Venres 26 Abril 2024

Por que non hai máis laboratorios en Galicia facendo as probas PCR?

As análises para detectar o SARS-CoV-2 limítanse a hospitais e un centro privado a pesar do ofrecemento de universidades, centros públicos e empresas

O 16 de marzo, xusto despois da declaración do estado de alarma, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia lanzaba unha iniciativa para recrutar como voluntarios aos seus socios expertos na realización de probas PCR, a técnica que detecta xenes do virus SARS-CoV-2 nos posibles afectados, e “cubrir as necesidades extraordinarias do servizo que a Administración sanitaria galega puidera ter”. Á chamada responderon máis dunha trintena profesionais, cuxa listaxe se remitiu ao Sergas, aínda que ata o momento non foi requirida a súa presenza. Ao mesmo tempo, as universidades, centros de investigación, empresas especializadas e científicos a título persoal puxéronse a disposición das autoridades para incrementar a capacidade de diagnóstico do coronavirus en Galicia.

Porén, ata o de agora, un mes despois do comezo da crise, boa parte dos laboratorios galegos especializados en disciplinas como a xenética e a bioloxía molecular, con equipos e persoal aptos para estas probas, seguen pechados e sen achegar a súa axuda. A situación está xerando un debate na comunidade científica que ás veces non se traduce de xeito claro e comprensible á sociedade. Por que está pasando isto?  

Publicidade

Que se precisa para as probas PCR?

É unha proba máis complexa cós outros dous métodos, os da detección de antíxenos e o de anticorpos. Resulta máis fiable e sensible, e require de persoal formado nesta técnica e equipamento, mentres que no caso dos tests rápidos a complexidade é moito menor. O que se gaña de eficacia pérdese en tempo, xa que fan falta un mínimo de dúas horas (moitas veces máis) fronte aos 10-15 minutos das probas rápidas. Ademais, os seus obxectivos e criterios de uso son distintos para cada escenario ao longo da epidemia.

Para a proba de PCR requírense instrumentos capaces de localizar e ampliar a mostraxe para detectar os xenes do virus. As máquinas de PCR a tempo real que se necesitan están en laboratorios especializados en bioloxía molecular, cos que contan as universidades galegas e centros de investigaci´n. Porén, hai que ter tamén en conta outros aspectos, como a seguridade biolóxica no manexo das mostraxes e a súa vinculación á práctica clínica.

Así son as probas actuais para detectar o SARS-Cov-2

Cantos laboratorios están facendo probas PCR en Galicia, e cantas probas se fan?

Ademais dos servizos de Microbioloxía dos hospitais das sete cidades galegas, a Xunta informou a finais de marzo de que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lapasaga) situado en Lugo e dependente da Consellería de Medio Rural, estaba a colaborar co hospital Lucus Augusti nunha das fases do proceso, a extracción dos ácidos nucleicos das mostras. A Xunta expoñía que o Lapasaga podería colaborar no diagnóstico coas áreas sanitarias de Lugo, Ourense e Ferrol en caso de recibir os kits axeitados, que xa foran solicitados.

Por outra banda, segundo informou nos últimos días o Sergas, hai un laboratorio privado de Lugo (do que non facilitou o nome) que xa está colaborando para incrementar a capacidade de realización de probas.

Os datos a nivel estatal, compilados e publicados polo portal Civio, expoñen que Galicia é a quinta comunidade autónoma en canto ao número de probas, cunha das maiores taxas de PCR por habitante. Nos últimos días, Galicia está superando as 3.000 probas diarias, e son xa preto de 60.000 desde o comezo da crise.

Precisa Galicia facer máis probas PCR? Por que?

A pesar de que Galicia amose esta cifra relativa de probas realizadas, as diferenzas entre rexións xogan un papel clave. Galicia rexistra unha menor incidencia da doenza, unha situación máis ‘tranquila’ na actualidade e, por tanto, unha maior exposición a unha previsible segunda onda da epidemia. Ante isto, insisten distintos expertos, é preciso coñecer a inmunidade da poboación a través de estudos epidemiolóxicos, pero tamén os lugares e persoas nos que o virus segue circulando ‘a tempo real’, algo que só se pode confirmar con exactitude coas probas PCR, xa que os tests de anticorpos e de antíxenos deben ser complementados con ela.

