.