Igual non o cres, pero hoxe amence antes en Brasil que na Costa da Morte

Animación do amencer, onde se albisca a diferenza entre Galicia e Brasil. Fonte: MeteoGalicia / Eumetsat.

Xa o contamos hai seis meses, co gallo do solsticio de verán. Mentres que na costa occidental de Galicia aínda gozabamos a mediados e finais de xuño dos últimos raios de Sol, na costa oriental de Brasil, en cidades como Recife ou Rio de Janeiro, o Sol xa estaba a poñer uns minutos antes. Así, o ocaso do día 21 de xuño en Rio tivo lugar ás 17.16 hora local (22.16 hora española) mentres que en Muxía, o solpor será ás 22.20 horas, catro minutos máis tarde.

Con motivo dos cambios de horario estacionais, agora mesmo Rio, e toda esta zona de Brasil, ten tres horas menos ca Galicia, xa que alí se adianta unha hora no verán, mentres que aquí se retrasa polo de inverno. E así podemos ver que, por apenas un minuto, o amencer na cidade carioca é ás 6.05 hora local, mentres que en Muxía o Sol sae ás 9.06.

Publicidade

Por que?

“É a maxia do solsticio“, explica o catedrático da USC Jorge Mira. Como explicalo? Conta Mira que, para ver ben este fenómeno, “non podemos pensar no mapa do mundo como cando o temos posto na parede; hai que pensar na esfera terrestre, coas súas peculiaridades. Se queremos trazar a liña que separa o día, haina que trazar torcida, debido á inclinación do eixo de rotación da Terra e as diferentes velocidades que o planeta ten durante o seu período de traslación arredor do Sol”.

O de Galicia non é un caso único en Europa. Nas latitudes máis próximas ao polo Norte, hai zonas incluso máis orientais nas que o Sol tarda máis en saír. “O curioso é que nos atopemos isto nunha latitude tan baixa como a galega, que está bastante ao sur de Europa”.

A situación prolongarase durante varios días, ata que que os amenceres comecen a ser máis temperáns en Galicia. No leste de Brasil, segundo explica o físico galego, o Sol xa está saíndo máis tarde desde finais de novembro, mentres que os solpores seguen medrando. Na Península Ibérica, pola contra, os solpores xa están sendo cada vez máis tardíos, dando pé ao coñecido dito de “xa se lle empeza a notar aos días”.

Máis información:

Hoxe vai anoitecer antes en Rio de Janeiro que na Costa da Morte

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.