Catro científicos de Galicia, entre o 1% dos máis citados do mundo

A entidade Clarivate Analytics publicou este martes a lista Highly Cited Researchers (HCR), que recolle aos investigadores situados entre o 1% dos máis citados en cada campo e en cada ano en Web of Science, e baseada nos traballos publicados e citados durante a última década. E na lista están catro científicos galegos: Jesús Simal e Maurizio Battino (UVigo), Juan José Nieto (USC), e Luis Liz Marzán (Ikerbasque). Na lista figurou tamén, durante 17 anos, o investigador da UVigo David Posada, autor dun dos artigos máis citados da historia, e publicado en 1998, mais ao cambiar de liña de investigación xa non foi incluído este ano.

Este ano, a lista HCR incorpora unha nova categoría denominada cross-field, que segundo explica Clarivate Analytics inclúe a científicos que traballaron en diferentes campos ao longo dos últimos anos. E nesta categoría é na que aparecen Jesús Simal e Maurizio Battino, convertendo á UVigo na universidade galega con máis investigadores nesta lista.

Jesús Simal

A incorporación de Jesús Simal no HCR List levouno a abandonar a súa responsabilidade como vicerreitor de Internacionalización, cargo que ocupa desde hai unhas semanas a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Maribel Doval. “O noso foco hoxe está no estudo dos compostos orgánicos persistentes (COP) desde o punto de vista da saúde pública (epidemioloxía, toxicidade de mesturas, metabolitos…) e no dos metabolitos secundarios e alimentos de orixe vexetal, explorando os mecanismos moleculares que xustifican a súa actividade”, explica Simal en relación coa actividade investigadora que desenvolve o seu grupo.

“Todo isto é froito dun traballo colectivo. Axuda a mellorar a visibilidade do meu grupo e investigación, do departamento, da facultade Ciencias, da agrupación estratéxica de investigación do campus e do Campus de Ourense, ademais de axudar ao posicionamento da Universidade de Vigo no contexto da actividade científica mundial, especialmente no ámbito agroalimentario”, engade o científico.

Maurizio Battino

Pola súa banda, tras a súa incorporación á Universidade de Vigo, o director científico do Center for Nutrition & Health da Universidad Europea del Atlántico e docente da Università Politecnica delle Marche, Maurizio Battino, dirixe o Nutrition and Food Science Group do que forman parte as e os investigadores Tamara Yuliett Forbes, Miguel Ángel Prieto e Patricia Reboredo. “Cun número de citas que supera as 20.000, Battino é un nomeamento administrativo e incorpórase como investigador distinguido, encargado da dirección dun grupo de científicas e científicos, formados e con praza na Universidade de Vigo”, explica o reitor, Manuel Reigosa, en relación co experto en bioquímica alimentaria, que no ano 2015 xa foi recoñecido por Thomson Reuters como un dos investigadores máis destacados do mundo.

Juan José Nieto

O catedrático de Análise Matemática na USC, aparece na categoría de Matemáticas, despois de figurar xa o ano pasado xunto á súa compañeira de Facultade Rosana Rodríguez, e estaba tamén na listaxe que elabora Thomson Reuters, nas edicións de 2014 e 2015. Nieto Roig é tamén membro da Real Academia Galega de Ciencias e autor ou coautor de máis de 300 artigos de investigación publicados en revistas internacionais.

Recentemente Nieto, que foi decano da Facultade de Matemáticas e director do Instituto de Matemáticas da USC, recibiu recentemente en Santiago unha homenaxe pola súa longa e contrastada traxectoria.

Luis Liz Marzán

Finalmente, na categoría de Ciencia de Materiais, aparece citado Luis Liz-Marzán, científico galego que actualmente é o director científico do CIC Biomagune do País Vasco, e ao que precisamente este martes entrevista GCiencia.

Liz Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo (1995 – 2012). Foi ademais profesor visitante en varias universidades e centros de investigación de Xapón, Estados Unidos, Europa, Australia e Arabia. A súa investigación centrouse no crecemento controlado de nanopartículas, a súa ensamblaxe na escala nanométrica e as súas propiedades ópticas. Ademais, desenvolveu aplicacións destes materiais na área biomédica, fundamentalmente en diagnóstico e bioimaxe.

Liz- Marzán ten publicados máis de 400 artigos en revistas científicas e de divulgación, é co-inventor de 8 patentes e impartiu máis de 300 conferencias convidadas en congresos e institucións de investigación de todo o mundo. É editor da revista ACS Omega, e asesor editorial doutras publicacións. Recibiu varias distincións, como a ERC Advanced Grant, o Premio Rey Xaime I, o Premio Humboldt ou a Medalla da Real Sociedade Española de Química. Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e da European Academy of Sciences

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego descifra a ruta dos contaxios de covid a partir da información xenética

Un estudo publicado polo proxecto Epicovigal usa ferramentas máis precisas para predicir gromos a escalas máis pequenas, como a cidade de Vigo

O catedrático da USC, Juan José Nieto, galardoado co Premio Conde de Cartagena

O recoñecemento en investigación traslacional, concedido pola Real Academia Nacional de Medicina,débese ao seu traballo sobre a loita contra a Covid-19 e futuras epidemias

Pode o microbioma intestinal predicir o cancro colorrectal? Un estudo da UVigo quere sabelo

A Asociación Española Contra o cancro financia con 274.000 euros o proxecto do laboratorio de Filoxenómica que lidera David Posada no CINBIO

Estes son os investigadores de USC e UVigo entre os máis citados do mundo

Juan José Nieto, Álvaro Goyanes, Jianbo Xiao e Francisco J. Barba repiten na listaxe anual que elabora Clarivate