Chegan as estrelas fugaces Delta Acuáridas: este mapa axudarache a velas

Esta fin de semana terá lugar o pico de actividade destes meteoros, aínda que as nubes presentes nos ceos nocturnos no norte e no sur de Galicia poderían dificultar a súa visión

A choiva de estrelas das Delta Acuáridas pode verse nos ceos dende o 12 de xullo ata o 23 de agosto. Porén, esta fin de semana dará comezo o seu pico de actividade, que terá lugar dende o domingo ata o martes 30 de xullo. Durante estes días, os curiosos poderían chegar a contar entre 15 e 20 meteoros por hora cada noite se a escuridade o permite. A fase lunar destes días é minguante: nos ceos veremos en torno ao 69% da súa superficie, o cal deixará un brillo que podería dificultar gozar deste espectáculo que ten lugar cada verán. Ademais, segundo MeteoGalicia, algunhas zonas do norte e o sur de Galicia terán ceos nubrados durante as noites do domingo e o luns, dificultando así a visión das estrelas fugaces.

As Delta Acuáridas proveñen do cometa 96P/Machholz, e como o seu nome indica, aparecen no ceo xusto onde se atopa a constelación de Acuario. Por iso, a mellor maneira de velas é dirixir os nosos ollos á parte baixa da liña do horizonte. Outro aspecto que fai das Delta Acuáridas un fenómeno especial é a súa duración: mentras que outras choivas de estrelas adoitan durar uns días, o seu período de actividade é de máis dun mes.

Publicidade

Meteoros das Oriónidas. Foto: Wikimedia Commons.

A contaminación luminosa, o principal inimigo

Ademais duns ceos nubrados e dunha Lúa Chea, existe outro inconveniente que podería complicar o feito de ver como unha estrela fugaz percorre a noite fronte a nós: trátase da contaminación luminosa, e en Galicia tamén a temos. Ademais de complicar a observación do ceo nocturno, a contaminación luminosa afecta ao comportamento de moitísimas especies e tamén dana os nosos ritmos circadianos.

A ferramenta Light Pollution Map, que emprega datos recollidos pola NASA e por outros centros de observación do ceo, amosa as zonas cunha maior contaminación deste tipo. Como é lóxico, os centros urbanos adoitan ser eses lugares onde hai unha maior dificultade para a observación das estrelas e doutros fenómenos astronómicos como as choivas de estrelas. É por iso que as zonas de Pontevedra, A Coruña e Vigo móstranse no mapa cunha cor moito máis intensa. Porén, no este das provincias de Lugo e Ourense a contaminación é moito menor, converténdose en espazos moi interesantes dende o punto de vista da observación astronómica. Anímaste a consultar no mapa cal é a contaminación luminosa do teu concello?

Publicidade

As principais cidades son as máis afectadas pola contaminación luminosa en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona