A sensibilidade química múltiple (SQM), unha síndrome que afecta a persoas que se expoñen a determinados compostos químicos e provoca malestar de moi diversos tipos en quen a padece, debe considerarse como un “accidente laboral“, segundo unha resolución do Tribunal de Xustiza de Galicia (TSXG) a raíz do caso dunha funcionaria da Xunta en Ourense, supostamente afectada por SQM “debido ao contacto cos produtos químicos do ambiente”. O tribunal confirmou esta semana unha sentenza do ano pasado, rexeitando o recurso presentado pola Xunta de Galicia. A Administración autonómica defendía que se trataba dunha “enfermidade común“, non causada polas condicións do seu posto de traballo.
En setembro de 2018, o Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense xa ditaminara que a afectada, que traballaba nun edificio de oficinas da cidade, padecía o problema debido a que o lugar tiña “limitacións” para ser ventilado de maneira natural, “sobre todo en ocasións puntuais nas que se acumularon máis axentes químicos e po no aire”. A sentenza destacaba tamén a importancia dos produtos usados na reforma e limpeza do inmoble, “como lixivia ou amoníaco“. Alén disto, o maxistrado sinalaba que había outra traballadora do edificio que padecía “os mesmos síntomas” e que “unha parte do persoal das oficinas” protestou “polas molestias que xera o sistema do aire acondicionado”.
Na nova resolución, o TSXG fundamenta a súa decisión na Lei Xeral da Seguridade Social, no seu artigo 156.3; a norma subliña que “se presumirá, salvo proba en contrario, que son constitutivas de accidente de traballo as lesións que sufra o traballador durante o tempo e lugar de traballo”. E por tanto, a xuízo do tribunal, “non se chegou a practicar a instancia da Administración proba suficiente que conseguira destruír esta presunción”. Máis ben ao contrario, apunta a resolución, “a proba practicada, analizada e correctamente valorada polo xuíz de instancia corroborou que a doenza que provocou a baixa laboral da afectada se produciu no lugar e tempo de traballo”.
O tribunal pon tamén o acento en que “o relevante era comprobar se as condicións ambientais en xeral nas que prestaba o seu traballo favorecían as reaccións alérxicas que padeceu, e que derivaron nunha baixa por incapacidade temporal, e así se demostrou”.
Un xuíz de Ourense recoñece a sensibilidade química múltiple como “accidente laboral”
Tamén sostén a resolución xudicial que “quedou acreditada a relación causal entre as condicións nas que a actora prestaba o seu traballo e a síndrome de sensibilidad química múltiple que sufriu e provocou a súa baixa laboral”, engadindo que “a proba practicada demostra que a síndrome se iniciou no lugar de traballo pois ademais, e segundo manifestacións do técnico superior en prevención de riscos laborais autor do informe que achegou a afectada, nel existían substancias desencadeantes que lle xeraban unha resposta sintomatolóxica.
Na súa argumentación, o TSXG tamén “comparte a crítica” dirixida á inspección de traballo e os servizos de prevención de riscos laborais da Xunta de Galicia en canto á existencia de precedentes con outras traballadoras, “que lles obrigaba a extremar o labor de comprobación e avaliacón dos riscos químicos e biolóxicos“.
Que é a sensibilidade química múltiple?
A SQM é unha patoloxía de orixe descoñecida, cunha prevalenza estimada de entre o 0,02 e o 0,04% da poboación xeral, e maior en persoas con alerxias previas. Caracterízase, segundo manifestan os afectados, por un amplo abano de molestias, que van desde os problemas no aparello dixestivo, cardiovascular, na pel e saúde mental, e están provocados pola exposición a diversos tipos de axentes e compoñentes, tanto sintéticos como os que se atopan no medio ambiente, tales como produtos de limpeza, perfumes, praguicidas ou fármacos.
É obxecto dun importante debate na comunidade científica, debido ás grandes lagoas que perduran sobre a súa orixe. Non está recoñecida na Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE).
Ata o de agora, o tratamento máis eficaz nas persoas afectadas foi evitar a exposición ás substancias que presumiblemente desencadean a patoloxía.