Laboratorio de nivel 3 de bioseguridade, no Laboratorio de Diagnóstico Médico e Veterinario de Texas (Estados Unidos). Foto: tamu.edu.
Laboratorio de nivel 3 de bioseguridade, no Laboratorio de Diagnóstico Médico e Veterinario de Texas (Estados Unidos). Foto: tamu.edu.

Sen bioseguridade fronte ao SARS-CoV-2: a eiva que frea o estudo do virus en Galicia

Ningún centro público de investigación está habilitado para traballar coas garantías precisas sobre axentes infecciosos como o coronavirus

Desde a declaración do estado de alarma en España, hai xa case dous meses, a gran maioría dos laboratorios de investigación de Galicia pecharon as súas portas. A pesar dos ofrecementos ás autoridades, boa parte da comunidade científica pasou semanas confinada na casa, coa capacidade de traballo limitada como a meirande parte da sociedade, á espera de axudar no que fose preciso. Ben na axuda ao diagnóstico, na análise xenómica do novo virus ou no desenvolvemento de materiais de protección, entre moitas outras vías de traballo, a restrición nas actividades esenciais deixou con pouca marxe a algúns dos máis relevantes grupos de investigación do país.

Ademais disto, un obstáculo engadido está lastrando o potencial estudo do SARS-CoV-2 en Galicia: a carencia de laboratorios co nivel de bioseguridade necesario para facer, por exemplo, cultivos celulares in vitro con posibles fármacos ou compostos químicos que axuden a frear a infección que provoca. Na actualidade, ningunha universidade nin centro de investigación de Galicia dispón de instalacións para que os científicos poidan poñerse a traballar co virus ‘activo’. Para facer estas probas, ou para investigar con modelos animais, vense obrigados a tecer colaboracións con equipos doutras rexións onde si dispoñen dos medios necesarios. Si poden (como de feito xa están facendo algúns grupos que recibiron financiamento para buscar solucións á pandemia) estudar outros enfoques para enfrontarse á Covid-19, pero non poden traballar directamente co patóxeno polos riscos que conleva e as precaucións que require facer isto.

Niveis de bioseguridade

En función do risco dos axentes infecciosos cos que se traballa, os laboratorios deben cumprir cuns determinados requerimentos de bioseguridade para evitar contaxios. Existen matices en cada un dos niveis que determinan a bioseguridade dun laboratorio, en función das prácticas e técnicas que se desenvolven nel e as mostras que se manexan, pero poderían clasificarse, segundo as siglas BSL (Biosafety Level, en inglés), que determinan a perigosidade dos axentes infecciosos, en catro grandes grupos. No alto do cumio están os laboratorios con nivel de bioseguridade 4 (BSL-4), tamén chamados P4, cun elevado custo de mantemento. Para entrar requírense equipamentos semellantes a filmes de ciencia ficción. Nestas instalacións estúdanse axentes que representan un risco real para a vida das persoas en contacto con el, para os que non existe vacina ou tratamento dispoñible. É o nivel requirido, por exemplo, para o virus do ébola ou o da febre hemorráxica de Crimea-Congo, que chega a causar nalgún brote unha letalidade do 40%. En todo o planeta son menos dun cento os laboratorios que cumpren cos maiores requisitos de bioseguridade esixidos.

Pirámide dos niveis de bioseguridade, desde os menos perigosos (E. Coli, BSL-1), pasando pola hepatite A (BSL-2), o SARS ou a tuberculose (BSL-3) e o ébola ou a varíola (BSL-4).
Pirámide dos niveis de bioseguridade, desde os menos perigosos (E. Coli, BSL-1), pasando pola hepatite A (BSL-2), o SARS ou a tuberculose (BSL-3) e o ébola ou a varíola (BSL-4).

En España, o máis semellante son as instalacións do CISA (Centro de Investigación en Sanidad Animal), situado na localidade de Valdeolmos, en Madrid, que segundo informa no seu portal web (ver PDF), conta con 4 pequenas salas de BSL-4 e 15 DE BSL-3, o chanzo inferior que tampouco existe en Galicia. Con este centro está traballando precisamente o científico galego José Martínez Costas, do CiQUS de Santiago, que recibiu financiamento para buscar a través dun método patentado na propia Universidade compostelá unha vacina contra a Covid-19. Está previsto que o CISA realice os ensaios en animais do proxecto para comprobar a eficacia da posible vacina. Pero esa fase non se pode facer en Galicia. Dun nivel semellante ao CISA son, por exemplo, os laboratorios do Centro Nacional de Microbioloxía que analizaron os casos de ébola en España en 2014.

