Sábado 20 Abril 2024

Sensibilidade química múltiple: sufrir nun labirinto

A ciencia non atopa evidencias sobre a causa desta patoloxía, mais as persoas afectadas padecen problemas serios de saúde

“Estamos a falar de persoas que chegan a ter unha incapacidade social e laboral moi severa, non de terapias cuestionables, e aquí hai unha importante diferencia dentro dos asuntos que desafían a racionalidade”, expón Manuel Castro, médico do CHUAC da Coruña. “É un antes e un despois na túa vida; vas perdendo progresivamente a tolerancia na exposición a determinados compostos químicos, e veste obrigada a modificar os teus hábitos”, conta María Argentina Rey, unha doutora de Ourense que padece desde hai máis de 10 anos os síntomas que se poderían achacar á chamada sensibilidade química múltiple (SQM). Pero ninguén puido aínda atopar a orixe deste conxunto de problemas nin clasificar o seu cadro clínico: son tan amplos e variados que é imposible enmarcalos nunha doenza concreta. É certo que hai persoas afectadas, pero a enfermidade non existe como tal, e é un concepto moi discutido e discutible.

Esta semana, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificaba unha sentenza que recoñece a sensibilidade química múltiple como “accidente laboral” dunha funcionaria da Xunta en Ourense. A decisión desestima o recurso da Consellería de Política Social, que atribuía a baixa a unha “enfermidade común“. O texto xudicial non afonda no diagnóstico, e limítase a tomar unha resolución sobre a situación desta persoa e o seu entorno concreto, pero si argumenta que no espazo de traballo se daban as condicións para que a afectada desenvolvese uns síntomas que a incapacitaron para as súas tarefas, e que xa manifestaran outras traballadoras.

Publicidade

A sensibilidade química multiple é un accidente laboral, segundo un fallo do TSXG

Parece, por tanto, un labirinto sen saída nin solucións, que ás veces se pecha pola incomprensión cara a algúns afectados. Porque o único tratamento que parece ser efectivo por agora, ao non haber unha causa clara, é o de evitar a exposición ás substancias que provocan o malestar, algo que ás veces é difícil para os afectados: determinados aromas son insoportables para eles, mentres o resto da xente apenas os percibe como unha molestia.

Explica Manuel Castro que estas persoas “séntense a miúdo infravaloradas, porque posiblemente tiveron malas experiencias cos servizos de saúde; se non hai confianza polas dúas bandas, a relación médico-paciente está danada e é posible que estes pacientes sexan vítimas de charlatáns que lles ofrecen solucións sinxelas”.

Que di a ciencia sobre a sensibilidade química múltiple?

Pouco, tirando a moi pouco“, subliña Castro. A revisión máis recente en España foi realizada en 2015 polo Instituto Aragonés de Ciencias da Saúde para o Ministerio de Sanidade, actualizando á súa vez outro texto de 2011 (Documento de Consenso. Sensibilidade Química Múltiple). E as súas conclusións son pouco claras. Recoñécese que causa danos en “sistemas como o dixestivo, o cardiovascular, a pel e incluso problemas psíquicos”, pero case nada hai sobre a súa orixe.

“Non é que non haxa evidencia sobre que tratamento vai mellor, senón que nin sequera temos claros nin os primeiros pasos, non temos ferramentas para diagnóstico temperán, agás cuestionarios”, lamenta o médico coruñés, que amosa unha comparación para expoñer a dificultade de achegarse á SQM: “En 10 anos avanzouse máis na investigación de case calquera cancro que en 30 anos nesta condición”.

Castro expón, do mesmo xeito, que “as manifestacions que presentan estes doentes, na súa maioría síntomas e poucos signos, son moi pouco específicos e a miúdo non reproducibles; e os ensaios clínicos mostran con frecuencia que non hai relación entre a exposición e a resposta nos individuos”.

Hai investigacións que aluden ao efecto nocebo, o contrario do placebo, e que reforzan a raíz psicosomática do problema. É dicir, os pacientes só reaccionan de forma adversa a determinados compostos cando se lles permite distinguir entre as substancias reais e as simuladas, polo que o rexeitamento non é ante algúns compostos per se, senón que o problema xorde de crenzas e expectativas a priori.

Nas súas conclusións, o informe de 2015 destaca unha certa asociación da SQM a enfermidades alérxicas, nas que hai unha maior incidencia, aínda que subliña “as lagoas sobre as causas e bases fisiopatolóxicas” deste problema. Do mesmo xeito, os síntomas “inespecíficos” e a “falta de consenso na definición de sensibilidade química múltiple dificultan o diagnóstico”. Ante isto, o texto avoga pola “adopción de medidas que sensibilicen á poboación sobre a SQM podería influír na redución da exposición a substancias desencadeantes, e que melloraría a comprensión desta patoloxía e ás persoas que a padecen por parte da poboación xeral”.

Porén, ao contrario do que se pode ler nalgunhas webs, a SQM non está recoñecida como doenza en ningún país, tal e como explica o xornalista e divulgador científico Luis Alfonso Gámez no seu blog Magonia.

Hipóteses e estigma

Aínda que nada se sabe, os investigadores manexan dúas hipóteses principais sobre as causas desta amálgama de síntomas. “Unha refírese a unha afección orgánica provocada por substancias esóxenas; a chamada hipótese ambientalista. E a outra atribúe o trastorno a factores psicolóxicos“, resume Manuel Castro.

A revisión científica de 2015 fala, no mesmo sentido, da posible orixe “psicolóxica e/ou psiquiátrica, que inclúe o plano psicosomático; a xenética, que postula a existencia de alteracións (…) que xeran toxicidade e consecuentemente enfermidade; a hipótese química con sensibilización alérxica e resposta olfativa na que participan os disruptores endócrinos e onde tamén poderían verse implicados os linfocitos T, a hipótese anatómica por alteración da percepción olfativa, ou a neurolóxica por sensibilización do sistema límbico”, entre outras.

E o texto non nega a realidade do problema: “A SQM ten un impacto enorme na calidade de vida das persoas que a a padecen”, recoñece a revisión. Pero ao mesmo tempo, a inconcreción chega a causar graves prexuízos ás persoas afectadas. “Vemos que moitas veces se nos tilda de finxidoras ou folgazás que non queren traballar: non se poderá reparar o dano que xa se fixo a moitos enfermos ao negar a base orgánica da enfermidade; é algo irreparable porque supón aumentar o sufrimento e o rexeitamento da sociedade”, denuncia María Argentina Rey.

Do mesmo xeito, a falta de diagnóstico supón que “os enfermos poden peregrinar de especialista en especialista varios anos, e o retraso neste ‘diagnóstico’ significa agravar a enfermidade”, expón María.

O camiño de xurisprudencia que podería abrirse coa sentenza do TSXG sobre a afectada de Ourense pon de manifesto a magnitude do problema da sensibilidade química múltiple, que padecen centos de persoas en Galicia, segundo algunhas agrupacións de afectados. E o labirinto, toda vez que a enfermidade segue sen existir ou, polo menos, sen estar catalogada, parece lonxe de amosar unha saída. É tarefa da ciencia atopar, como tantas outras veces, unha solución á incógnita.

Para máis información pode consultarse a “Actualización de la Evidencia Científica
sobre Sensibilidad Química Múltiple (SQM)” (ligazón en PDF)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

Do útero á tumba: como o ambiente no que vivimos inflúe na nosa saúde

Un equipo de investigadores europeos estudan a relación entre a contorna e a enfermidade para evitar doenzas no futuro

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

O catedrático de Medicina da USC Alberto Ruano cuestiona un procedemento que pode ser moi caro e producir sobrediagnósticos

Probamos o ‘traxe da vellez’: así é vivir coma se tiveses 90 anos

O Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría acolle a presentación do simulador co que se experimenta os achaques da idade