Hoxe anoitece antes en Brasil que en Galicia

A chegada do verán boreal provoca que o solpor se produza uns minutos antes en Río de Janeiro que na Costa da Morte

Hoxe o Sol ponse antes en Brasil que en Galicia. O solsticio de verán, que este ano 2020 se produce este sábado, ás 23.44 horas, fai que anoiteza antes en Río de Janeiro que na Costa da Morte.

A linguaxe popular fala desde hai séculos de Xapón como o país do Sol Nacente. E, por outra banda, o Finisterrae galego era o lugar onde o astro rei se despedía do continente para afundirse na inmensidade do Atlántico. Isto leva a recrear na nosa mente, en moitas ocasións, que os días e as noites vanse movendo de leste a oeste, mais non é exactamente así. A inclinación do eixe da Terra e os seus movementos arredor do Sol inclúen unha gran cantidade de matices que, en determinados momentos do ano, ofrecen situacións canto menos curiosas. E iso imos vivir estes días. Aínda que a costa de Brasil está situada a miles de quilómetros ao oeste de Galicia, o solsticio de verán provocará que estes vindeiros días (de feito xa se está a producir nalgúns puntos) a noite vai chegar antes á costa leste de Sudamérica que ao oeste da Península.

Publicidade

O solpor chegou antes a Brasil que a Galicia

É cuestión de minutos, pero acontece. A situación de Galicia, no oeste de Europa, e nunha latitude arredor dos 40º norte, provoca fenómenos semellantes noutras datas do ano; é o caso do cabo Touriñán, o punto máis occidental de Galicia, no que durante varias semanas da primavera e finais do verán ten lugar o último solpor da Europa continental. E estes días, debido á inclinación máxima do hemisferio norte cara ao sol, a imaxe é algo semellante a isto:

Esquema do solpor na noite do venres 20 de xuño. As cores, de máis claro a máis escuro, representan o día aberto, o solpor náutico, o solpor astronómico e a noite pechada. Fonte: timeanddate.com.
Esquema do solpor na noite do venres 20 de xuño sobre as 21.50 horas. As sombras, de cor máis claro a máis escuro, representan o día aberto, o solpor civil, o solpor náutico, o solpor astronómico e a noite pechada. Fonte: timeanddate.com.

Tamén na Terra do Fogo

Nesta época do ano, a diferenza horaria entre a costa leste de Brasil, en lugares como Recife, Salvador de Bahía ou Río de Janeiro, é de cinco horas respecto a Galicia. O mesmo pasa moito máis ao suroeste, en Ushuaia, capital da Terra do Fogo arxentina. E aínda así, o Sol ponse antes nestas cidades que Vigo, A Coruña ou Santiago de Compostela e mesmo Londres.

Publicidade

Deste xeito, mentres que en Galicia disfrutamos estes días de máis de 15 horas e 20 minutos de luz solar, nos antípodas, en Nova Zelandia, a duración do día non chega ás 9 horas. As situacións máis extremas danse nas zonas máis austrais e boreais; así, mentres en Ushuaia o día só dura 7 horas e 12 minutos, en Tromsø (ao norte de Noruega) gozan este mes de 24 horas de claridade.

Por que acontece isto no solsticio?

A inclinación do eixo da Terra (23,5º) provoca que, dependendo da situación respecto ao Sol, a súa luz e o seu calor chegan de forma oblicua ao noso planeta, dando lugar ás diferentes estacións, con períodos variables de luz e escuridade.

orbitaDeste xeito, o solsticio de verán no hemisferio norte correspóndese no momento no que o Polo Norte se atopa máis preto do Sol. Nestes días, no círculo polar ártico, a escuridade non chega a ser total en ningún momento, o que dá lugar ao coñecido como Sol de Medianoite. Pola outra banda, neste mesmo momento está a acontecer o solsticio de inverno no Polo Sur, no que o efecto é o contrario.

Así, nestes días, arredor do mediodía solar, o astro rei vaise atopar no punto máis alto sobre o horizonte, o que provocará que os obxectos apenas proxecten sombra sobre o chan nas nosas latitudes.

E, consecuentemente, o contrario acontece no solsticio do inverno. Tal e como lembramos en decembro, con tres horas de diferenza entre Rio de Janeiro e Galicia, o sol saía na cidade carioca ás 6.05, mentres que en Muxía amencía ás 9.06.

O verán comeza este sábado 20 ás 23.44 horas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona