Un equipo liderado pola Universidade da Coruña vén de publicar un estudo que pon de manifesto a importante incidencia da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política, así como as connotacións machistas destes ataques. De feito, a investigación constatou o nesgo de xénero deste tipo de violencias e sinalou que un 21,6% das mulleres políticas participantes sufriron acoso sexual nas redes sociais, fronte ao 6,9% dos varóns. Asemade as políticas participantes tenden a identificar os seus agresores como homes, mentres que os políticos varóns sinalan a mulleres e homes na mesma proporción.
Máis alá do nesgo de xénero, tanto na manifestación das violencias como nas persoas que as exercen, cando se indaga sobre as motivación detrás destes ataques, as persoas integrantes das cámaras de representación sinalan fundamentalmente cuestións de tipo político. Ideoloxía (60,6%), partido de pertenza (57,5%) ou posicionamento (39,4%) teñen máis peso que outros factores, como o xénero, que supón un 11,9% das respostas, case todas elas de mulleres.
En termos xerais, a forma máis común de acoso dixital é a recepción de mensaxes odiosas, que van desde insultos ata comentarios denigrantes (o 21,9% dos homes e o 34,8% das mulleres que participaron sinalan ter sido obxecto deste tipo de violencias). A investigación, na que participaron máis de douscentos integrantes do Congreso, Senado e Cámaras autonómicas, constatou que o 81,3% de representantes experimentou algunha situación hostil nas redes sociais; o 48,3% no último mes. Outras formas máis organizadas de acoso, como campañas de desprestixio ou a difusión de información falsa tamén están presentes na contorna dixital política.
Unha forma de violencia contra as mulleres en política
As entrevistas con 25 mulleres políticas, de diversos partidos e ámbitos de actuación, puxeron de manifesto a súa preocupación pola hostilidade que reciben nas redes sociais así como a impunidade dos agresores. Sinalan enfrontarse con frecuencia a ataques orquestrados e campañas de desprestixio para desgastalas e amedrentalas.
Na súa maioría as mulleres políticas identifican esta violencia en liña como diferente á que enfrontan os seus colegas varóns. Coinciden en sinalar un enfoque dos ataques cara ao persoal —aspecto físico, vestimenta, preferencias sexuais, etc.— así como o uso de cualificacións que minimizan o seu papel, a súa valía política ou as cousifican. A constante exposición a presións e agresións leva ás mulleres a limitar, reformular e mesmo a desistir de participar en determinadas plataformas e debates. Unhas medidas de autoprotección que repercuten directamente nunha perda de pluralismo.
A exposición a estas hostilidades dixitais ten un impacto significativo na saúde mental das mulleres políticas. Moitas subliñan situacións de ansiedade, cansazo e estrés que mesmo as levou a abandonar a primeira liña política. Con todo, para moitas estes ataques supoñen un alicerce para seguir loitando. O estudo tamén reflectiu a persistencia dunha visión destas violencias como unha problemática individual que se fai patente na falta de apoios de colegas, mesmo dentro do seu partido político.
Accións de sensibilización
Para afondar máis polo miúdo nestas hostilidades que sofren as mulleres en política e fomentar unha actitude crítica fronte as mesmas, o equipo de AGITATE levou a cabo o podcast homónimo, que aborda a complexidade destas violencias dixitais con expertas neste eido, así como una microformación a través de Telegram e WhatsApp, en colaboración coa entidade Ecos do Sur, co obxectivo de formar e sensibilizar ás persoas usuarias nunha actividade na rede máis consciente e comprometida.
O equipo está formado por Teresa Piñeiro Otero e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o docente no Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Álvarez Crespo e María Eugenia Ambort; que lidera a UDC xunto a persoal investigador da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade de Vigo.