Así, unha vez superada a fase aguda da epidemia, e alén dos tamén necesarios estudos masivos que anunciaron tanto Xunta como Goberno español, detectar a presenza do virus no maior número de persoas posible, non só a través de anticorpos, é esencial para saber máis sobre el, tal e como incidiu a OMS en semanas pasadas.

Se hai persoal e equipamento, por que non se fan máis probas PCR?

O 8 de abril, o Ministerio de Ciencia anunciou que estaba a coordinar un proceso para que os centros capacitados na realización das probas PCR puideran axudar. Segundo este protocolo, os centros dispostos a colaborar deben cumprir determinadas pautas. “A pesar da gran predisposición de toda a comunidade científica por colaborar, e do interese de moitos centros de investigación por sumar apoios, non todos reúnen as condicións necesarias para levar a cabo este labor”, expoñía esta semana nunha nota de prensa o Instituto Carlos III.

Os laboratorios teñen que ser validados antes de comezar a traballar por este instituto, a través do contacto con cada comunidade autónoma, a quen corresponden as competencias sanitarias. Son os servicios sanitarios autonómicos, segundo explica o ISCIII, os que teñen que confirmar a necesidade do apoio diagnóstico que estes centros poden achegar.

En España hai 13 centros de investigación que xa colaboran na realización de probas PCR

O ISCIII informou esta semana de que xa eran 13 os centros de investigación e universidades que estaban realizando probas PCR, a un ritmo de 2.000 cada día, no marco desta rede. Ata o momento, ningún deles está en Galicia.

Hai contactos para incorporar laboratorios de Galicia a esta rede?

Si. As tres universidades puxéronse desde o comezo á disposición da Xunta de Galicia e responderon á chamada do Ministerio e o ISCIII.

Desde a Universidade de Vigo, por exemplo, informan de que a Vicerreitoría de Investigación fixo un chamamento hai semanas aos centros e grupos capacitados para a realización de PCR. Unha vez enviados os requisitos específicos por parte do ISCIII, a institución valorará a viabilidade de cumprir con estes criterios e, se é preciso, poñerse a disposición da Xunta.

Ata o de agora, o Ministerio de Ciencia informou que no proceso de avaliación xa hai identificados máis de 50 centros cos requisitos mínimos para levar a cabo estas análises, aínda que están pendentes máis detalles relacionados coa bioseguridade e a dispoñibilidade de material.

É posible, por tanto, que se as partes implicadas (Sergas, universidades, ISCIII e Ministerio de Ciencia) así o acordan, os científicos e científicas galegas se sumen a este traballo.

Por que non se avanza nisto?

Nos seus criterios para formar parte da rede de apoio, o Instituto Carlos III indica que os centros que queiran sumarse deben contar, ademais do persoal formado en técnicas de bioloxía molecular, coa capacidade para traballar con mostraxes infecciosas de nivel 2, cabina de bioseguridade e equipos axeitados, capacidade para producir os reactivos necesarios e medios para realizar PCR por medios propios ou mediante kits comerciais.

Por tanto, ademais do ofrecemento e disposición dos profesionais e os seus equipamentos, hai que engadir máis elementos, como escaseza de reactivos e outro material preciso para desenvolver todo o proceso de detección do virus. Así coinciden en sinalalo algúns dos expertos consultados, na liña do que expoñen organismos como o Instituto de Salud Carlos III. E tamén o apuntou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á pregunta de por que non se dá resposta ao ofrecemento das universidades galegas.

A falta de reactivos é unha das claves da dificultade para facer máis probas PCR

Feijoo manifestou que o que impide facer máis probas é carencia dos compoñentes precisos para realizar as probas, non o equipamento nin os recursos humanos. “Non temos tests suficientes; oxalá puideramos dar resposta cos aparatos que temos nas universidades. Para os que temos, son suficientes os equipamentos do Sergas, incluso teriamos máis capacidade, porque non os estamos utilizando as 24 horas”, apuntou.

Desde a USC exponse un argumento semellante: o problema para desenvolver o traballo nas universidades é a falta de reactivos para facer as PCR, e que todos os que se conseguen son utilizados polo Sergas. “No caso de que houbese necesidade e reactivos, o Sergas usaría os nosos equipos e investigadores”, dando contra previamente das oportunidades medidas a tomar, explican.

As distintas administracións, non só de Galicia e España, senón tamén doutros países, coinciden en aludir á escaseza de reactivos. Unha das razóns ás que se acode para explicalo son as dificultades para fabricar a escala industrial estes compostos, algo que si permitiu actuar a tempo a países como Corea do Sur, cun sector biotecnolóxico moito máis potente. Empresas como Genómica, pertencente ao grupo de orixe galego Pharmamar, desenvolveron kits de diagnóstico que puxeron íntegramente a disposición do Goberno español, pero a demanda é tan alta que segue habendo escaseza.

Hai alternativas?

Hai un mes, ao comezo da crise, José Manuel Bautista, catedrático de Bioloxía Molecular da Complutense de Madrid, lanzou unha iniciativa a través das redes sociais que conseguiu poñer en marcha unha rede de laboratorios para axudar no diagnóstico.

Nos últimos días, un grupo de investigadores do País Vasco conseguiu validar unha proba alternativa, que non precisaría de kits comerciais, para detectar o SARS-CoV-2 con resultados prometedores. De saír adiante, indica a Universidad do País Vasco, permitiría ao sistema sanitario autonómico incrementar o número de diagnósticos.

Noutros países, como Alemaña, os centros de investigación capacitados para a realización de probas están en marcha, segundo recordou nos últimos días a través das redes sociais o científico galego Xosé Bustelo.

A capacidade do tecido investigador de Galicia podería contribuír a acadar avances semellantes a estes, e evitar por tanto o funil da escaseza de material.

Que se debate entón?

A propia comunidade científica está debatendo sobre a idoneidade de que os investigadores que non forman parte diariamente da actividade hospitalaria reforcen o sistema. Despois de que Sanidad lanzase o procedemento para captar laboratorios de apoio ao diagnóstico, a Sociedad Española de Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica (SEIMC) publicou un comunicado no que agradecía a disposición dos profesionais doutros ámbitos, pero incidía en que “hai unha serie de aspectos que é importante ter en conta e que fan difícil a implementación nestes centros” das probas de diagnóstico, algo que algúns sectores entenderon como un exercicio de “corporativismo”.

Entre estes detalles, mencionábase que a “posibilidade de apoio destes centros só debe contemplarse cando a altísima demanda  diagnóstica e capacidades dos servizos de microbioloxía impida materialmente  levar a cabo todas as probas”, algo que non está acontecendo na maioría das comunidades autónomas ata o momento, xa que o problema reside na ausencia de material.

Algúns dos profesionais consultados apuntan que a parte do método de diagnóstico, as probas PCR deben complementarse na medida do posible cun seguimento clínico que só pode realizarse desde os equipos sanitarios para evitar posibles interpretacións erróneas. Este é un dos requisitos do Instituto Carlos III para formar parte da rede de apoio ao diagnóstico: contar con persoal capacitado para valorar os informes das análises clínicas.

Porén, outras fontes apuntan a que é compatible aumentar a capacidade do diagnóstico coa axuda de centros alleos ao sistema sanitario sen dificultar nin obstaculizar o seguimento clínico dos casos. “Unha cousa é unha proba de PCR e outra o diagnóstico clínico, non teñen por que colidir”, apuntan. O ideal, conclúen, sería conxugar as aptitudes dos servizos clínicos e as dos centros de investigación e universidades para que a resposta contra a epidemia sexa aínda máis efectiva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica