Mércores 24 Abril 2024

VeluMap: así se prevé a expansión da velutina nos próximos anos

VeluMap é unha aplicación web que, en base a unha serie de parámetros, prevé a posible distribución da Vespa velutina en Galicia.

A predición parece clara: a temperatura non é un problema para a Vespa velutina, que xa non ten medo de avanzar tamén cara o interior. A súa presenza intensifícase nos vales do Miño e do Sil, expandíndose dende os núcleos de maior densidade e aumentando o risco das zonas que xa o teñen. Así o aventura VeluMap, unha aplicación web xestionada por Luis Rodríguez Lado, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e xerente de GeoForsk, unha pequena empresa dedicada á aplicación da ciencia de datos na protección ambiental.

Ademais, as observacións mostran que a velutina prefire os solos agrícolas (41,2% dos niños atopados). Nestas zonas, debuxadas principalmente por aldeas e casas illadas, a avespa dispón dunha importante fonte de alimentación. O solo urbano (27,75%) é a segunda opción da especie. Luis Rodríguez Lado aclara que en Galicia o solo agrícola mestúrase moito co rural, e que esta distancia é insignificante para un insecto como a velutina. Porén, admite que no solo urbano existe un sesgo engadido: canto máis volume poboacional, máis probabilidades de atopar os niños.

Publicidade

Outra evidencia que amosa a observación dos resultados é que á Vespa velutina gústalle a costa, caracterizada pola suavidade da temperatura media anual e unha gran amplitude térmica. O pronóstico do Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (PNACC) para Galicia é un aumento de entre 2,6 e 6ºC para 2099, o que segundo o informe dispoñible a 29 marzo na páxina, terá “importantes implicacións na distribución da especie”.

Como nace e como funciona VeluMap?

Esta iniciativa xorde dentro do convenio entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, que apoiaron o proxecto de Luis Rodríguez Lado.

O modelo de distribución define como se expande unha especie en función da súa autoecoloxía (adaptabilidade). Este modelo relaciona a presencia da especie con determinadas condicións ambientais, que en base a unhas funcións matemáticas, un algoritmo e unha linguaxe de programación, dan como resultado un mapa de distribución espacio-temporal.

Os mapas de predición funcionan en base a unha serie de parámetros medioambientais como temperatura, tipo de solo e volume de precipitacións, así como os datos xa coñecidos da presenza da especie proporcionados pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

A combinación destas series de datos dá como resultado, mediante un algoritmo particular, unha cartografía en constante actualización da probabilidade de presenza da velutina. Ademais da cartografía, o programa xera un informe que proporciona estatísticas a nivel municipal.

A aplicación móbil: actualización e colaboración cidadá

Para loitar contra a carencia de datos de lugares despoboados ou pouco transitados, estase a desenvolver unha aplicación móbil de VeluMap, que segundo Lado, estará dispoñible dentro de 15 ou 20 días para iOS e Android. A vantaxe desta aplicación é que permite unha actualización máis precisa en base á colaboración cidadá. Se o usuario localiza un niño, poderá rexistralo directamente, insertando os parámetros que permitan a súa contabilización, como o lugar ou o tipo de árbore en que aparece. Estes datos enviaranse ao servidor, que actualizará o mapa e o informe.

Ledo advirte que existe certo grao de incerteza: “O único que se pode facer é traballar con series ambientais e predicir a curto prazo”, admite. Aínda así, é innegable que a Velutina é unha especie invasora que chegou para quedarse.

Por iso é tan importante dispoñer dun portal aberto, público e gratuito que sirva como consultorio das probabilidades e do risco, pasados presentes e futuros, que corre cada municipio, e poder asignar así os recursos pertinentes.

Por que a avespa asiática avanza sen control?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:26

A cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia, xa ten vídeo 3D para reconstruír a súa historia

O equipo dirixido polo enxeñeiro e espeleólogo Marcos Vaqueiro deseñou un modelo dixital para estudar toda a diversidade do terreo

O virus hemorráxico das vacas provoca a morte de 10 reses en Galicia

A enfermidade transmítese pola picadura dun insecto pero non se pode contaxiar de animal a animal nin tampouco a humanos

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións