Un dos principais problemas da farmacoloxía actual é a entrega de tratamentos no interior das células. Este delivery, tal e como o chaman na ciencia, debe facer que o fármaco chegue aos órganos, células e tecidos que o precisan. Con todo, é unha necesidade aínda sen resolver. Así, no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tratan de buscar unha solución dende o proxecto TraffikGene-Tx. O centro da investigación é unha prometedora tecnoloxía que permite que os fármacos baseados en material xenético, como as terapias de ARN, poidan atravesar con seguridade as barreiras impostas ata chegar ao interior da célula. O proxecto está xa na súa recta final e no proceso de constituír unha spin-off.
“Trátase dunha tecnoloxía moi versátil que podería aplicarse en distintos conceptos de terapias avanzadas”, sinala Alberto Fuertes, investigador do CiQUS e un dos promotores de TraffikGene. Con todo, fronte a outras vías que existen no mercado como as nanopartículas lipídicas ou os vectores virais, ten un valor diferencial: o seu mecanismo baséase en péptidos, que son máis biomiméticos, fáciles de optimizar e de facer descubrimentos de novas moléculas transportadoras específicas. “Esta é a nosa proposta de valor: deseñar péptidos transportadores a medida para lograr tapar as limitacións das que outras tecnoloxías de entrega aínda adoecen”, engade.
Agora, o proxecto atópase nun momento de transferencia cara ao mercado. Tal e como explica Fuertes, moitas investigacións deste tipo intentan saltar ao mercado, pero fracasan por non demostrar a posibilidade de manufacturar moléculas nunha contorna regulatoria relevante. En farmacoloxía, este marco está composto por dous estándares de calidade: o GMP (Good Manufacturing Practices), referido a como se fabrica o produto, e o GLP (Good Laboratory Practices), sobre como se investiga e analiza.
Demostrar a capacidade de produción e escalabilidade
TraffikGene xa demostrou que é posible sintetizar o seu candidato máis avanzado de molécula transportadora e manufacturalo en condicións GMP e a demostración da súa efectividade en modelos preclínicos en ratos. “As nosas moléculas transportadoras chegan con máis dun 90% de selectividade ata o bazo ou os pulmóns dos ratos, e a nosa tecnoloxía permítenos levar a cabo optimizacións químicas sucesivas para modificar esas propiedades transportadoras”, explica. Aínda que comezaron sen datos in vivo, agora poden respaldarse en resultados preclínicos, cunha carteira de potenciais produtos transportadores que poden chegar a órganos e tecidos aos que os competidores están máis limitados, dada a súa restrición á hora de optimizar as propiedades químicas dos transportadores que empregan.
O equipo de TraffikGene ten que avanzar cara á comercialización da tecnoloxía tendo en conta os requisitos da industria. “Estamos desenvolvendo cunha CDMO o proceso de mestura da nosa molécula transportadora co ácido nucleico terapéutico, que debe ser estandarizado e escalable”, explica Alberto Fuertes. Unha CDMO (Contract Development and Manufacturing Organization) é unha empresa externa que se encarga de desenvolver un composto, neste caso un péptido, escalalo dende o laboratorio á produción e fabricalo baixo estándares regulados.
Dende o laboratorio traballaban con formulacións a pequena escala, tipicamente por debaixo do mililitro, pero nun futuro deberán ser litros, en escala industrial. Ao tratarse dun proceso farmacolóxico, cada paso ten que estar aliñado cos requisitos regulatorios. Así, antes de poder levar as formulacións terapéuticas a un entorno clínico, tamén deben regular a fase preclínica a través dun estudo GLP toxicoloxía, que permite avaliar a seguridade do composto inoculando diferentes formulacións de TraffikGene en diferentes doses escaladas en ratas, para demostrar que non é tóxico. “O noso proxecto EIC Transition conta con fondos para levar a cabo este estudo GLP ao longo deste ano, o que suporía un importante fito para o proxecto de spin-off e reforzaría o excelente perfil de seguridade que temos demostrado ata agora en ratos”, sinala Fuertes.
Folla de ruta da spin-off
Con todo, a idea de crear unha spin-off comezou en 2018, durante a tese da doutora Marisa Juanes, que estaba a desenvolver esta tecnoloxía como ferramenta para modificar células en cultivo baixo a supervisión do profesor Javier Montenegro. Juanes e Montenegro, xunto coa doutora Irene Lostalé-Seijo, completan o equipo promotor de TraffikGene. No grupo de investigación xa facían estudos de competición con kits e reactivos para o transporte de ácidos nucleicos comerciais, onde comprobaron que algúns candidatos da tecnoloxía de TraffikGene eran máis efectivos e menos tóxicos que as devanditas solucións comerciais.
