Como inflúe a Lei d’Hondt nos resultados electorais

A profesora de ciencia política da USC Isabel Diz explica como a repartición de escanos provoca desproporción entre votos e deputados

Sempre que hai eleccións, volve aparecer nomeada e se lle culpa de que os votos dalgúns partidos valan máis que os doutros. Pero… e se a culpa non fose dela senón de todo o sistema electoral español?

Que é a Lei d’Hondt?

A Lei d’Hondt é unha fórmula matemática ideada polo matemático belga Victor d’Hondt e que se usa nas eleccións para repartir escanos de xeito proporcional

Publicidade

“Cando falamos de sistemas electorais, normalmente hai dúas grandes familias, a familia maioritaria e a familia proporcional”, explica Isabel Diz, profesora no departamento de ciencia política e socioloxía da USC. “A familia maioritaria é aquela que intenta que quen teña máis votos goberne, as familias proporcionais o que buscan é que as Cámaras Representativas sexan unha fotografía o máis fiable posible de como se reparten as forzas de cada partido entre os votantes”.

Diz explica que, aínda que esta fórmula si que é imperfecta e tende a favorecer aos partidos máis votados, o que realmente distorsiona os resultados no estado español é o feito de que se usen as provincias como circunscricións electorais fixas, con estados mínimos garantidos para todas, independentemente da súa poboación.

Publicidade

Un sistema baseado nas provincias

“O tamaño do Congreso dos Deputados é de 350. Aínda que existe outro mito que asegura que hai demasiados deputados e deputadas, en realidade temos un pastel moi pequeno para repartir. Ademais, ese pastel divídese de maneira moi desigual, porque se divide en circunscripcións, que en España son as provincias”, explica Diz. “É dicir, a lei non se aplica a todo o territorio, senón que se aplica a cada provincia, polo que ao cortar o pastel, facémolo tamén de xeito desproporcionado, porque nunca facemos cadrados iguais”.

A desproporción na repartición de escanos leva a que haxa casos, como os de Ceuta e Melilla, que, pola súa condición de circunscricións propias, elixen un só deputado cada unha. Nun contexto así, a proporcionalidade non pode existir: quen gaña, leva todo.

No extremo oposto están circunscricións como Madrid ou Barcelona, que elixen arredor de 36 deputados. Con esa cantidade, é máis doado repartir representación de forma proporcional entre varias forzas políticas. Porén, o que realmente marca a diferenza é que case a metade das provincias españolas elixen cinco escanos ou menos. E repartir cinco asentos entre moitos partidos é, directamente, imposible de facer con proporcionalidade real.

“Na distribución de escanos sempre só representa o primeiro partido. O segundo partido tamén está sobre representado, pero menos e a partir do terceiro partido empezan a estar infrarrepresentados”, comenta Diz. “Pero a parte disto, outra das consecuencias do noso sistema electoral é que ten unha tendencia conservadora”.

A tendencia conservadora do sistema electoral

Segundo as análises actuais, o deseño do sistema beneficia ás forzas políticas de dereitas, isto é o que se coñece como ‘tendencia conservadora’.

“A Constitución establece que todas as provincias teñen dereito a unha representación mínima no Congreso dos Deputados. A Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral concreta ese dereito fixando que cada provincia debe contar, como mínimo, con dous escanos independentemente da súa poboación”, explica Diz. “Isto significa que provincias moi pouco poboadas —como Soria, Cuenca ou Ávila— contan con máis deputados dos que lles corresponderían nun reparto puramente proporcional, mentres que outras con millóns de habitantes —como Madrid, Barcelona ou Valencia— están infrarrepresentadas.

Diz concreta que este desequilibrio estrutural provoca que os votos emitidos nas provincias pequenas valan máis en termos de representación parlamentaria. E son precisamente nesas provincias onde os partidos maioritarios —e especialmente os de dereitas— obteñen vantaxe. 

“Isto non significa que o Partido Socialista non se vexa tamén favorecido cando é o máis votado”, di a profesora de ciencia política e socioloxía. “Pero historicamente os partidos conservadores saen sempre lixeiramente máis beneficiados”.

Este deseño creouse durante a Transición para favorecer as candidaturas da UCD, a forza política do centro-dereita que liderou os primeiros gobernos democráticos. E, esa herdanza, mantense hoxe.

“Estes son os males podemos dicir do noso sistema”, conclúe Diz. “Hai quen os considera que non son tan malos porque levaron a unha estabilidade gobernamental e a unha representación. Con todo, non teñen nada que ver coa Lei d’Hondt”.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:28

Comer de noite engorda máis? O que di a ciencia sobre a hora da cea

A crononutrición evidencia que o momento das comidas pode influír no metabolismo, na resposta á insulina e na acumulación de graxa
00:03:47

Botar a cabeza cara a atrás cando sangra o nariz: que hai de certo neste costume?

Este fenómeno afecta arredor do 15% da poboación e prodúcese principalmente no terzo anterior do nariz, aínda que a inclinación non é a resposta para solucionalo
00:05:14

Mulleres e matemáticas: cando as orlas desminten un mito de xénero moi estendido

Unha mirada ás promocións históricas da USC revelan a presenza e influencia feminina nunha disciplina tradicionalmente considerada masculina
00:04:12

Son cegos os morcegos? Desmentindo un mito tan vello como o seu nome

Os quirópteros utilizan a ecolocalización e unha visión adaptada á escuridade para orientarse e capturar presas con precisión