Un proxecto galego busca novas terapias de ARN contra o cancro

O Consello Europeo de Innovación outorga 2,5 millóns de euros a esta iniciativa que o profesor Javier Montenegro lidera dende a USC

O Consello Europeo de Innovación (EIC, polas súas siglas en inglés) acaba de anunciar a concesión dos proxectos EIC Transition, no reto de novas terapias baseadas en ARN, e que busca avanzar na transferencia de tecnoloxías innovadoras para a súa futura comercialización. Das 181 propostas presentadas, tan só 34 resultaron financiadas, entre as que se atopa TraffikGene da Universidade de Santiago (USC), que agora contará cun financiamento de 2,5 millóns de euros durante un período de tres anos.

O proxecto liderado polo profesor Javier Montenegro céntrase no desenvolvemento dunha tecnoloxía baseada en péptidos para crear vehículos que facilitan a entrega eficiente de ácidos nucleicos e ribonucleoproteínas con potencial aplicación terapéutica. “Os nosos vehículos están deseñados para levar estes ácidos nucleicos ao seu sitio de acción de maneira eficiente, non tóxica e selectiva, e así superar un dos principais retos no desenvolvemento de novos fármacos” explica este investigador principal no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS).

Publicidade

Unha tecnoloxía versátil

Trátase dunha tecnoloxía versátil que pode adaptarse a todo tipo de ácidos nucleicos, como o ARN mensaxeiro (ARNm), o ARN interferente (ARNi) ou mesmo para levar a cabo tarefas de edición xenética con ribonucleoproteínas a través do sistema CRISPR/Cas. Os vehículos para fármacos de ARN desenvolvidos por TraffikGene teñen carácter biodegradable e presentan, por tanto, moi baixa toxicidade. A simplicidade sintética, a sinxeleza na formulación co ARN e unha elevada eficiencia de entrega do ARN fan que esta tecnoloxía sexa moi atractiva para a súa aplicación terapéutica.

“Esperamos que en tres anos a tecnoloxía estea lista para dar o salto a fases clínicas e poder chegar a pacientes”

MARISA JUANES, participante no proxecto

A nova axuda do EIC permitirá ao equipo do proxecto centrarse no desenvolvemento de terapias de ARN mensaxeiro (ARNm) para aplicacións en inmunoterapia contra o cancro, así como explorar posibles alternativas terapéuticas con diferentes ácidos nucleicos. Ademais, buscarán a colaboración con academia e industria para acelerar a validación e transferencia de tecnoloxía. “Queremos desenvolver unha liña propia de produtos terapéuticos de ARN e tamén empregar a nosa tecnoloxía para apoiar a grupos académicos ou socios industriais con posibles ARNs terapéuticos que necesiten un vehículo eficiente e selectivo” explica Mark Mayhew, asesor estratéxico en Traffikgene.

Publicidade

“Esperamos que nun prazo de tres anos a tecnoloxía estea lista para dar o salto a fases clínicas e poder chegar así a pacientes” apunta a doutora Marisa Juanes, encargada do desenvolvemento sintético dos vehículos transportadores de ARN e avaliación biolóxica. O equipo do proxecto complétano Irene Lostalé, responsable do deseño metodolóxico e protocolos biolóxicos, e Alberto Fuertes na transferencia da tecnoloxía. Traffikgene, que obtivo o galardón á Mellor Idea Empresarial outorgado pola Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), contou ademais co recoñecemento da axuda Proba de Concepto (AEI), do Consello Europeo de Investigación (ERC-Proof of Concept) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do proxecto Ignicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG