A USC busca mellorar a eficacia dos tratamentos con células CAR-T en tumores sólidos

Marisa Juanes e Alberto Fuertes encargaranse de desenvolver o sistema de transporte que permita introducir ácidos nucleicos en linfocitos T

Persoal investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) participa en CAR T-REX, un novo proxecto europeo financiado con 2,7 millóns de euros polo Consello Europeo de Innovación (EIC), que busca mellorar a eficacia e seguridade dos tratamentos con células CAR -T en tumores sólidos. Marisa Juanes e Alberto Fuertes do equipo de TraffikGene encargaranse de desenvolver o sistema de transporte que permita introducir ácidos nucleicos en linfocitos T, co obxectivo de que estas células inmunitarias poidan manterse activas no microambiente tumoral.

“As terapias celulares e xénicas (CXT) contan cun gran potencial para transformar as actuais ferramentas terapéuticas”, explican dende o proxecto. De feito, os tratamentos personalizados de células T con receptor de antíxenos quiméricos (CAR-T) cambiaron radicalmente o panorama logrando, nun número significativo de casos, a remisión parcial e mesmo completa e duradeira de pacientes con tumores do sangue, como leucemias ou linfomas. Con todo, a inmunoterapia con CAR-T aínda segue sendo un reto en tumores sólidos, como os de colon ou mama. “Nestes pacientes, o tratamento atópase con obstáculos como a falta de antíxenos específicos, a falta de penetración no tecido tumoral e, sobre todo, o esgotamento que sofren estas células inmunitarias e que lles leva a perder a súa función”, sinalan.

Publicidade

Neste contexto, o proxecto CAR-T Cells Rewired to Prevent EXhaustion in the Tumour Microenvironment (CAR T-REX) explora unha novo paradigma para xerar células CAR-T melloradas, combinando un sistema de entrega de material xénico con edición xenética de precisión nas células T. Deste xeito, a estratexia busca vencer os mecanismos do microambiente tumoral inmunosupresor que desconecta a resposta inmunitaria deste tipo de células, ampliando potencialmente a utilidade e seguridade das actuais tecnoloxías CAR-T. 

Convocatoria competitiva 

CAR T-REX foi unha das 57 propostas seleccionadas polo Consello Europeo de Innovación (EIC) entre as 858 solicitudes recibidas na convocatoria EIC Pathfinder, un programa que apoia ideas brillantes a través de proxectos de alto risco e con gran potencial internacional. Liderado pola compañía Stemmatters (Portugal), o proxecto reúne especialistas de recoñecido prestixio internacional nun consorcio formado por institucións e empresas de cinco países europeos, o CiQUS, s University of Debrecen (Hungría), Leibniz-Institut für Immuntherapie (Alemaña) e TargetGene Biotechnologies (Israel).

Publicidade

“O que se pretende é eliminar o esgotamento de forma controlada  só cando as células CAR-T se atopen no micro contorna tumoral, e deixar que volva á normalidade cando o tumor está ausente”, detalla Marisa Juanes, investigadora do equipo de Traffikgene que lidera o profesor Javier Montenegro. “O proxecto tentará desenvolver novas células CAR-T cuxa activación non se deteña mentres se atopen na micro contorna do tumor”, engade. 

Aproveitando a versatilidade que ofrece a tecnoloxía desenvolvida no proxecto TraffikGene, o persoal investigador do CiQUS identificará os vehículos peptídicos óptimos para poder levar a cabo a entrega do ARN. “A entrega simultánea de diferentes ácidos nucleicos no interior das células T de maneira eficiente e pouco tóxica supón un reto significativo. É aquí onde esperamos que a plataforma que desenvolvemos en TraffikGene poida achegar valor ás tecnoloxías de edición xenética desenvolvidas polos nosos colaboradores para lograr este ambicioso obxectivo”, explica Marisa Juanes. “Aspiramos a que este proxecto nos permita aumentar a versatilidade da tecnoloxía de entrega de ácidos nucleicos de TraffikGene, o que validaría a súa aplicación nun novo contexto terapéutico”, incide o investigador Alberto Fuertes.

O profesor Montenegro, pola súa parte, destaca que o proxecto “pon de relevancia a importancia da Síntese Química para o desenvolvemento de novas moléculas e materiais que permitan mellorar a nosa calidade de vida. No CIQUS podemos crear novas moléculas á carta e neste momento cubrimos todo o espectro que necesita a sociedade: dende novas formas do carbono, catalizadores, materiais termoeléctricos, nanoparticulas e materiais biocompatibles para aplicacións terapéuticas, como neste caso particular. Esta é a forza e o potencial da Química e do CIQUS”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe