Un estudo galego constata a relación entre a calidade de vida e a competitividade nas urbes

A calidade de vida é un recurso estratéxico clave para mellorar a competitividade das cidades. Así o pon de manifesto o artigo Quality of life in cities: An outcome and a resource?, publicado no European Research on Management and Business Economics e que é froito do traballo desenvolvido por persoal investigador da Universidade de Santiago (USC) e da Universidade da Coruña (UDC).

O estudo afonda en como a calidade de vida é moito máis que un fin en si mesmo xa que xera, á súa vez, unha serie de consecuencias que redundan no poder competitivo das urbes. Para chegar a esta conclusión, o equipo investigador avaliou as variables de transparencia, reputación, calidade de vida, competitividade e cidade intelixente en 50 cidades españolas capitais de provincia.

Publicidade

Segundo destacan dende as universidades, que un espazo urbano sexa competitivo implica maior produtividade, ou o que é o mesmo, un tecido empresarial vizoso que xera, entre outros elementos, ingresos e emprego. Agora, o estudo liderado dende a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo evidencia que o feito de gozar dunha boa calidade de vida non implica unha situación de acomodo por parte das cidades, senón máis ben todo o contrario: as cidades que viven mellor en termos de calidade, elevan o seu poder competitivo.  

Máis poboación nas cidades

“No mundo actual, as cidades albergan máis do 50% da poboación, unha porcentaxe que seguirá aumentando nas próximas décadas”, sinalan dende o equipo investigador. Segundo previsións de Nacións Unidas, esta porcentaxe alcanzará o 68% en 2050. Esta crecente importancia do papel das cidades chamou a atención tanto das autoridades públicas como do mundo académico sobre cuestións como a gobernanza dos espazos urbanos, a calidade de vida ou a competitividade das cidades.

Publicidade

“O noso estudo sitúa a calidade de vida non só como un resultado importante, senón tamén como un recurso estratéxico capaz de mellorar a competitividade das cidades”, destacan. “Neste sentido, os gobernos poden utilizar a avaliación comparativa tratando de descubrir que políticas se implementan nas cidades con taxas de calidade de vida máis altas e poñelas en práctica nas súas respectivas cidades”, engaden. Dende esta perspectiva e a xuízo do equipo investigador, que os gobernos deseñen políticas para que a cidadanía viva mellor ten un impacto directo no desenvolvemento económico da zona en cuestión.

Cidades intelixentes

O estudo contribúe a mellorar o coñecemento sobre a calidade de vida nas cidades, profundando non só nos seus antecedentes, senón tamén nos seus resultados. Por unha banda, exponse como a calidade de vida nunha cidade pode verse impulsada por recursos de gobernanza como a transparencia e a reputación; mentres que doutra banda, proponse que a calidade de vida pode verse como un recurso estratéxico que conduce a unha maior competitividade da cidade, o que á súa vez pode actuar como un indutor dun maior índice de cidade intelixente.

O traballo é o primeiro artigo emanado da tese de doutoramento de María J. Pazos García, doutoranda no programa Economía e Empresa da USC. Figuran como coautores os profesores da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Vicente López López e Guadalupe Vila Vázquez, ademais da profesora de UDC, Susana Iglesias Antelo. A tese de María J. Pazos García afonda na calidade de vida nas cidades, os seus determinantes e consecuencias, e garda relación con varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entre eles o ODS 11, lograr que as cidades sexan más inclusivas, seguras, resilientes e sostibles. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro