Isaac Peral foi un xenio creador. En 1888, botou o submarino Peral, o primeiro do mundo de propulsión eléctrica e cun sistema de lanzamento de torpedos. Era unha nave de 22 metros de eslora con capacidade para doce tripulantes. Ademais de inventor e mariño, este cartaxeneiro foi tamén científico, con obras como o seu “Tratado teórico práctico sobre furacáns”, ademáis dun experto enxeñeiro en enerxía eléctrica, que no derradeiro cuarto do século XIX avanzaba imparable en todos os eidos da vida diaria. Froito desta última actividade, no remate da súa vida trazou plans para o tendido eléctrico no sur de Galicia, con aproveitamentos hidroeléctricos e mesmo chegou a adquirir unha mina de antimonio no concello de Rubiá, na comarca de Valdeorras.
Peral foi tamén unha celebridade na súa época. Froito disto, hai en Galicia moitas rúas co seu nome, herdadadas dunha época na que aparecía en cromos, en revistas e ata nas caixas de mistos. “Era o home de moda, o personaxe que todos os alcaldes querían convidar, como sucedeu en Vigo”, afirma o historiador Diego Quevedo, experto en Peral e que ten documentado as súas estadías en Galicia.
En 1888, un submarino eléctrico foi un acontecemento mundial. Hai que recordar que só pasaran vinte anos dende que, na imaxinación de Jules Verne, o Nautilus do capitán Nemo entrase na ría de Vigo, o 18 de febreiro de 1868, segundo narra a novela, escrita como un diario. E cando, dez anos máis tarde, en 1898, o galego Antonio Sanjurjo Badía estrea a súa ‘boia lanzatorpedos’ na ría viguesa, o artefacto é incomparable co de Peral, pois só leva un tripulante e avanza por tracción mecánica humana.
No cume da súa sona, Peral visitou Galicia o 21 de agosto de 1890. Ese día chegou a Vigo, convidado para inaugurar na praza de Compostela a estatua dedicada ao mariño vigués Casto Méndez Núñez. Aquel venres de verán, unha masa de xente deuse cita na praza de Compostela para contemplar unha estatua que foi sufragada pola “sociedade hixiénica e recreativa” El Gimnasio.
O conxunto representa ao almirante cun xesto airoso, mirando ao lonxe. Nunha man, leva un sabre e uns prismáticos. Co outro brazo, estendido, sinala o horizonte. Un pergamiño de bronce no basamento leva a que foi, sen ningunha dúbida, a súa sentenza máis aclamada: “Máis vale honra sen barcos que barcos sen honra”.
A inauguración da escultura foi unha gran festa local. Na parte musical, estiveron os orfeóns La Oliva, de Vigo; Los Amigos, de Pontevedra; Orfeón Gallego, de Lugo; as bandas de música municipais de Tui e Vigo; e as dos rexementos de Murcia e de León.
Ademais de inaugurar a estatua, Peral presidiu unha regata de veleiros na ría e foi aclamado polos vigueses polas rúas.
Dous anos máis tarde, en 1892, regresaría o inventor, desta volta para xirar visita ao balneario de Mondariz, nesa época xa un destino de luxo con fama internacional. “Nesta visita, Enrique Peinador propúxolle electrificar non só a vila, senón todo o sur de Galicia”, asegura Diego Quevedo. Tras abandonar a Armada, despois de padecer toda sorte de humillacións pese ao éxito do seu submarino, Peral estaba a crear na súa vida civil varias empresas eléctricas, nas que aplicaba os coñecementos adquiridos co seu invento.
En Mondariz, atópase tamén coa escritora Emilia Pardo Bazán, coa que establece unha boa relación e que lle dedica un artigo no diario ‘El Imparcial’. “Neste escrito, a condesa xa anota que o ve triste”, explica Quevedo, “sen dúbida, xa se notaban os efectos do cancro tan avanzado que padecía e que lle levaría á morte tres anos máis tarde”.
Peral asina no libro de ouro de Mondariz. E Quevedo recuperou imaxes da súa estancia, nas que pousa con familiares e outros hóspedes. Nunha delas aparece xunto ao pai Mortara, un sacerdote moi famoso na súa época porque sabía falar quince idiomas. O historiador tamén rescatou unhas fotos inéditas nas que se ve ao inventor nunha visita ao castelo de Sobroso, en agosto de 1890.
Isaac Peral non chega a deseñar a electrificación do sur de Galicia, aínda que visita zonas do río Tea onde se poderían instalar pequenas centrais eléctricas. Na súa viaxe de regreso, pasa pola comarca de Valdeorras, onde no municipio ourensán de Rubiá adquire unha mina de antimonio, mineral que necesita para os seus proxectos de enxeñería.
Non regresaría Peral a Galicia nin a consolidar os seus proxectos, por mor da súa norte temperá, con só 44 anos. De feito, desde 1892 a súa enfermidade agrávase e remata falecendo en 1895 en Berlín, onde acode a ser operado do seu cancro de pel polo mellor especialista europeo da súa época. Ignorado polos mesmos que o aclamaban, vítima de envexas e inquinas de políticos en Madrid e dos propios altos cargos na Armada, con Peral marchaba un xenio que non recuperaría o recoñecemento ata moito tempo máis tarde.
Foi o realizador do soño de Jules Verne e o seu submarino Nautilus, accionado con luz eléctrica como o Peral. A mesma luz eléctrica que quixo traer a Pontevedra e Ourense cando iniciou a súa carreira na enxañaría civil, que veu truncada pola norte. En Galicia, ducias de rúas recordan aínda hoxe ao xenio inventor.