Estes laboratorios de máxima contención requiren, por exemplo, de peches herméticos, antesalas, sistemas de ventilación controlada ou presión negativa para minimizar o risco de propagación dos axentes infecciosos a través de aerosois ou os propios materiais e prendas que usan os investigadores. Medidas que requiren unha notable inversión económica, pero que tamén abren portas a proxectos de investigación de maior calado. O custo de poñelo en marcha foi a resposta coa que se atoparon algúns investigadores que en Galicia propuxeron a adecuación dalgún laboratorio para estes cometidos. Esta mesma semana, a Xunta de Galicia anunciaba a aprobación dun proxecto para acelerar o diagnóstico de doenzas infecciosas no Laboratorio de Microbioloxía do Chuac que terá un custo de seis millóns de euros.

Ilustración dun laboratorio con nivel de bioseguridade 3 (BSL-3), con antesala, cámara de peche hermético, autoclave para descontaminar residuos, cabinas de seguridade e corrente continua de aire cara ao interior. Fonte: CUH2A.
Ilustración dun laboratorio con nivel de bioseguridade 3 (BSL-3), con antesala, cámara de peche hermético, autoclave para descontaminar residuos, cabinas de seguridade e corrente continua de aire cara ao interior. Fonte: CUH2A.

Un proxecto en Vigo sen completar

Con todo, cunha búsqueda rápida a través de internet podería parecer que si existen estas instalacións en Galicia. O Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo ofrece no seu sitio web un laboratorio BSL-3. Porén, por agora non é posible usalo. Segundo explican desde a propia universidade, “require dun equipamento que foi concedido na convocatoria de infraestruturas de 2019 que aínda non chegou”. Así o confirman varios científicos galegos que traballan con virus, e que ao manifestar interese en usar as instalacións do Cinbio, recibiron a aclaración de que aínda non estaba en marcha. A situación, segundo estes investigadores, “imposibilita que en Galicia se poida facer investigación con moitos axentes virais que supoñen unha ameaza cada vez maior”. “Se tes unha sala de BSL-3, poderías canto menos facer unha proba de concepto que daría pé a estudos máis complexos, pero non temos a opción”, lamentan.

En Galicia, con todo, si que existen zonas adaptadas a niveis de seguridade P3, aínda que non destinados ao traballo de equipos de investigación das universidades e outros centros científicos financiados principalmente por fondos públicos. É o caso dalgunhas empresas como Zendal, no Porriño, que investiga unha posible vacina contra a tuberculose, ou o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), en Lugo. Este centro, que conta con varias estancias de nivel P3, pero, segundo explican desde a Consellería de Medio Rural, “ten como misión esencial facer fronte aos diferentes programas sanitarios animais que desenvolve a Comunidade Autónoma, así como prestar servizos de diagnose de enfermidades animais aos gandeiros”. Deste xeito, aclara Medio Rural, “calquera apoio puntual nunha determinada investigación tería que ser avaliado, para valorar tanto a súa natureza como o persoal e os medios que comportaría, xa que “a prioridade sempre serían os programas do Lasapaga, para atender eventuais alertas sanitarias, como ocorreu no seu día coas encefalopatías esponxiformes ou a lingua azul”.

Así, para atopar unhas instalacións coas condicións precisas e a disposición da comunidade investigadora hai que ir ata o Porto, onde o Instituto Ricardo Jorge dispón dun BSL-3, que ademais é considerado como laboratorio de referencia da OMS para o diagnóstico da tuberculose. En España, hai que ir ata León, Valladolid ou Salamanca, que dispoñen de cadansúas instalacións de bioseguridade P3. Así o constata o científico galego Xosé Bustelo, do Centro de Investigación do Cancro (CIC) de Salamanca, que lamenta a carencia destas instalacións en Galicia. “Teriamos que reflexionar porque aínda non dispoñemos del en Galicia e aquí temos tres”. O investigador expón que, no caso dalgúns dos laboratorios deste tipo en Castilla y León, o custo de mantemento é duns 200.000 euros ao ano.

Esta falta de instalacións axeitadas está tamén detrás, en parte, da tardanza na acreditación de laboratorios galegos para realizar probas PCR de diagnóstico do coronavirus. Ata agora, só a Universidade de Vigo, o CiMUS de Santiago e o ICM de Lugo (centro privado) contan coa validación do Instituto de Salud Carlos III para facer estas análises de diagnóstico, que esixen, entre outras condicións, “capacidade para traballar con mostras infecciosas de nivel 2, cabina de bioseguridade e equipos axeitados”, algo do que tamén andan xustas as instalacións destinadas á investigación científica. “Se queremos estar no cumio da ciencia, e xerar coñecemento aquí, temos que ter as ferramentas; doutra forma, vai ser moi difícil”, conclúen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.