Comezaron pensando en comercializalo en forma de kit de laboratorio, ata que chegou a pandemia, e cando recuperaron o proxecto decidiron establecer un enfoque máis ambicioso cara ao mundo in vivo e as terapias de ARN mensaxeiro. “Este cambio de dirección é un dos motivos de que nos levara varios anos máis chegar a este punto”, explica o investigador do CiQUS. Agora, a proposta de valor de TraffikGene-Tx está clara: “Somos máis efectivos, máis dirixidos, máis baratos, menos tóxicos e podemos optimizar a tecnoloxía para chegar a órganos aos que ninguén vai dun xeito sinxelo”.
Colaboracións e fondos biotecnolóxicos
Neste momento de captación de colaboracións e investimento é importante coñecer que é o que precisa o equipo de TraffikGene: “Temos que contar con colaboracións estratéxicas con empresas, canto máis grandes, mellor”. O punto de partida é que exista unha atracción do mercado para coñecer a tecnoloxía da USC e probar nos laboratorios as moléculas transportadoras desenvoltas. Xa teñen encamiñada unha colaboración cunha empresa biotecnolóxica norueguesa para que proben a tecnoloxía de entrega combinada coa súa molécula de interese para verificar o seu potencial e as vantaxes de usar este sistema.
O seguinte paso será conseguir a unión cunha grande empresa farmacolóxica. “É un reto en si mesmo, porque teñen os seus propios obxectivos moi definidos”, sinala Marisa Juanes, aínda que pensa que non é un fito imposible. A pesar de que este tipo de industrias teñan xa candidatos para dianas terapéuticas, chegar de maneira selectiva ata o seu sitio de acción de xeito selectivo, por exemplo, un subtipo celular concreto dentro do pulmón, segue a ser un problema que limita o proceso de desenvolvemento de terapias. Ás veces, só o 0,5% do principio activo chega a onde teñen que chegar, polo que a baixa eficiencia pode sumar certos efectos secundarios. Aí entra unha das vantaxes de TraffikGene: a selectividade sen sacrificar eficacia e seguridade.
Ao mesmo tempo, tamén están en busca de roldas de investimento privado a fin de cubrir todos os futuros gastos da empresa que se está a piques de constituír. “O ideal sería conseguir investidores de fondos españois especializados en biotecnoloxía”, sinala a investigadora. O escenario perfecto sería, ademais de que os investidores aporten capital, proporcionen tamén unha rede de contactos para facer crecer o negocio, un mecanismo denominado smart money.
Como comercializar con éxito?
En biotecnoloxía e farmacoloxía, o concepto de comercialización é difuso, tal e como explica o investigador Alberto Fuertes. Chegar á aprobación da Axencia Europea do Medicamento (EMA) para a comercialización dun produto pode tardar ata dez anos en chegar, froito da necesidade de levar a cabo un elevado número de ensaios preclínicos e clínicos altamente regulados, o que implica un alto volume de investimento. Para chegar a clínica fálase de prazos máis curtos, como catro ou cinco anos. Neste caso, a forma de xerar ingresos para a spin-off sería a través dun modelo de acordos de co-desenvolvemento con outras empresas, que desembocaría en licencias e royalties.
“É moi complicado que unha start-up pequena que empeza desenvolvendo tecnoloxía en fase preclínica chegue a completar todo este proceso”, sinala Alberto Fuertes. Por iso, o normal é que proxectos como TraffikGene, cun alto risco pero tamén cun gran potencial, se asocien cunha empresa farmacéutica máis grande para maximizar o impacto xerado: “Non hai moitos casos de empresas spin-off que cheguen a comercializar o seu propio produto. Se as cousas van ben é probable que aparezan oportunidades dunha adquisición nun período duns cinco a dez anos para que os investidores iniciais recuperen a súa inversión”, explica.
Con vistas a medio prazo, o investigador ten claro cal é o obxectivo: “Ver a tecnoloxía de TraffikGene formando parte dun produto en desenvolvemento clínico, porque sería a mellor forma de que o noso esforzo chegue a ter un impacto en pacientes”. Nun mercado no que o delivery de fármacos está en auxe dende 2020, TraffikGene podería ser unha ferramenta facilitadora de terapias avanzadas. Así, a principal motivación de xerar unha spin-off é o potencial para axudar aos pacientes: “Na miña opinión, para un investigador non hai nada máis enriquecedor que poder ver como un proxecto que xorde do laboratorio poida chegar a ter un impacto real nas persoas”, conclúe Alberto Fuertes.














