A Axencia Galega de Innovación financia oito proxectos para afrontar a crise da Covid-19

Oito proxectos de investigación con base en Galicia (seis de pequenas e medianas empresas e dous das universidades de Vigo e Santiago) foron seleccionados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), entidade dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, para desenvolver solucións baseadas no I+D+i no marco da crise provocada pola Covid-19. Serán 750.000 euros destinados a impulsar proxectos con capacidade de transferencia ao sector da saúde, a industria ou o comercio.

Este xoves, o conselleiro Francisco Conde e a directora da GAIN, Patricia Argerey, mantiveron unha xuntanza con responsables das oito iniciativas. Conde destacou “o papel determinante da innovación e o coñecemento” para facer fronte “con máis garantías e seguridade” aos novos retos que presenta a pandemia.

Publicidade

Os oito proxectos de I+D+i foron seleccionados por axentes externos especialistas na materia, despois da chamada realizada en marzo pola propia consellería ao Sistema Galego de Innovación. Das 160 iniciativas recibidas, seleccionáronse as que encaixaban dentro de proxectos de innovación -as demais foron derivadas ao Comité de fabricación de equipamento sanitario creado pola Xunta, a outros departamentos ou reorientadas cara a convocatoria do Instituto de Salud Carlos III por tratarse de proxectos de investigación, non de innovación.

Finalmente recibirán financiamento un total de oito propostas, as que máis se axustan tras recibir a mellor puntuación, logo de analizar cuestións como a viabilidade técnica e a súa posibilidade de chegar ao mercado.

Publicidade

As propostas

As iniciativas das seis empresas achegan diversas solucións tecnolóxicas para a detección, o tratamento ou a prevención fronte ao virus SARS-CoV-2 e a doenza Covid-19. Están, por exemplo, os respiradores autónomos reutilizables (Técnicas de Soft, A Coruña) e outros de baixo custo industrializables (Bionix Supplychain Technologies, A Coruña); ventiladores (Fentotek, San Cibrao das Viñas); cabinas esterilizadoras (Setga, Pontevedra); un sistema para a detección molecular in situ do virus (AMSlab, Lugo); ou mecanismos de control de acceso por recoñecemento facial ou captura de temperatura (Creativigo Consultores de Innovación, Vigo).

Ademais, a Universidade de Santiago traballa no deseño dunha cartografía da Covid-19 que permite avaliar o seu grao de incidencia en espazos rurais e urbanos, e a Universidade de Vigo no desenvolvemento de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para tarefas de desinfección. Está previsto que todos os proxectos estean finalizados antes de finais de ano.

Tal e como apuntou Conde, trátase de proxectos extrapolables aos ámbitos que o Goberno galego ten marcados como estratéxicos: o sanitario, o laboral, e o ámbito do comercio e sector servizos. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a pandemia creou un novo contexto sanitario, laboral e económico que esixe ampliar as capacidades de diagnose e tratamento; multiplicar os medios de protección e prevención; e contar con novos protocolos de seguridade sanitaria, e que a innovación se presenta como a canle para dar resposta a estas demandas. Así, vai ter un papel decisivo á hora de afrontar a reactivación económica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O historiador italiano que chega a Galicia para afondar na relación da Igrexa co medio ambiente

Marco Armiero intégrase no CISPAC a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia tras recibir unha Advanced Grant polo seu proxecto

Ciencia para todo

A divulgación científica rigorosa e de calidade é máis importante ca nunca. Por Laura Filloy

Un proxecto galego permitirá que os bancos actualicen a súa criptografía sen cambiar os sistemas de pago

Qryption é unha iniciativa do centro tecnolóxico Gradiant pola que poderán centralizarse os sistemas criptográficos financeiros nun só punto de xestión, co apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia